# Hashtag

Non haberá fusión en Chantada: os socios da SD opóñense en masa

Non houbo sorpresas en Chantada. Non haberá fusión entre os dous equipos da vila do río Asma que compiten na Primeira Futgal. Así o confirmou o resultado da votación celebrada este luns durante a asemblea extraordinaria de persoas socias da SD Chantada. Un contundente 77% dos votos emitidos rexeitaron a a proposta de fusión entre a SD e o Chantada Atlético. Así, a localidade seguirá contando con dous equipos sénior na tempada 2025/26 (para esta xa non era posible aínda cun resultado favorable, por cuestión de prazos).

A iniciativa para unir os dous clubs xurdira dende o consistorio. A propia concelleira de Deportes, Belén Vázquez, defendeu a proposta na asemblea da SD Chantada. Dixo que o obxectivo é «o ascenso» e considerou que coa unificación sería posible conseguilo. O club resultante, explicou, contaría cunha nova directiva, que sería a encargada de escoller o nome do novo club. Os cadros de xogadores unificaríanse e como primeiro equipamento seguiría o da SD, mentres que o do Atlético quedaría como segundo. En canto ao escudo, dende o Chantada Atlético amosáronse dispostos a manter o da SD.

Con todo, nada diso se levará a cabo. Os socios e socias da SD Chantada, que celebrou a súa asemblea ás 20:00 horas deste luns (na imaxe), opuxéronse en masa. Dos 180 votos emitidos, 139 foron en contra da fusión, 38 a favor e tres foron en branco. Deste xeito, un incontestable 77% dos participantes dixeron non á fusión.



Coñecido este resultado, o Chantada Atlético celebrou a xuntanza cos seus socios; neste caso, o resultado foi favorable á unificación por ampla maioría.

Deste xeito, os dous clubs manterán camiños separados, agás que se produzan novos intentos de fusión nos vindeiros meses. Esta tempada, ambos os dous competirán na Primeira Futgal. Nas últimas semanas, a SD Chantada traballou arreo para renovar a boa parte do cadro de xogadores, co que esta tempada xogaron o play-off de ascenso a Preferente e mais a final da Copa Deputación de Lugo. Pola súa banda, o Chantada Atlético aínda non comunicou novidades, polo menos nas redes sociais.

O Chantada Atlético seguirá competindo

Malia os rumores a que apuntaban que a continuidade do Chantada Atético podía depender de que a fusión saíse adiante, dende a directiva apresuráronse a negalo. A xornalista chantadina Eva R. Argiz, colaboradora de Futbolinlugo, sinala que os mandatarios do club «indicaron que manterán o primeiro e o segundo equipo«.



Durante a asemblea que valorou a posible unión dos clubs, un exdirectivo do Chantada Atlético amosouse disposto a que o adestrador do club resultante da fusión fose o actual da SD, Adrián Méndez ‘Traste’. O técnico, sorprendido, indicou que el aceptara a renovación da SD e que estudaría de novo a proposta en caso de que saíse adiante a unificación.

O fútbol en Chantada

A SD Chantada foi fundada no ano 1970. Antes xa houbera equipos na vila. O Atlético [non o actual Chantada Atlético] foi fundado en 1915 por José Arias e cinco anos despois Ramón Soto creou o Fortuna. Durante anos, o campo de Zaquín acolleu numerosos encontros e, máis tarde, o fútbol chegou ao Sangoñedo, onde se asenta o único campo co que conta a vila na actualidade.

De feito, isto representa un importante problema. A SD Chantada conta cun equipo en Primeira Futgal e un filial en Terceira, así como un feminino en LGF 2ª e outros dous da base. O Chantada Atlético, pola súa banda, ten, ademais do primeiro equipo, un filial no que xogan os xuvenís. Ademais, as escolas deportivas teñen un de veteráns e dous de categorías infereiores. En total, dez equipos e un só recinto deportivo. O Parlamento galego acordou recentemente construír un segundo campo na localidade.



Seareiros da SD Chantada nun partido da pasada tempada / SDC

No ano 2011 foi cando xurdiu o actual Chantada Atlético. Impulsaron a súa creación antigos xogadores da SD Chantada, contrarios ao modelo que xestión que seguía a directiva daquel momento. Hai dúas tempadas estrearon un equipo xuvenil que a pasada campaña transformaron en equipo filial.

A relación entre a SD e o Atlético atravesou diferentes etapas. Con todo, segundo puido saber FutbolinGalicia, nos últimos tempos os dous clubs mantiñan bo trato. A rivalidade dentro dos terreos de xogo non desapareceu, como é lóxico, pero fóra non existía mal ambiente entre eles.

Non haberá fusión en Chantada: os socios da SD opóñense en masa

Diario Dun Mercado Terceira RFEF. Episodio 9

Non haberá fusión en Chantada: os socios da SD opóñense en masa

Diario dun Mercado Preferente Sur. Episodio 5

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *