A Primeira Futgal entra na súa fase decisiva. Con só oito xornadas por diante, a emoción medra e está todo por decidir, especialmente nalgúns grupos. Cada semana, FutbolinGalicia recompila os xogadores destacados na súa sección Os Diferenciais, para a que pedimos a vosa colaboración.
A categoría agasállanos en cada xornada con máis de medio cento de partidos e ter ollos en todos eles é imposible, así que calquera achega é ben recibida para confeccionar a listaxe, entre os que logo os lectores escollen o seu destacado, unha selección que xa conta con representantes de todos os grupos.
O último (xornada 26) foi Guille, do Atlántida Matamá, líder do grupo 6. O dianteiro vigués volveu ser determinante ao saír desde o banco e asinar un dobrete que resolveu o encontro. O equipo mantén así unha vantaxe de sete puntos sobre o Juvenil de Ponteareas, segundo clasificado. Guille, que xa deixara boas sensacións no Val Miñor, suma nove tantos nesta campaña en Penedo da Moo, confirmando a súa progresión. Na votación de FutbolinGalicia, Víctor (Sporting Guardés) e Hugo González (Caselas) completaron o podio.
Unha semana antes, na xornada 25, Luca erixiuse como heroe do Ural nun partido memorable fronte ao Torre. Os verdes empataron no tempo engadido e, impulsados pola inercia emocional, culminaron a remontada cun penalti transformado polo propio Luca. O seu impacto foi tal que acadou o 50% dos votos dos lectores, unha porcentaxe pouco habitual. Xunto a el, Rumbo (Oza Juvenil) e Yago Ferreiro (Cacheiras) tamén destacaron.
Máis Diferenciais
Na xornada 24, o recoñecemento foi para David Triñanes, do Flavia, quen demostrou que un defensa central tamén pode ser decisivo en ataque. O seu gol contribuíu á contundente vitoria por 4-1 ante o Caldas, nun partido no que os locais exhibiron eficacia e solidez. Víctor Vilariño (Tordoia) e Javito (Velle) acompañárono entre os máis votados.
Retrocedendo unha semana máis, na xornada 23, Hugo Suárez liderou ao Arzúa —outro dos equipos que comanda a súa clasificación— cun dobrete na vitoria por 3-1 fronte ao Bastavales no Viso. O futbolista, con pasado en equipos como Puebla, Boiro ou Compos, foi chave nesa vitoria dun Queixo Mecánico ilusionado coa posibilidade de regresar a Preferente. Yago (Oural) e Amills (Loñoá) pecharon aquel top tres.
























































































































































































































































































































































































































































































































































































































