Cada vez queda menos para a chegada da Primavera e, proba diso, as raiolas de sol que se deixaron ver esta fin de semana nos campos da Primeira Futgal. Os seareiros comezan a saír do acubillo das gradas, o céspede recupera a súa mellor versión e as camisetas térmicas xa quedan relegadas para o próximo inverno. Mentres tanto, os Diferenciais seguen ao seu e continúan a dominar a competición con puño de ferro.
Apurar as últimas balas
Se un busca conseguir as súas metas no grupo herculino, debe saber que a marxe de erro é minúscula a estas alturas. Calquera derrota ou tropezo pode resultar condenatorio neste treito final.
Aferrado á segunda posición continúa o Sporting Meicende, vencedor no seu duelo ante o Marte (2-1). Con todo, os xogadores de Montealto foron os primeiros en golpear ao pouco de terse iniciado a disputa. A reacción albivermella non se fixo esperar e Hugo reequilibrou a balanza mediada a primeira parte. Na súa primeira campaña como futbolista senior, o atacante arteixán está a deixar mostras da súa calidade e xa deixou o seu selo persoal en catro dianas. A igualada sentoulle ben a un Sporting Meicende que mellorou co paso dos minutos, completando a remonta cun agónico tanto sobre a bucina.
Tamén gañou pola mínima o Orillamar. As ‘quenllas’ superaron ao Cedeira por un gol a cero nun partido apertado e pechado, tal e como se encargou de reflectir o seu marcador. Fixérono, en parte, logo de realizar un gran inicio, onde foron moi superiores ao seu rival tanto en xogo como en ritmo. Froito desa dominancia chegou o único gol da tarde, obra de Zalo Piñeiro. Unha vez por diante, os homes de Dani Casal controlaron o ritmo de xogo para levarse tres puntos moi importantes na loita polos play off.
E igual de axustado estivo o Meirás – Imperator, onde os primeiros caeron derrotados por 1 a 2. Os visitantes comezaron con bo pé e puxéronse por diante grazas a Xoel Rodríguez. Unha ledicia efémera, pois o seu rival fixo o empate aos dez minutos. Á volta dos vestiarios, o Imperator volveu á carga e tomou a iniciativa novamente cun tanto de Xoel. A partir de entón, o espectáculo futbolístico decaeu en canto a calidade e a tensión comezou a palparse no Misael Prieto. Pero os coruñeses non caeron nesa estratexia e puideron levarse ao peto tres puntos chave para garantir a súa permanencia.

Pulso polo liderado
Lonxe de resolverse, a pugna polo título do grupo 2 promete dar que falar de aquí ao final de temporada. Basta con botarlle un ollo á zona alta da táboa clasificatoria.

Polo momento, o Arzúa sitúase como líder momentáneo ao endosarlle un contundente 0 a 4 ao Racing San Lorenzo. Se ben o primeiro tempo foi máis parello, todo cambiou á volta da caseta. Despois de poñerse 2 a 0, Ivalotelli entrou desde o banco e rematou a faena con dous auténticos golazos desde fóra da área. Logo de pasar polas filas do Lalín, o atacante vigués recalou novamente no Municipal do Viso, onde está a exercer un rol significativo na procura do ascenso. Con futbolistas coma el, o Arzúa competirá de seguro por este fin!
Ao Calo tampouco lle custou sacar adiante o seu partido e goleou por seis goles a dous ao Castriz. O cadro teense saíu moi enchufado ao terreo de xogo, convertendo catro tantos en apenas media hora. Ao pouco de iniciarse o segundo tempo, puideron ampliar a súa renda e así poñer terra de por medio co 5 a 0. Lonxe de renderse, os pupilos de José Barca lograron reducir a diferenza, aínda que o Calo e, máis concretamente, Fernando Rosendo, acabaron coas súas esperanzas. Sexa como suplente ou como titular, o santiagués é un seguro para ver porta, tal e como proban as súas sete anotacións neste curso.
Malas noticias para o Bertamiráns que, logo de caer pola mínima ante o Cire de Melide (0-1), afástase aínda máis dos play off. Na outra cara da moeda, os de ‘Luigi’ racharon coa súa mala xeira grazas ao bo facer de David Pereiro, quen converteu o único tanto do enfrontamento aos quince minutos. Como se fose un súper heroe, o ‘Furón de Melide’ apareceu para liderar aos seus e devolvelos á senda da vitoria. Deste xeito, conseguen escapar da liña vermella do descenso, situándose 9 puntos por riba dela.

Recuperar sensacións
O ano pode facerse longo para os equipos, por iso cómpre aproveitar as oportunidades para rexurdir das cinsas. Aló por terras lucenses téñeno comprobado de primeira man…
Sorrí o Chantada Atlético e non é para menos, pois saíron dos postos de descenso co seu triunfo ante o Outeiro de Rei (1-2). Iso si, non lles foi nada doado. Os de Fernando Corredoira colleron vantaxe xusto antes do tempo de lecer e non foi ata a hora de partido cando os albivermellos conseguiron espertar. Foi entón cando apareceu Congui para poñer as táboas no marcador e insuflar ánimo na escuadra chantadina. E vaia se o fixo xa que, minutos despois, completaron a remontada para acadar un importantísimo +3.
O Taboada impúxose ao Santaballés por catro goles a un e ameaza con saír dos últimos postos. Alentados pola bancada de A Medela, saltaron ao seu céspede coa ambición de agasallarlle a súa afección un bo espectáculo. Aínda non rematara de asubiar o colexiado cando Martín abriu a lata para os branquiazuis, moi superiores aos seus contrincantes nos primeiros compases do xogo. O monólogo do Taboada estendeuse durante os primeiros 45 minutos, chegando a ver porta ata en dúas ocasións máis. Xa na segunda parte, o ritmo de xogo decreceu e, logo de que ambos equipos anotaran outro gol, o encontro chegou á súa fin.
Por outra banda, a Residencia continúa coa súa boa dinámica ao vencer por 1 a 0 ao Atlético Escairón. Logo dun comezo gris e con poucas oportunidades, Mauro puxo en pé á Cheda coa súa décimo terceira diana na competición. O atacante lucense está a asinar unha magnífica campaña no seu regreso á ‘Resi’, da que é o seu máximo artilleiro. Coa vantaxe na man, os capitalinos defenderon con unllas e dentes un resultado que lles permite consolidarse como segundo clasificado deste grupo 3.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.




















































































































































































































































































































































































































































































































































































































