Os Diferenciais recibiron a primavera encarando xa a recta final da temporada e coa emoción en aumento. No grupo 1, esta xornada 2 supuxo un cambio de líder. O Sporting Meicende ascende á primeira praza logo do empate do Carral no partido ante o Orillamar. O Carral foi por diante dende o minuto 19, pero nos últimos compases do encontro apareceu Sergio Busto para poñer o 1-1 a prol dos coruñeses, que quedan agora a cinco puntos do play-off.
Anunciaron un dos bombazos do ano na categoría, a fichaxe de Pep Caballé. Pero antes, o Cedeira pasou por riba dun Ural que cae a descenso. Os do Beco impuxéronse 6-2, un marcador que inauguraba no primeiro minuto de partido Tiago Miranda, máximo anotador do Cedeira este curso.
Nunha zona baixa moi apertada, o Cedeira abre fenda co descenso. Tamén o Sporting Coruñés, que goleou 4-0 ao Meirás no campo da Torre. Diego Folgueira, con dous goles, foi o encargado de asegurar o marcador a favor dos herculinos.
O Arzúa, máis líder
No grupo 2, o Arzúa (na imaxe principal) lidera en solidario, despois da vitoria 2-0 ante o Calo, co que empataba a puntos ao comezo da xornada. Brais Pedreira liderou o Queixo Mecánico cos dous goles que deixaron tres importantes puntos no Viso. Con estes dous, Pedreira leva xa 14 tantos este curso cun Arzúa que mira con ilusión o regreso a Preferente.
Aproveitou a situación para facerse co segundo posto o Club do Mar, que suma os mesmos 50 puntos que o Calo tras superar 2-0 ao Fisterra nun encontro que quedou resolto na primeira media hora de partido. Alberto Díaz abría o marcador ao cuarto de hora e co tanto deste domingo suma xa 11 dianas.
Provincia de Lugo
A SD Chantada quere que este sexa o ano. Dominan con claridade o grupo 3, con 12 puntos sobre o seu inmediato rival, a Residencia, que empatou. Con todo, o equipo da vila do río Asma desaproveitou unha clara oportunidade de aumentar a súa renda ao non pasar do empate ante o colista, o Iberia. Os de San Miguel de Reinante que conseguiu igualar o gol inicial dos chantadeses cun tanto no minuto 60 obra de Daniel Prieto.

Houbo outros cinco empates esta xornada no grupo 3. Entre as vitorias, destaca unha nova do Monterroso, que se mantén no play-off e abre fenda co seu perseguidor, o Ribadeo. O Monterroso venceu ao Oural 4-2 en Cerdeiriños nun partido que se lles puxo de cara grazas a un gol en propia do seu rival e que seguiu cun tanto de Iago Sobrado no minuto 21.
No Luis Gorgoso, o encontro entre a Milagrosa e o Castro semellaba camiñar cara ao empate sen goles. Porén, Pablo Teijeiro, que levaba apenas dez minutos sobre o terreo de xogo apareceu no 85 para poñer o único tanto do partido e sumar tres puntos máis para unha Mila que queda a once do play-off.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.

























































































































































































































































































































































































































































































































































































































