# Hashtag

Alberto López, Viveiro CF: «Esta permanencia considéroa o meu maior logro como adestrador»

Era unha temporada especial en Cantarrana. No ano do centenario, a ninguén se lle pasaba pola cabeza xogar noutra categoría que non fora a Terceira RFEF, tal e como rezaba o lema do club «sentimento de Terceira«. Pero a economía e as dificultados dos conxuntos modestos non entenden de efemérides e as estreiteces dun dos orzamentos máis baixos da categoría puxeron en perigo o soño do seu presidente Luis Del Río, da xunta directiva e tamén dos socios dunha entidade histórica no fútbol galego.

A temporada do Viveiro CF foi un carrusel de emocións. Unha primeira volta chea de dificultades que levou ao equipo ao límite no Nadal. Cando o cadro de xogadores sufriu unha remodelación profunda que supuxo un rexurdir neste 2024. Ano no que o cadro mariñán estivo case á altura dun Bergantiños, que xogará en Segunda RFEF.

Un dos principais artífices de que o Viveiro CF continúe en categoría nacional é o seu adestrador Alberto López (Lugo, 1972). O técnico cumpriu a segunda temporada no banco de Cantarrana na que logrou unha permanencia de auténtico mérito.



«A aposta pola xuventude saíulle ben ao Viveiro e tamén aos futbolistas»

Futbolingalicia: Cómo valoras a temporada recén rematada unha vez acadado o gran obxectivo da permanencia?

Alberto López: Estamos moi contentos, coa satisfacción do deber cumprido. Pasámolo moi mal, sobre todo en decembro e xaneiro, pero na segunda volta disfrutamos moito dos partidos vendo que podiamos competir contra calquer rival. Nestas dúas temporadas de continuo crecemento, faime moi feliz ver ao nivel que rematou o equipo. Sobre todo sabendo o orzamento tan limitado co que contabamos. Tivemos que comezar de cero no verán e ir reestruturando o equipo ata que, por fin, resultou competitivo.

FIG: Logo de moitos anos adestrando en varias categorías, esta permanencia é o teu maior logro nos banco?



AL: Desfrutei moito a tempada que estiven na Sarriana ou o gran ano feito no Escairón en Preferente cun conxunto recén ascendido. De tódolos xeitos, esta permanencia considéroa un gran éxito, incluso máis que a da temporada pasada. Afrontamos a pretempada con tres xogadores, cun orzamento máis limitado e chegar a realizar unha segunda volta tan boa . . . considéroo o mellor ano da miña carreira.

FIG: A maioría dos xogadores do Viveiro chegaron desde fóra de Galicia. Que nivel de dificultade tivo poder confeccionar un cadro de xogadores competitivo no verán?

AL: Moi difícil. Apostamos por traer xogadores moi novos aos que o Viveiro lles sirva de trampolín nas súas carreiras. Grazas ao traballo do presidente Luis Del Río contamos coa colaboración dos Apartamentos Duerming, que lles proporcionou aos xogadores foráneos un aloxament. E tamén á boa predisposición destes, que aceptaron a oferta do club cunhas condicións económicas que soamente lles cubrían a estancia e a manutención. A aposta saíulle ben aos futbolistas e tamén ao Viveiro. O gran rendemento que tiveron todos eles axudaralles a revalorizarse e o club acadou o seu gran obxectivo.



«Se non tomasemos decisións no Nadal, estabamos en Preferente»

FIG: Esa xuventude puido ser un dos inconvintes para que o equipo non puidera ser competitivo no comezo de liga?

AL: Non, na segunda volta o equipo era igual de xove, incluso máis. A diferencia radicou en que no verán erramos en catro ou cinco fichaxes, que non lograron adaptarse ao equipo, mentres que os que chegaron no Nadal rapidamente se afixeron ao equipo. Aínda que o perfil de xogador era o mesmo nun mercado que noutro, xogamos coa vantaxe no inverno de que sabiamos mellor as carencias que tiña o e equipo e a verdade é que o rendimento dos novos foi moi alto.

FIG: Imaxino que non sería agradable ter que prescindir a metade de temporada dun número tan alto de xogadores.

AL: Foron decisións moi duras, pero había que actuar. A situación do equipo era moi complexa e incluso co nivel ao que chegamos no segundo tramo de Liga, non nos sobrou moito para salvarnos. Houbo que tomar decisións para que o traballo de Luis, do resto do corpo técnico e meu; encamiñado a manter ao Viveiro nesta categoría, non se fora ao traste. Viñamos de sumar dous puntos en dous meses e medio de competición e eramos penúltimos. Se non tivésemos actuado, eramos equipo de Preferente.

«Viveiro é unha vila na que se está moi agusto e así llo fixemos saber aos novos»

FIG: E atinastedes de cheo! As novas incorporacións resultaron determinantes no rendemento do equipo.



AL: Si, así foi. A chegada de Martín, Miguel e Diogo equilibraron moito ao equipo na faceta defensiv. E no perfil esquerdo proporcionándonos variantes para poder xogar con defensa de cinco e de catro. Sobre todo Martín aportou esa experiencia que lle faltaba á zaga. Morais e Dani Almagro déronnos a posibilidade de poder cambiar os partidos en ataque, se non era desde o comezo nas segundas metades.

Equipo titular do Viveiro no último encontro ligueiro fronte ao Arosa. Foto: Facebook Viveiro CF

FIG: Como ten que actuar o corpo técnico para que o encaixe destes novos xogadores proporcione un rendemento tan inmediato?

AL: Traballamos moito o aspecto psicolóxico. Tivemos que mentalizalos para que eles viran que podían encaixar no grupo, que iban ser importantes e que iban axudar ao equipo. Tamén lles axudamos a que se sentisen cómodos no seu novo hábitat. Viveiro é unha vila na que se está moi agusto e así lle lo fixemos saber. Os apartamentos nos que se hospedaban eran moi cómodos e logo a nivel grupal tentar integralos o máis rápido posible na rutina semanal. Aparte de esixirlles, darlles esa confianza que é tan importante. Todos eles viñeron moi motivados e con moitas ganas de facelo ben e agradar desde o comezo. Creo que tamén acertamos coas estruturas de xogo para que se compenetraran rápido na procura do rendemento inmediato.

«O vindeiro ano, Cora será un futbolista determinante»

FIG: Falando de nomes propios, hai tres xogadores que nesta temporada medraron dun xeito exponencial: o gardameta Ayoub, o central Diego e o medio Juan.

AL: Sen dúbida. Ayoub é un dos tres mellores porteiros da categoría. Deunos moitísimos puntos, cunha seguridade e unha madurez incribles. Creo que medrou dunha forma bestial nesta tempada, gañando confianza, regularidade e sobre todo concentración. Diego fíxose co mando da defensa e foi o xogador que liderou ao equipo tacticamente a nivel defensivo; e Juan no centro do campo, deu un paso adiante moi importante e axudounos moito. Tanto a nivel ofensivo como defensivo. Ademais é un xogador moi novo e pode medrar moito no futuro.

FIG: Outro dos grandes protagonistas deste Viveiro é Cora. Con traxectoria no fútbol sala en Burela e Xove e en fútbol viña de xogar en Terceira Galicia nas filas do Celeiro. Como se adaptou a competir en Terceira RFEF?

AL: É un xogador cunhas características físicas e técnicas impresionantes. É brutal o golpeo, o desborde e a calidade que ten. Neste aspecto a adaptación foi inmediata. Custoulle máis a nivel táctico, sobre todo no seu posicionamento defensivo, aínda que xa mellorou moito no último tramo de Liga. Ofensivamente sempre aporta moito, co seu desequilibrio por banda e o nivel dos seus centros. Sinceramente creo que será dos tres xogadores máis importantes do Viveiro o ano que vén. Logo deste ano que podemos considerar de adaptación, aínda que xa nos deu moito, o vindeiro será un futbolista determinante. Digamos que foi unha «fichaxe sorpresa«, pero pronto vimos na semana que estivo a proba en pretemporada que ía ser un xogador importante. Ademáis é de Viveiro, polo que é importantísimo para o club.

«A miña primeira opción é escoitar ao Viveiro, a día de hoxe non teño outra proposta»

FIG: Confías en que o Viveiro poida incorporar cada vez máis xente da vila e da comarca?

AL: Sempre tentamos como primeira opción incorporar xogadores da zona. Ata no mercado de inverno contactamos con catro ou cinco xogadores que están xogando preto e ningún deu o paso para vir. De tódolos xeitos, destes últimos; este foi o ano que máis xogadores de Viveiro estiveron no equipo e con protagonismo. Agardemos que na próxima temporada se unan tres ou catro futbolistas máis da comarca para ter unha base de dez ou once xogadores como mínimo da zona con capacidade e calidade para xogar en Terceira RFEF.

FIG: Alberto López continuará no Viveiro a próxima temporada?

AL: Sinceramente non o sei. Rematou a competición o domingo e esta semana ou a comezos da que vén, reunireime co presidente e analizaremos que é o mellor para o Viveiro. Ademáis do tema deportivo teño moi boa relación de amizade con Luis e verei cal é o plantexamento do club para o próximo ano. A día de hoxe non teño ningunha proposta e a miña primeira opción é escoitar ao Viveiro, como non podía ser doutro xeito. O proxecto e as posibilidades que teña o club marcarán as opcións de que continúe ou non.

Fotos: Facebook Viveiro CF.

Alberto López, Viveiro CF: «Esta permanencia considéroa o meu maior logro como adestrador»

A enésima tempada goleadora de Javi Pazos

Alberto López, Viveiro CF: «Esta permanencia considéroa o meu maior logro como adestrador»

Rubén Domínguez, Ourense CF: «De neno collía

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *