# Hashtag
#Fútbol Feminino #Terceira RFEF Feminina

As Celtas B campioas de Terceira Federación

A falta de tres xornadas, as As Celtas B mantéñense cunha vantaxe de 10 puntos sobre o segundo clasificado, o Victoria CF. Isto fai imposible superalas ou mesmo igualalas aínda gañando os partidos restantes.

O conxunto vigués sentenciou a liga tras vencer o pasado domingo ao Tomiño por 3-1, con goles de Lucía Fernández e un dobrete de Candela Rodríguez, un deles desde o punto de penalti. Así, o equipo dirixido por David Ferreiro e Damián Cagiao proclámase campión e abre a porta a un posible ascenso de categoría, aínda que a súa concreción dependerá do rendemento do primeiro equipo.

O percorrido do éxito

O filial celtista suma 49 puntos, tras gañar 16 partidos, empatar un —precisamente ante o Tomiño— e perder dous, fronte ao Victoria CF (0-1) e ao Lóstrego (3-1). Na segunda volta conseguiu sacarse a espiña tanto do empate como da derrota ante o conxunto coruñés, superando a ambos rivais.



Aínda terá a oportunidade de facer o propio co Lóstrego no penúltimo partido de liga, previsto para o 19 de abril. Ademais, tamén lle restan por disputar os encontros ante O Val e o Boiro.

O pasado curso, as celestes lograron o ascenso a Terceira RFEF tras rematar terceiras con 70 puntos, por detrás do Orzán (76) e do Boiro (71). A reforma do fútbol feminino provocou que finalmente ascendesen seis equipos desa liga. Aos tres xa mencionados sumáronse O Val, o Tomiño e o Domaio, este último debido á desaparición do Lugo e á imposibilidade de ascenso do Lóstrego B.

Deste xeito, a categoría non resultou completamente nova para moitos equipos, xa que unha parte importante procedía da mesma competición.



A pesar da chegada de novas incorporacións —entre elas a porteira Iria Ferreiro, que se consolidou como titular—, a columna vertebral do equipo segue sólida respecto da pasada tempada. Ata 16 xogadoras continúan no cadro, incluíndo tamén as cadetes, e moitas delas seguen sendo pezas clave para o bo funcionamento do equipo.

As viguesas son o conxunto máis goleador, con 49 tantos. Iria Seoane lidera a táboa anotadora do equipo con 9 goles, seguida por Luchi Fernández (8) e Candela Rodríguez (6). No apartado defensivo, non son o equipo menos goleado —ese posto corresponde ao Victoria CF—, pero só por un gol de diferenza. En conxunto, presentan os mellores números da competición.

Campioas a falta de tres xornadas. RRSS As Celtas

Que precisa o equipo para ascender

Os cambios estruturais no fútbol feminino establecen que só o mellor dos 18 campións de grupo ascende directamente. Actualmente, esa praza corresponderíalle ao Osasuna B, do grupo 15, con 55 puntos e unha ampla diferenza de goles (105).



Deste xeito, As Celtas B deberían disputar o playoff de ascenso, enfrontándose a equipos doutras comunidades en busca dunha das prazas de promoción.

Ademais, o seu ascenso tamén está condicionado pola posición do primeiro equipo, xa que ambos non poden coincidir na mesma categoría.

As Celtas ocupa actualmente a terceira posición do grupo 1 da Segunda Federación, con 44 puntos. Están a un punto do segundo posto —que ocupa a Real Sociedad B— e a seis do liderado do Athletic de Bilbao B.

As viguesas veñen de gañar o derbi ante o Deportivo B en Abegondo por 1-2. Tras os goles de Tati Cruz e Daniela Valbuena, o encontro decidiuse desde o punto de penalti, onde Nara Fernández anotou o tanto da vitoria.

Neste partido tamén debutou oficialmente Paula González. A futbolista viguesa regresou aos terreos de xogo despois de 582 días fóra por unha lesión de xeonllo, a mesma que recentemente levou a intervención de Lara Martínez para solucionar unhas molestias. González lesionouse nun amistoso na primeira pretemporada da historia das Celtas, polo que ata agora non xogara ningún partido oficial.



Paula González nas súas redes. RRSS. As Celtas

Quedan catro xornadas decisivas que marcarán o futuro do club. As de Vicky Vázquez deberán repetir a fazaña do seu primeiro partido na Segunda Federación, superar ao Bizkerre esta semana. Ademais deben mellorar os resultados da primeira volta fronte ao Eibar B (1-0), Sporting de Gijón (1-1) e Burgos (2-0). En definitiva, deberán converter o empate e as dúas derrotas en vitorias nas próximas semanas para manter vivas as opcións de ascenso.

Para promocionar o ascenso, o equipo vigués necesita acabar segundo de grupo ou ser o mellor terceiro da competición. A Segunda non está tan clara como a Terceira RFEF, xa que hai máis igualdade, polo que haberá que esperar ás próximas semanas para coñecer as posibilidades reais de As Celtas.



Noela Sánchez e Redru loitan pola pelota. RRSS As Celtas

Que podería pasar si non hai ascenso de As Celtas

Esta situación podería favorecer a outro equipo galego. No caso de que As Celtas Sporting non poida acceder ao playoff de ascenso a Segunda. Actualmente, o segundo clasificado é o Victoria CF, que conta cunha marxe mínima sobre o terceiro (Lóstrego) e o cuarto (Friol), con 38 puntos, e mesmo sobre o quinto posto (Victoria FC), con 37.

Se se mantén esta distancia, o equipo que podería participar na fase de ascenso sería o Victoria CF, o que tamén abriría unha pequena posibilidade de ascenso para o seu filial, o Victoria CF B, líder da Primeira Galicia.

As xogadoras de Isabel Vázquez lideran a Primeira con 56 puntos, catro por diante do Rosalía e sete do Antas. As cebras están a facer unha boa tempada : só perderon dous partidos, ante o Lóstrego B (4-1) e o Atlético San Pedro (3-1), ambos na primeira volta, e empataron os dous encontros fronte ao Rosalía, rival directo polo campionato. Levan 83 goles a favor e 23 en contra, e contan coa máxima goleadora da categoría, Ambra Gjegji, que leva 23 goles en 20 partidos (1,15 por encontro).

As Celtas xa demostraron o seu potencial nestes dous anos de vida. Agora enfróntanse a un reto complicado para seguir escalando postos no fútbol feminino galego, pero o paso das semanas marcará o destino do club olívico e como pode influír no fútbol autonómico.

As Celtas B campioas de Terceira Federación

Os Vintage: SD Villestro 2014/2015

As Celtas B campioas de Terceira Federación

As Celtas B campioas de Terceira Federación