# Hashtag
A despedida soñada de Dani Moto tras 21 anos no Dubra

A «despedida soñada» de Dani Moto tras 21 anos no Dubra

A fin da tempada é sinónimo de despedidas. E algunhas son especialmente dolorosas. O dianteiro Dani Fraga, máis coñecido como ‘Moto’, vestiu por última vez a camisola da SD Dubra logo de 21 anos de amarelo. Natural de Val do Dubra, chegou ao Juan Baleato en infantís para iniciar unha historia de amor co club que, malia a súa retirada, non semella que vaia rematar.

En conversa con Futbolin Galicia, Dani Moto, de 37 anos, lembra emocionado a homenaxe que o Dubra lle preparou para a súa despedida, na última xornada da Preferente. “Ía coa tranquilidade que dá ter a segurada a salvación e foi todo mellor do que imaxinara. Foi a despedida soñada”, admite. Ver pendentes del no campo a súa parella, familiares, amigos e moitos dos adestradores cos que traballou na súa carreira causoulle unha grande alegría.

Tanta, que cre que ese foi un dos momentos “máis especiaisque viviu coa camisola amarela. O outro co que queda é o ascenso co Dubra a Terceira na tempada 2015/16. “Era o último partido da tempada. Puxémonos 0-2 bastante rápido, quizais empezamos a festexar pronto e o Dumbría, que estaba descendido, empatou. Puido pasar calquera cousa”, recorda.



Aínda veloz e en forma

A Daniel Fraga alcumárono Moto xa de pequeno, pola súa velocidade. “Empezaron a poñerme o de Motorillo e Moto e ao final quedou. Cos anos, no fútbol e fóra, coñéceme máis xente por ese nome”, sinala. Malia o paso dos anos, o seu estado de forma seguía a ser envexable. De feito, quen vexa os seus números durante a tempada non imaxinaría que estaba a piques de colgar as botas.

Foi titular en 27 ocasións e sumou oito goles. “O corpo respondía e non tiven moitos problemas físicos”, celebra. Todo isto malia as dificultades que tiña para entrenar co grupo varias semanas, debido a cuestións laborais. Precisamente, iso foi o que lle fixo pensar en non seguir o pasado verán. Optou por continuar, “pero a decisión estaba tomada; ao rematar a tempada retiraríame”.

O Dubra despediu a tempada cunha calorosa homenaxe a Moto. Fotoschimpi

Así pois, o pasado maio puxo fin a unha longa traxectoria. Comezou xogando en Santiago, no equipo da escola, e pronto pasou ao Dubra. En xuvenís xa ía co primeiro equipo e no ano de debut en sénior chamouno o Santa Comba de Terceira, para logo pasar ao Santiago de Compostela. Estivo un ano en cada equipo e volveu a casa. Dende entón, só un curso que xogou no Grixoa en Terceira o separaron do Dubra.



E, claro está, unha relación tan longa non ía acabar da noite á mañá. “Gustaríame seguir vencellado ao Dubra doutro xeito, apoiando da forma que o club necesite e botando unha man á directiva”, di. Iso si, descarta acabar como adestrador nin tampouco xogando no equipo de veteráns ou nunha categoría menos esixente. “A miña etapa como xogador rematou aquí; foi bonito, pero era o momento de deixalo”, apunta.

O ilusionante futuro do Dubra

Dani Moto está convencido de que o equipo queda en boas mans. Hai rapaces que xa chaman á porta e o dianteiro cre que o Dubra ten que apostar por sacar máis xogadores do fútbol base. Máis tendo en conta “as limitacións orzamentarias do club, por ser dun municipio pequeno”.

O equipo leva anos mantendo a categoría sen demasiados apuros na Preferente Norte. “Non se logrou facer un proxecto demasiado ambicioso dende que se baixou de Terceira, pero sempre nos salvamos máis ou menos cómodos, de metade de táboa para arriba”, destaca.



Esta última tempada non foi unha excepción. Aínda que non foi todo o doada que lles gustaría e cun cambio de adestrador polo medio, acabaron novenos. O emblemático Javier Bardanca fíxose cargo do equipo e vai seguir unha tempada máis. “Penso que con el se abre un proxecto novo e ilusionante. Non sei se para aspirar xa a volver a Terceira, pero si para seguir en Preferente e dar o salto no momento en que se considere”, conclúe.

A «despedida soñada» de Dani Moto tras 21 anos no Dubra

Diario Dun Mercado Terceira RFEF. Episodio 2

A «despedida soñada» de Dani Moto tras 21 anos no Dubra

Diario Dun Mercado Preferente Sur. Episodio 1

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *