# Hashtag
#Entrevistas #Preferente #Preferente Galicia Norte

Jairo Arias, Montañeros: «Creo que nos condenou a falta de acerto»

O Atlético Coruña Montañeros volve a ser un club de referencia na cidade da Coruña. Os de Elviña están a rexurdir das súas cinzas e, paseniño, a recuperar o nivel que amosaron na década dos 2000. O curso 2023/2024 saldouse cun primeiro equipo que coqueteu co ascenso á Terceira División, aínda que ao final rematou a temporada no sexto posto, cun balance de 52 puntos en 34 partidos.

O adestrador do conxunto morado é Jairo Arias Iglesias (Avilés), un home da casa que pasou polas categorías de fútbol base e asumiu os mandos do primeiro equipo no verán de 2023. Ademais, o preparador asturiano compaxinou a súa función coa dirección dun Xuvenil ‘A‘ que rematou ascendendo á División de Honra. Polo tanto, podemos falar do bo traballo que se está a realizar no campo e nas oficinas por parte do club herculino.

Jairo, xa renovado, ten o seu cadro de xogadores case pechado e conta con asinar unha boa actuación na campaña 2024/2025.



Entrevistamos ao técnico do Montañeros

Futbolingalicia: Tiveches dúbidas con respecto a túa continuidade como adestrador?

Jairo Arias: Non. En xaneiro, de feito, houbo un primeiro acercamento entre Alfredo e eu. Eles querían que continuase e eu teño claro que o proxecto non chegou á súa fin. No momento no que se puxeron en contacto conmigo eu tamén o tiña claro, así que o pechamos nese mesmo momento.

Fig: Cal é o obxectivo do Montañeros na 2024/2025?



JA: Sempre hai que ser ambiciosos. Somos un club cun presuposto humilde en comparación con outros da categoría, pero estamos moi ilusionados co cadro de xogadores que renovamos e incorporamos, así que tentaremos quedar o máis arriba posible e loitar polo máximo.

Fig: Como vai xogar o equipo de Jairo Arias?

JA: Continuaremos co traballado no curso pasado. Renovamos unha porcentaxe importante dos xogadores, xa instauramos un modelo e unha identidade. Ademais, subimos xuvenís que adestraba eu tamén e coñecen a miña idea. Fichamos xogadores que se adaptan moito ao modelo e outros que cubren necesidades e que non tiñamos este curso pasado.



Fig: Que faltou este ano para acadar o ascenso?

JA: Con Boiro e Noia non perdimos nin un partido dos catro: gañamos un e empatamos un. Non me vin inferior a ningún deles, que incluso merecimos gañar. Creo que a falta de acerto nos condenou: empatamos 13 partidos e creo que polo menos 7 tiñan que ter caído do noso lado. Faltou acerto no último tercio, analizando a cantidade de opcións que xeramos.

«O Montañeros de hai moitos anos tiña un presuposto ben diferente«

Fig: Ten o «Monta» un proxecto para voltar a categorías como 2ª RFEF?

JA: É moi complicado. Ao final hai moitos factores, pero o económico é moi importante. O Montañeros de hai anos tiña un presuposto ben diferente, estaba feito para ascender categorías co presuposto máis alto da categoría na que xogaba. Agora a filosofía mudou e o ano que se consiga o ascenso —se chega— será con xente da casa, apostando pola canteira.

montañeros
Jairo, no banco do seu equipo.

Fig: Por que abandonaches o banco do Xuvenil tras o salto de categoría?



JA: Entendín que era imposible compatibilizar ambas labores, máis co hándicap que temos na Coruña por non ter campo propio. É un pouco no plano organizativo. Ademais no plano persoal eu tamén teño a miña muller, teño que saber conciliar… E por último na cuestión de saúde mental: este ano foi moi bonito polo conseguido cos dous equipos, pero tamén moi estresante. Se non fose como foi, igual non eramos tan fortes para levalo a cabo.

Fig: Desvinculácheste completamente do fútbol base morado?

JA: Non, para nada. Eu teño un papel moi importante na base do club: convivo no día a día cos coordinadores Pablo e Borja, falamos de xogadores aos que podemos incorporar… e este ano levarei tamén un pouco da coordinación e a metodoloxía do Fútbol-8.

«Tiven unha proposición dun equipo de Murcia»

Fig: Seica a rapazada da Coruña xa oposita para xogar con vós.

JA: Isto é como todo. División de Honra Xuvenil é unha categoría moi atractiva, somos o único equipo da Coruña xunto ao Dépor que competirá aí, e a xente quere xogala. Chámante, están dispostos a facer pretemporadas e queren demostrar que son de División de Honra.

Fig: Tiveches ofertas de categoría superior?

JA: Tiven unha proposición para ir a un equipo de Murcia, pero non a valorei porque a miña vida familiar está aquí e as condicións non eran diferentes das que teño aquí. Tamén tiven conversas con xente que se quixo interesar pola miña situación, pero nada máis.

Fig: Onde está o teito de Jairo Arias?

JA: Non sei nin onde vou estar mañá, así que é difícil dicilo. Quero progresar, son un apaixoado do fútbol, vivo as 24 horas e os 7 días da semana pendente deste mundo, pero quero desfrutar do proceso e do camiño. Ata onde poida chegar estarei orgulloso do traballo e do que estou facendo.

Jairo Arias, Montañeros: «Creo que nos condenou a falta de acerto»

Diario dun Mercado Preferente Norte. Episodio 2

Jairo Arias, Montañeros: «Creo que nos condenou a falta de acerto»

Marta Álvarez, CD Lugo: «Pensabas na xente

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *