# Hashtag

Fichaxes galácticas para un CD Lalín que se lanza polo ascenso

O mercado non se detén na Preferente Norte e un dos equipos que máis ambición está a demostrar é o CD Lalín. O conxunto do Manuel Anxo Cortizo asinou dous xogadores procedentes do Arosa de Terceira RFEF, como son Brais Pedreira e Diego Enjamio, e o seu presidente, David Méndez, avanza que poden chegar máis fichaxes galácticas. O obxectivo téñeno claro, o ascenso.

Paradoxalmente, estas incorporacións chegan ao inicio dunha campaña na que os roxinegros parten cun menor orzamento con respecto ao pasado curso. Traballarán con arredor de 115.000 euros para afrontar a súa segunda tempada consecutiva na Preferente.

A clave, asegura Méndez, «é que estamos vendendo máis o proxecto deportivo que o económico«. Iso foi o que seduciu aos centrocampistas Enjamio, que vén de asinar unha gran campaña no Arosa, e Pedreira, que regresa a un club que coñece ben. Tamén chegou Mario Barreiro, gardamallas procedente dun Boiro co que acadou o ascenso e que rematou como porteiro menos goleado da categoría.



Preguntado por FutbolinGalicia sobre a posibilidade de que chegue algún futbolista máis dende a Terceira RFEF, David Méndez admite «que a secretaría técnica está traballando niso; non sei se ao final o van conseguir, pero algún reforzo están tocando«.

Deste xeito, o Lalín 2024/25 combinará fichaxes de nivel coa continuidade de boa parte do cadro de xogadores, pois son once as renovacións anunciadas. Quedan os canteiráns Rubén, Aarón, Josema e Peti. Tamén seguen o capitán Xocas, Santi Rodríguez, Brais Vila, Eloy, Pablo Couto, Rivas e Chiño. Toño González seguirá como adestrador, con Ángel como segundo. «A nosa teoría é manter e recuperar xente da casa«, afirma o presidente.

O ascenso como obxectivo

O presidente do Lalín, David Méndez, non agocha que o obxectivo do club é acadar o ascenso a Terceira RFEF. Non pisan esa categoría dende a tempada 2011/12. Así, tras varios cursos ilusionantes no Manuel Anxo Cortizo, pensan que chegou o momento de dar o salto.



Na tempada que vén de rematar, o Noia e o Boiro partían como grandes favoritos para o ascenso e as previsións cumpríronse. Na que comezará en setembro xa non estarán eses dous clubs, pero si o Paiosaco e o Arzúa, que caen da Terceira, e a iso hai que sumar outros equipos que se están a reforzan ben e teñen sobre a mesa proxectos interesantes.

«Vai ser igual de difícil, porque baixaron de Terceira equipos potentes e vai ser todo moi similar ao ano pasado«, pensa o mandatario do conxunto do Deza.

O que xa están a notar é a acollida da afección. «A xente de momento está respondendo, polo menos nas redes sociais, e confíemos que iso se traslade ás entradas«, explica Méndez. Dende o club tamén agardan aumentar o número de socios, «porque iso sempre é positivo«.



Fichaxes galácticas para un CD Lalín que se lanza polo ascenso

Diario Dun Mercado Terceira RFEF. Episodio 4

Fichaxes galácticas para un CD Lalín que se lanza polo ascenso

Diario Dun Mercado Preferente Sur. Episodio 2

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *