# Hashtag

Félix Rial, CD Choco: «Estou no sitio idóneo para comezar a adestrar no fútbol sénior»

Logo de finalizar unha experimentada carreira como futbolista, o talentoso mediapunta Félix Rial colgou este verán as botas para afrontar ao reto de dirixir ao CD Choco na Preferente. O vigués pasou oito tempadas e media no club de Redondela e, en Santa Mariña, está a asumir a súa primeira experiencia nun equipo sénior.

O adestrador de 34 anos repasa en Futbolingalicia os primeiros meses ao fronte do banco da entidade, algún dos momentos máis bonitos como futbolista, os motivos da súa retirada, a tarefa de compaxinar o banco do xuvenil do Areosa ou o inicio de campaña.

Futbolingalicia: O domingo lograstedes unha boa vitoria en Matamá. Que valoración fas do partido??



Félix Rial: «Pois a verdade é que necesitabamos esa vitoria para seguir medrando despois de dúas derrotas nas que creo que fixemos moitas cousas ben para poder sumar algún punto máis».

FIG: Sumades dúas vitorias e dúas derrotas nas catro primeiras xornadas. Estás contento con este inicio ligueiro?

FR: «Estou contento co equipo, xa que estamos competindo moi ben contra todos os rivais. Poderiamos ter algún punto máis pero esta categoría é moi difícil e en pequenos detalles vanse eses puntos».



FIG: Cal é o obxectivo do CD Choco nesta tempada?

FR: «Somos trece caras novas no cadro de xogadores e un corpo técnico novo, polo que creo que estamos nese proceso de acabar de coñecernos ben e intentar sumar todo o que poidamos neste inicio de campionato. Pouco a pouco estamos indo a máis e, a medida que vaian pasando as xornadas, a propia categoría iranos colocando no noso sitio».

FIG: Foi a primeira campaña na que non puxeches as botas para empezar a pretemporada. Como te sentiches nese momento?



FR: «A verdade é que foi un momento moi raro e creo que non me fixen moito á idea ata que comezamos a propia pretemporada. Aí si que foi unha boa dose de realidade».

FIG: Que motivos fixeron que decidiras a retirarte?

FR: «Pois tiña a posibilidade de seguir xogando un ano mais en Terceira co Alondras pero, cada ano que pasaba, tiña máis ganas de adestrar. Cando se deu a posibilidade de dirixir ao Choco, non o pensei demasiado. Perder a final coa selección no Nacional e non poder xogar o Europeo outra vez, tamén me axudou a tomar a decisión».

FIG: Que diferenzas atopas entre ser xogador e ser adestrador?

FR: «A diferenza principal é que como xogador vas, adestras e marchas. Como adestrador inclúes as horas de preparación de sesións, as análises dos rivais, a xestión de 23 xogadores… Hai moita máis responsabilidade».



FIG: Como están a ir estes primeiros meses como adestrador principal dun equipo sénior?

FR: «Estes primeiros meses están indo moi ben. O grupo é fenomenal e traballar con Richy e Raúl, cos que xa levo anos no xuvenil do Areosa, tamén axuda a que vaia todo moi ben».

FIG: Segues adestrando ao Areosa xuvenil en Liga Nacional. É difícil para ti compaxinalo?

FR: «O Areosa é a miña casa e, cando ascendimos, comprometinme co club e non podía deixalos tirados. Despois apareceu a opción de adestrar ao Choco e tiñamos moitas ganas de intentalo. Son dúas categorías potentes e está sendo complicado compaxinar as dúas cousas. Por sorte, ambos clubes ofrecen moitas facilidades e estase a levar mellor, pero non é doado».

FIG: Cales son os recordos máis bonitos que gardas como xogador?

FR: «Pois o ascenso co Celta B á Segunda B e gañar a Copa das Rexións da UEFA coa selección galega».

FIG: Que significa o CD Choco para Félix Rial?

FR: «O Choco para min é un club moi especial no que botei moitos anos da miña traxectoria, onde teño moitos amigos e onde me sinto moi querido e moi valorado. Así que creo que este club era o sitio idóneo para comezar a adestrar no fútbol sénior».

Félix Rial, CD Choco: «Estou no sitio idóneo para comezar a adestrar no fútbol sénior»

O Boiro dos tres Marios sumou a

Félix Rial, CD Choco: «Estou no sitio idóneo para comezar a adestrar no fútbol sénior»

Arranca a competición para a maioría dos

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *