# Hashtag
diario dun mercado feminino

Diario dun mercado Terceira e Segunda RFEF. Episodio 1.

O mercado galego comeza a axitarse a medida que chegamos a agosto. Os equipos buscan pechar xa os seus cadros para poder enfocar a pretempada con todos os seus efectivos. Facemos un pequeno resumo de todo o acontecido nestas semanas de mercado cos clubs galegos da Segunda e Terceira Federación FUTFEM.

Cambios significativos en Sanxenxo

Comezamos cos cambios producidos no Viaxes Interrías FF que muda ata de nome. O equipo pasa a chamarse Atlético Villalonga, de xeito similiar ao equipo masculino da vila. Esta nova denominación busca aportar unha maior identificación coa localidade.

A noticia máis impactante do seu mercado foi a marcha inesperada da súa adestradora, Cris Oreiro. As de Sanxenxo xa contan cunha nova cara no seu banco que á vez é un rostro familiar no fútbol feminino. Edu González, coñecido entre outras cousas polo ascenso a Primeira División co Olivo, pasa a ser o adestrador do Villalonga.



O Atlético Villalonga despedindo ás xogadoras que deixan o club. Atl. Villalonga

A entidade atópase presentando novas caras que reforcen o equipo tralas baixas xa confirmadas de Sara ‘Muñi’, Tati Barcia, ‘Clo’ García, María Figueroa, Daniela, Jenny Corros, Ester Pallín, Laura Iglesias y Connie Cáliz.

Para poder repetir ou mellorar o acadado a pasada tempada, están buscando reforzos de nivel. Como resultado, vemos nomes como o de Claudia Cabezas, procedente do Real Madrid ‘B’ ou Ane Pérez ‘Puyi’, que vén de militar en Liga F coa SD Eibar.

No resto de días agárdanse novas incorporacións nas súas filas que se sumarían tamén ás de Carol Agulla, Helena Vives, Yamila Vergara e Paula Sanmartín.



Revolución na 3ª RFEF

Na 3ª RFEF a chegada de ‘As Celtas‘ veu a revolucionar o galiñeiro. O equipo de Vicky Vázquez estase conformando con xogadoras da contorna, deixando así algúns ocos baleiros noutros clubs. Coa vista posta no inicio dos adestramentos, a entidade celeste está anunciando a un bo ritmo as súas incorporacións.

As futbolistas confirmadas polo de agora son Ana Toubes, Lara Martínez, Paula González, Paula Lorenzo, Elena Pérez, María Calvar, María Figueroa, Noe Pereira, Noa García, Naiara Martínez, Nara Fernández, Irene Fernández, Nuria Gómez, María Nogueira e Sara ‘Muñi’.

Un dos clubs afectados ante os movementos de As Celtas é o Lóstrego CF. Ante a marcha de varias xogadoras, o equipo gondomareño busca dar continuidade ao resto do grupo co que acadou o cuarto posto na 3ª RFEF.



O primeiro anuncio das de Chaín foi o da centrocampista Alexandra Pichel. Unha das capitás e peza chave no sistema de xogo do equipo de Gabriel Couñago. Polo de agora levan tres renovacións máis, a de Paula González, Alejandra da Silva e Sarai, asegurando a portería con esta última trala marcha de Naiara.

O conxunto vigués do Sárdoma CF, tamén está despedindo xogadoras cara o equipo celeste como o caso de María Calvar. Outra saída de importancia é a de Laura Martínez que abandona o club tras 11 anos para incorporarse ao Real Avilés.

Finalmente os rumores coas marchas de Andrea Albiol e Estela Castro quedaron tan só en iso. Ambas xogadoras quedarán unha tempada máis no conxunto de As Relfas.

Gueli e José posando coa bufanda do equipo. Bergantiños FC

Outro equipo que está anunciando despedidas é o Victoria FC. O equipo picheleiro era un dos que máis xogadoras aportaba ás convocatorias das seleccións galegas. Ese feito non pasou inadvertido para o resto de clubs que puxeron a súa mira nas ‘rojillas’. Noa García, Lúa Arufe, Laura Ruiz, Carolina Souto e Carla Leal son algunhas das baixas confirmadas.

Por outra parte, o Bergantiños FC xa renovou a gran parte das futbolistas coas que acadou o ascenso este ano. Estes días anunciaron tamén os primeiros reforzos coa incorporación de Noelia Gómez e Andrea Reigosa. Así e todo, a nova máis destacada das de Carballo foi o cambio nos mandos do equipo.



Gueli Cotelo deixaba o primeiro equipo tras oito anos para ser coordinador da estrutura do feminino. Esta semana anunciabase o acordo con José Pastoriza como novo adestrador.

Poucas noticias dende Lugo e Coruña

Apenas movementos no Victoria CF onde tan só despexaron as dúbidas co seu míster. Javier Angeriz será o adestrador tralo paso de Óscar Lema ‘Mingui’ e máis tarde o de un equipo técnico conformado por distintas persoas da estrutura do club. Javi, canteirán do propio equipo, coñece ben a entidade e buscará acadar uns resultados que permitan ás cebras sufrir menos que a pasada campaña.

Sen noticias dende os clubs lucenses onde as poucas coñecidas son despedidas. Por parte do PM Friol coñecemos as baixas de Muriel Lynda ao Avilés, Iliana Barbosa ao CD Argual e Elena Pérez cara As Celtas. No caso do CD Lugo a porteira Sara Méndez confirmou a súa saída do equipo.

Diario dun mercado Terceira e Segunda RFEF. Episodio 1.

Confirmado: Arenteiro e Lugo loitarán pola Copa

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *