# Hashtag

Manu Vilán, UD Atios: «Cando se mantén unha gran base de xogadores ano tras ano, é por algo»

A Unión Deportiva Atios está a ser unha das grandes revelacións das primeiras dúas xornadas de Preferente Sur. O equipo porriñés está a sorprender, especialmente, polos resultados que logrou sacar fronte a dous dos favoritos para conseguir o ascenso a Terceira RFEF. O cadro dirixido por Javi Fernández igualou sen goles na primeira data contra o Pontevedra B e este domingo asaltou Calabagueiros para derrotar ao CD Barco.

No partido disputado a pasada fin de semana, o Atios impúxose por 1-2 grazas a un dobrete de Manu Vilán, un dos arietes máis clásicos de toda a categoría. O dianteiro de Nigrán repasa en Futbolingalicia o inicio de tempada, os obxectivos para este curso, as particularidades da entidade, as súas etapas en Terceira RFEF ou a idea de xogo do novo adestrador.

Futbolingalicia: O domingo estreaches a túa conta particular cun dobrete ante o Choco. Que nos podes dicir sobre o encontro e da túa actuación individual?



Manu Vilán: A verdade é que estou moi contento por conseguir esta vitoria nun dos campos máis complicados da liga. Domináronnos durante moitas fases do partido pero soubemos aproveitar as nosas ocasións e traballar para manter o resultado a favor. A nivel persoal, estou moi feliz polos dous goles pero máis por conseguir a primeira vitoria.

FIG: Levades catro puntos tras dúas xornadas contra dous dos teóricos candidatos a pelexar polo ascenso. Como valoras este inicio de liga?

MV: No primeiro partido marchámonos cun mal sabor de boca porque sabiamos que podiamos arriscar algo máis e levarnos os 3 puntos. Aínda así, estamos contentos co inicio de liga contra rivais tan complicados.



FIG: ⁠O ano pasado lograches facer nove goles e fai dúas campañas metiches 16 tantos. Tes algún obxectivo persoal en cifras goleadoras para este curso?

MV: Non teño ningún obxectivo marcado, pero espero mellorar a cifra do ano pasado, xa que foi unha tempada persoalmente frouxa. Pero é algo que non me preocupa mentres consigamos gañar partidos.

FIG: Cal é a meta que vos marcades como grupo para esta tempada?



MV: Como di o Cholo Simeone, imos partido a partido, pero o obxectivo está claro. Queremos conseguir os puntos necesarios para lograr a permanencia canto antes. A partir de aí, xa veremos.

FIG: ⁠Esta será a túa sexta campaña no Atios. Que significa para ti este club?

MV: É un club no que se están facendo as cousas ben. Conta cunha directiva que traballa moi duro para que non nos falte de nada, hai moi bo ambiente e estanse creando equipos para competir. Ao final, cando se mantén unha gran base de xogadores ano tras ano, é por algo.

FIG: En Calabagueiros luciches o brazalete de capitán. Fai isto aínda máis especial a túa relación co club?

MV: Levo anos neste club con capitáns moi bos, como xogadores pero, sobre todo, como persoas. Verme agora co brazalete éncheme de orgullo.



FIG: Ao longo da túa carreira disputaches tres tempadas en Terceira División con tres clubs distintos (Gondomar, Atios e Alondras). Como valoras eses anos na categoría?

MV: Creo que foron bos anos de aprendizaxe, aínda que algo duros. O primeiro ano sénior foi bastante complicado por unha operación que me deixou sen xogar moitos meses. Nos outros dous tiven que compaxinar, ademais, a vida laboral. Pero botando a vista atrás conservo un bo recordo desas etapas da miña vida, así como dos clubs.

FIG: Na tempada 17/18 lograches unha media goleadora de máis dun gol por partido co Gondomar. Como lembras ese ano e a túa etapa de tres cursos alí?

MV: Viña de estar tempo sen xogar e o adestrador Julio Buylla demostrou unha gran confianza en min. Neses anos recuperei toda a ilusión por xogar ao fútbol despois de estar case dous anos con longas lesións. Teño moi bos recordos do Gondomar.

FIG: ⁠Volvendo ao Atios, este ano chegou Javi Fernández ao banco. Como describirías a súa idea de xogo?

MV: Ten unha idea de xogo moi clara e atrevida, que caeu moi ben no equipo porque tamén temos moi bos xogadores para levala a cabo. Confiamos nesta idea e tentaremos que os resultados sigan chegando.

FIG: ⁠Esta semana enfrontádesvos ao Atlántida de Matamá na casa. Que partido esperas?

MV: Vai ser un partido moi complicado porque compiten moi ben e imos ter que aproveitar as oportunidades que teñamos para levarnos o partido. Do mesmo xeito que nós, o Atlántida de Matamá é un equipo unido e cunha moi boa relación entre eles.

Fotografía: Juan Cella Audiovisuales

Manu Vilán, UD Atios: «Cando se mantén unha gran base de xogadores ano tras ano, é por algo»

As camisetas ‘made in’ Galicia enchen os

Manu Vilán, UD Atios: «Cando se mantén unha gran base de xogadores ano tras ano, é por algo»

O caso do Abellá abre o debate

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *