# Hashtag
O Arenteiro levantou a Copa Federación en novembro de 2022

O CD Lugo e o Arenteiro, inscritos para xogar a Copa Federación

A fase galega da Copa Federación pode contar con dous equipos de alto nivel. A diferenza de edicións anteriores, nas que había conxuntos de Segunda e Terceira RFEF, desta volta están apuntados tamén dous equipos de Primeira RFEF. O CD Lugo e o Arenteiro figuraban este xoves na listaxe, se ben o prazo de inscrición aínda non pechou e pode haber cambios.

Con todo, no caso dos carballineses era unha opción coñecida. A través deste torneo poden buscar un billete para a Copa do Rei, logo de que se lles escapase na última xornada ligueira ao caer goleados ante Unionistas. Primeiro deberán superar a fase galega desta Copa Federación e chegar ás semifinais da fase nacional.

Disputar a Copa do Rei tamén semella ser o obxectivo do Club Deportivo Lugo. Os albivermellos viviron unha gran xornada en xaneiro, ao recibir no Anxo Carro todo un Atlético de Madrid. Con todo, quedaron lonxe de acadar a clasificación copeira na liga, ao rematar na décima posición, cando só lograron o pase ata o sétimo clasificado, que foi precisamente o conxunto salmantino.



Cómpre sinalar que na Primeira RFEF gañan o dereito a participar na Copa do Rei os cinco primeiros de cada grupo, mais o Barça Atlètic e o Celta Fortuna, pola súa condición de filiais, non tiveron opción.

O do Arenteiro e o Lugo, en caso de confirmarse a inscrición, non son casos illados. Por exemplo, en Euskadi, o Sestao River de Primeira RFEF tamén se anotou na Copa Federación. Son conscientes de que o premio é importante, pois os catro semifinalistas desta competición teñen garantida a súa presenza no bombo do sorteo da primeira rolda da Copa do Rei.

Na edición de 2024 da fase galega da Copa Federación semella que o nivel será, polo tanto, moito maior. Aos dous equipos do terceiro chanzo do fútbol nacional sumaranse outros de Segunda RFEF. É o caso da SD Compostela, que hai dúas tempadas caeu ante o Arenteiro na final da fase galega. Os de Antón Permuy tentarán dar unha alegría á súa afección. Tamén estaba inscrito na tarde deste xoves o Coruxo.



Os últimos gañadores da fase galega

Nos últimos dous anos, os vencedores desta Copa Federación foron equipos de Segunda RFEF que, curiosamente, acabaron logrando o ascenso. En 2022 venceu o Arenteiro, que máis tarde acadaría tamén o título na final nacional (na imaxe principal) ante a UD Alzira.

Foi o 2 de novembro de 2022, cando, no estadio Luis Suñer Picó, a 900 quilómetros de Espiñedo, o equipo entón adestrado por Fran Justo acadaba o seu primeiro título a nivel nacional. Esa Copa Federación foi o anuncio da histórica campaña que tiñan por diante os verdes e que rematou co seu ascenso a Primeira RFEF.

Outro equipo da mesma provincia, o Ourense CF, foi o gañador da fase galega o pasado ano. Os de Rubén Domínguez superaron ao Racing Club Villalbés en penaltis para levantar o título. Con todo, na fase nacional caeron en dezaseisavos, a primeira rolda, eliminados pola Gimnástica de Torrelavega.



Calendario da Copa Federación

A primeira eliminatoria da fase galega desta Copa Federación disputarase a primeira fin de semana de agosto. Segundo puido saber FutbolinGalicia, este anuncio caeu como unha xerra de auga fría nos equipos da Terceira RFEF. Moitos deles comezarán a adestrar o 29 de xullo e outros mesmo o 1 de agosto. Polo tanto, non ven viable chegar en condicións para os días 3 e 4 de agosto —moito menos se o seu rival é da entidade do Arenteiro ou Lugo—, o que está dando lugar a renuncias.

O ano pasado, a final galega desta competición celebrouse o 30 de agosto, no campo da Medela (Taboada, Lugo). Despois, a fase nacional disputouse entre setembro e novembro, desenvolvéndose en catro eliminatorias. Así, a primeira ronda xogouse o 27 de setembro e o vencedor do torneo coñeceuse o 22 de novembro.

A Copa Federación xa está nas vitrinas de catro equipos galegos. Ademais do Arenteiro, que a gañou en 2022, previamente acadaran o título o desaparecido CD Ourense (2007/08 e 2013/14), o Pontevedra (2006/07 e 2017/18) e o RC Celta B (2001/02).

O CD Lugo e o Arenteiro, inscritos para xogar a Copa Federación

A revolución do fútbol feminino da Costa

O CD Lugo e o Arenteiro, inscritos para xogar a Copa Federación

Camilo Perol, Flavia SD: «O Flavia é

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *