# Hashtag

Segundo ascenso consecutivo, pero agridoce, para o Racing Villalbés B

O filial do Racing Villalbés acadou o ascenso a Primeira Galicia. Era o segundo salto de categoría consecutivo, pero foi agridoce e estivo rodeado de polémica. As violentas imaxes do partido que os chairegos disputaron ante o San Ciprián no campo da Fonte, en Cospeito, deron a volta a Galicia, pasando de móbil en móbil e sendo obxecto de centos de comentarios.

Pouco hai que contar dunha brutal pelexa que lamentaron ambos os dous clubs e sobre as que xa se pronunciou o comité de competición e disciplina da Real Federación Galega. O Villalbés, nun comunicado recente, indicou que acata a resolución e avanzou que non presentará recurso. Consideran a sanción «xusta e proporcionada ao ocorrido no terreo de xogo«.

En concreto, cada equipo deberá pagar 300 euros. A título individual, o xogador de Racing Villalbés B foi sancionado con 15 partidos e unha multa de 75 euros. O futbolista do San Ciprián non poderá xogar os vindeiros catro partidos e terá que pagar 20 euros. O comité tamén decidiu dar por finalizado o encontro, do que faltaban tres minutos por se xogar. Nese intre, o marcador indicaba un resultado de 3-1 a prol do Racing Villalbés B, o que, tendo en conta o 0-0 da ida, significou o ascenso dos chairegos.



O Villalbés B rematara terceiro

O filial do Racing Villalbés competía este ano no grupo norte de Lugo da Segunda Galicia logo de subir dende Terceira a tempada anterior. Remataron na terceira posición, a dez puntos do Pastoricense e seis do Iberia. No play-off desfíxose do Folgueiro (6-3 no global da eliminatoria) e na polémica final superou o San Ciprián (0-0 e 3-1).

«Tivemos momentos complicados, era un equipo moi mozo e houbo moitas lesións, un tema ao que aínda non atopamos explicación«, sianala o adestrador, Iván Lamas. Con todo, o técnico salienta que «isto é un moi bo club«, o que lles permitiu botar man de xuvenís e cadetes, tanto para adestramentos como para partidos. Lamas considera «merecido o ascenso» logo de dúas eliminatorias «moi serias, nas que fixemos bo fútbol e nas que desfrutaron os rapaces«.

Máis cerca do primeiro equipo

De cara ao vindeiro curso, o Racing Villalbés B competirá na Primeira Galicia. Iso, sumado ao descenso do primeiro equipo, achegan algo máis aos dous conxuntos. Agora, só a Preferente está entre eles. Isto podería favorecer a que os talentosos mozos do filial poidan contar co equipo de Terceira RFEF, que estará dirixido por Alberto López, logo da saída de Simón Lamas.



«O ascenso do filial é importante. Cremos que a Primeira Galicia é a categoría mínima para que os xogadores poidan estar preparados para botar unha man ao primeiro equipo«, apunta Lamas. Coa creación deste equipo, o club buscaba dar continuidade aos xogadores da base.

Lamas avanza ademais que o primeiro equipo da Madalena contará na temapada 24-25 cun cadro de xogadores curto. Por isto, ve «fundamental que moitos futbolistas estean en dinámica de primeiro equipo» e que, se Alberto López finalmente non os precisa, poidan acudir co filial, para manter o ritmo de competición.

Expedientes en trámite

Aspecto deportivo á marxe e de volta ao polémico encontro, cómpre sinalar que a Fiscalía de Menores ten en trámite, segundo o club chairego, un expediente informativo. Isto débese a que o xogador do Racing Vilalbés implicado na pelexa é menor de idade. A Comisión Galega de Control da Violencia, dependente da Xunta de Galicia, condeou «profundamente« os feitos acaecidos en Cospeito e convocou unha xuntanza de urxencia.



Pola súa banda, dende o Racing Villalbés indicaron que non realizarán máis comunicados «para non entorpecer nin condicionar o transcurso da investigación, poñéndose a total disposición dos órganos instrutores«. Do mesmo xeito, pediron «respecto pola investigación e polas persoas implicadas«. Máis, din, tendo en conta «que estamos a falar dun menor de idade«.

Inicio da pelexa ao final do encontro. Twitter

O San Ciprián tamén emitiu un comunicado ao respecto. No texto piden desculpas «ao mundo do fútbol en xeral polas imaxes lamentables que se presenciaron«. Trasladaron o seu apoio ao xogador do seu equipo implicado no inicio da liorta e asumiron «a responsabilidade das posibles consecuencias«, ao tempo que condenan «calquera tipo de violencia«.

Segundo ascenso consecutivo, pero agridoce, para o Racing Villalbés B

O Umia prepárase para o seu regreso

Segundo ascenso consecutivo, pero agridoce, para o Racing Villalbés B

Os clubes de 2ª RFEF debuxan os

1 comentario

  1. […] Segundo ascenso consecutivo, pero agridoce, para o Racing […]

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *