# Hashtag

Aínda queda moita tea que cortar na Preferente Futgal

Ámbolos dous grupos da Preferente Futgal enfocan a súa última xornada de competición antes do parón de Semana Santa. A chegada do treito decisivo alerta a todos os equipos participantes, que xa se están a preparar para este sprint final. Pero antes de entrar nesa fase, cómpre lembrar como chegan a este último mes e medio e, sobre todo, que é o que aínda está en xogo. Fácemosvos un spoiler: aínda que moita tea que cortar

E como vai o Grupo 1?

O Lalín volveu á senda da vitoria na última xornada e continúa á cabeza do grupo. Ocupando a praza de ascenso directo, sitúase a 10 puntos do Negreira, o seu perseguidor máis inmediato. No Manuel Anxo Cortizo xa levan tempo coa calculadora na man, á espera de certificar canto antes o tan ansiado ascenso á Terceira RFEF. Unha categoría que levan sen pisar desde a temporada 11/12 e á que desexan volver 14 anos despois. Iso si, non poden caer na relaxación. Logo de tropezar ante o San Tirso e o Pol, os da vila do cocido recuperaron a confianza ao vencer po 2 a 1 ao Paioasco e agora deben viaxar á Coruña, onde os agarda un Victoria que non lles porá as cousas doadas. As ‘cebras’ chegan en plena crise de resultados e buscarán tombar ao líder para afastarse así do descenso.

Máis igualada está a loita por entrar nos play off de ascenso. Entre o Ordes, terceiro clasificado, e o Sofán, sexto, hai unha diferenza de apenas 5 puntos. San Tirso e Betanzos ocupan as posicións intermedias e, algo máis descolgados, aparecen Paiosaco, Puebla ou Pol. Os máis regulares poderán optar ao premio final, pois a maioría de enfrontamentos directos xa se desputaron a estas alturas do campionato.



Por non falar do agobio presente na zona baixa. Logo de pasar unha boa parte do curso en postos de descenso, o Dumbría encadeou seis partidos consecutivos sen coñecer a derrota. A boa xeira dos pupilos de Pablo Conde permitiulles saír dunha queima onde se atopan arestora o Cultural Maniños -cuxo descenso podería confirmarse nesta fin de semana-, O Val, Sigüeiro e Burela. Coa salvación como obxectivo prioritario, as diferentes escuadras vense na obriga de loitar ata o final e, incluso, facer máis puntos dos necesarios. A razón? Evitar baixar por culpa dos posibles arrastres de categorías superiores.

E como vai o Grupo 2?

Atios e Pontevedra B teñen a intención de estender o seu pulso polo ascenso directo ata as datas finais. Os primeiros sitúanse un punto por riba do combinado da Boa Vila, que reduciu a distancia na clasificación grazas a unha boa dinámica (6 vitorias e 1 empate nos últimos choques). Ben é certo que todos os compromisos de aquí ao remate son importantes, pero ámbolos dous cadros xa marcaron en vermello a xornada 29. Á volta de Semana Santa, A Carballa acollerá o enfrontamento entre o primeiro e o segundo clasificado. Un duelo decisivo que lle permitirá ao seu vencedor dar un golpe importante sobre a mesa e encarrilar a súa meta. Polo de agora, os de Porriño continúan a prepararse para o seu encontro desta xornada ante o Cultural Areas, mentres que o filial granate fai o propio, co foco posto no seu partido ante o Tyde.

O Atios celebra un gol anotado a pasada fin de semana fronta ao Tyde. FOTO: UD ATIOS

Ao igual que sucede co seu homónimo do norte, o grupo 2 mantén viva unha loita encarnizada por facerse cun billete para os play off. A gran diferenza radica nos equipos protagonistas desta batalla, pois son poucos os que partían coa etiqueta de favoritos ao comezo desta campaña. De feito, o terceiro clasificado é unha das revelacións da competición: o Antela. Despois de realizar un magnífico ano en Primeira Futgal, os limiáns volveron por todo o alto a Preferente. Boa parte de culpa teñen os seus ‘Brunos’: por un lado, Bruno Cid, o técnico que devolveu a ilusión á bancada da Moreira, e por outro, Bruno Pío, quen se encarga de poñer o candado na portería branca e negra cada domingo. A un punto atópase o Porriño Industrial e o Portonovo e, xa fóra dos cinco primeiros, o Lemos.



Finalmente, o descenso calca tamén unha situación semellante á do grupo 1. Co Umia pratcicamente descolgado, Choco, Tyde e Sporting Celanova apurarán as súas opcións para permanecer un ano máis na antesala das categorías nacionais. No caso dos redondeláns e os tudenses, teñen ese obxectivo a tiro, xa que ambos se manteñen a un punto do Cented Academy e a dous do Alertanavia.



Aínda queda moita tea que cortar na Preferente Futgal

As Celtas B campioas de Terceira Federación

Aínda queda moita tea que cortar na Preferente Futgal

Aínda queda moita tea que cortar na