O CD Córgomo continúa reforzando as súas opcións de loitar polo ascenso directo na Primeira Futgal. O conxunto valdeorrés encadea xa 15 partidos sen perder en liga, unha racha que o mantén segundo na clasificación cos mesmos puntos que o líder, o Verín, aínda que os verineses contan cun partido menos.
No vestiario do Córgomo hai confianza, pero tamén prudencia. Brais Meco, un dos últimos xogadores en chegar ao vestiario, insiste en que a prioridade segue sendo manter a regularidade semana a semana. O xogador recoñece que a boa dinámica reforza ao grupo, pero evita facer contas antes de tempo.
“Nós estamos centrados en seguir sumando e en facer o noso traballo cada semana”, explica o futbolista valdeorrés. “É verdade que recortamos puntos e iso sempre che dá confianza e ganas de seguir loitando polo obxectivo, pero queda moita liga aínda”.
O propio Brais Meco lembra que a loita polo primeiro posto tamén depende do líder, que conta cun encontro pendente. “Sabemos que eles teñen un partido menos e dependen de si mesmos, pero nós, se seguimos nesta liña e competindo como o estamos facendo, teremos as nosas opcións”, sinala.
Duelo Verín-Córgomo
Hai dúas xornadas ambos os dous equipos mediron forzas nun duelo directo que rematou sen goles (0-0) no campo do Verín. O encontro confirmou a igualdade que existe na parte alta da clasificación. Segundo o xogador do Córgomo, tratouse dun partido moi pechado no que ningún dos dous conxuntos concedeu apenas ocasións. “Foi un partido moi competido. Sabiamos que era un campo complicado e que eles son un gran equipo, pero o equipo saíu moi serio, moi ordenado e soubo competir”, apunta.
Ao seu xuízo, o resultado final foi acorde ao visto sobre o terreo de xogo: “Creo que o empate foi xusto porque ambos fixemos un partido moi serio, practicamente sen erros, e iso produciu poucas ocasións”.

A boa serie de resultados tamén se explica, segundo Meco, pola fortaleza do grupo e o ambiente dentro do vestiario. O futbolista asegura que o equipo chega ao tramo decisivo do campionato cunha mentalidade ambiciosa. “As sensacións son moi boas. O vestiario está moi unido, con moitas ganas de seguir competindo e traballando. Sabemos que queda o máis difícil, pero o equipo está con confianza e con ambición”, afirma.


















































































































































































































































































































































































































































































































































































































