Cinco tempadas precisou o CD Boiro para volver a Terceira. Non foron anos doados, especialmente a nivel económico, pero o obxectivo xa está cumprido. Agora, o cadro de Barraña mira o futuro con grande ilusión. E faino logo dunha tempada moi especial, marcada pola eliminatoria copeira ante o Mallorca. Marcos Martínez preside o club dende o ano 2020.
Futbolingalicia: Que sentiu co asubío final o día do ascenso?
Marcos Martínez: Unha sensación de alivio, de chegar a bo porto e conseguir o que nos propuxeramos ao inicio da tempada, que era retornar a Terceira RFEF. Por todo o traballo feito estes anos, quedaba poñer o broche co ascenso e ese asubío final foi unha alegría enorme. Lográmolo e as caras de felicidade son totais no equipo.
FIG: Que supón para o CD Boiro xogar a vindeira tempada en Terceira?
MM: En primeiro lugar, retornar a unha categoría de ámbito nacional. A Terceira xa ten outra dimensión dentro do fútbol galego e nacional e maior visibilidade. Por outra banda, serve para poñer en valor o traballo feito nestes anos de sufrimento e penuria económica. Tamén é importante polo agarimo dos nosos afeccionados e a aposta que fan os patrocinadores.
FIG: Como celebrastes o ascenso tras o partido ante o Eume?
MM: Tiñamos as sorpresas gardadas nunha caixa. Non queriamos adiantarnos e poñer o carro antes que os bois. Sabemos que isto é fútbol e tiñamos todo o respecto cara ao Eume Deportivo, malia vir descendido. Así que ao remate do partido celebramos en Barraña coa nosa afección un bo anaco. Houbo máis de 1.500 persoas no campo! Logo, máis na intimidade, fixemos unha festa privada entre cadro de xogadores e directiva. Estivemos ata altas horas da madrugada e as alegrías foron desbordadas! (risos).
FIG: Falando da afección, a Terceira RFEF gaña moito coa vosa chegada.
MM: O que podo asegurar é que os equipos que nos visiten atoparán un escenario moi futboleiro. Cónstame que a moitos lles gusta xogar en Barraña polo ambiente e pola grande afluencia de espectadores.
FIG: Botando a vista atrás, decidistes mudar de adestrador a falta de catro xornadas e co equipo en postos de ascenso. Que vos levou a iso?
MM: Foi unha das decisións máis duras que tiven que tomar como presidente, avalado polo resto da xunta directiva. Non foi doado, pero viamos que o equipo precisaba un cambio: tiñamos que liberarnos da presión que podiamos ter enriba. Manteño que grazas tamén ao traballo do anterior corpo técnico conseguimos o ascenso. O traballo de Anxo Casalderrey e o seu segundo, Javi Santos, ten moitísima importancia.
«Cardeñosa vai ser o adestrador o ano que vén»
FIG: Ese cambio levou o nome de Cardeñosa, un vello coñecido en Boiro. Seguirá a vindeira tempada como adestrador?
MM: A contratación de Cardeñosa era para estes últimos catro partidos e vai ser adestrador o ano que vén. Vai iniciar o camiño na Terceira e a nosa idea é que bote moito tempo con nós no Boiro. Iso querería dicir que as cousas se están facendo ben e que el tamén se atopa feliz aquí.
FIG: Cal será o obxectivo do CD Boiro a vindeira campaña?
MM: Creo que aportaremos un equipo que vai saír con moita ilusión e idea de manterse na Terceira RFEF. Non queremos ser un equipo ascensor, queremos asentarnos na categoría estes vindeiros anos.
«Saímos co marcador a cero, pero o club xera recursos para afrontar a vindeira campaña»
FIG: Para afrontar ese reto a nivel económico, axudaranvos os ingresos do partido de Copa do Rei ante o Mallorca?
MM: A situación económica do Boiro nos últimos sete anos foi moi difícil. Herdamos unha débeda moi elevada para un equipo de Preferente e fomos quen de poñer as contas ao día. Grazas ao impulso que nos deu participar na Copa do Rei amortizamos o pico de débeda que quedaba. Agora saímos co marcador a cero, pero o club xera recursos para afrontar a vindeira campaña. Seguiremos traballando para conseguir máis medios e facer fronte aos custos que nos xere a tempada que vén.
FIG: Máis dun afeccionado do Mallorca felicitou o Boiro polo ascenso. Estableceuse unha boa relación?
MM: A verdade é que nos sorprendeu este apoio! Nós tamén estabamos con eles cando disputaron a final da Copa. Creouse un lazo de amizade importante entre as dúas entidades e moitos seguidores do Mallorca felicitáronnos polo ascenso. O partido do Copa tivo moita repercusión. Que un equipo de Primeira División e campión de Copa visite unha vila de 19.000 habitantes foi un xute de adrenalina de categoría. Fíxonos moita ilusión traer ese partido a Barraña, malia os ofrecementos por xogar noutros campos con máis aforo. A nosa idea sempre foi xogar aquí e gozar dos preparativos.
O equipo de mozos que soñou con todo na Preferente Norte - Futbolin Galicia
21st May 2024[…] Marcos Martínez, CD Boiro: «O ascenso pon en […]
Fichaxes galácticas para un CD Lalín que se lanza polo ascenso - FutbolinGalicia
18th Jun 2024[…] Marcos Martínez, CD Boiro: «O ascenso pon en […]
Diario Dun Mercado Terceira RFEF. Episodio 8 - FutbolinGalicia
15th Jul 2024[…] Marcos Martínez, CD Boiro: «O ascenso pon en […]