Unha semana máis FutbolinGalicia presenta unha nova entrega dos Vintage! Continuamos repasando tempadas históricas de equipos galegos nas nosas competicións. Hoxe toca falar da UD Somozas da campaña 2013/2014, que logrou un ascenso a Segunda B que aínda perdura na memoria da afección do Manuel Candocia.
Abraham Santos e Christian Hernán eran os encargados de defender a meta do conxunto dirixido por Míchel Alonso. A zaga estaba composta por Alejandro Bao, Álvaro Álvarez, Miguel Fiuza, Iago López, Javi Rosa e Jose Manuel González. O centro do campo estaba repleto de quilates: Álex Ares, Roberto Baleato, Dani García, David Franch, Héber Pena, Luis Ángel Curra, Pablo Antas e Pablo Berros. A parcela ofensiva conformábana Edy Alvariño, Rubén Fraguela, Rubén Gómez e Stefan Rodríguez.
No grupo 1 da Terceira División 2013/2014 competían 20 equipos, entre os que había históricos do noso fútbol como Pontevedra, Cerceda, Deportivo B ou Rápido de Bouzas. As 38 xornadas foron disputadísimas, mención especial para a loita polo título. Ata cinco equipos en 2 puntos: Somozas (75), Cerceda (74), Boiro (74), Pontevedra (73) e As Pontes (73). Unha loita dura e difícil pola primeira posición e tamén polos postos de acceso ao play-off. Como campión, a UD Somozas tiña unha dobre oportunidade. Se perdía a primeira eliminatoria, a dos campións, volvía a entrar en xogo nunha segunda rolda co resto de equipos que superaran a primeira e os demais campións que non tiveran esa fortuna na rolda previa.
O filial do Real Valladolid foi o primeiro escollo que os de Míchel tiveron en fronte no play-off. Trala disputa dos 180 minutos da eliminatoria, a UD Somozas non foi capaz de superar ao campión do grupo VIII da Terceira División 2013/2014. Tocaba retomar a confianza e saír vitorioso de dúas novas e complicadas eliminatorias.
A visita á UD San Sebastián de los Reyes saldouse cunha vitoria da UD Somozas por 2-3. O campo das Pardiñas tiña que ser o xogador número 12 na volta e non defraudou. A afección levou en volandas ao seu equipo, que realizou un gran partido, saíndo vencedor por un contundente 2-0. O posible ascenso estaba a dúas semanas. As dúas semanas máis ilusionantes da historia do club ata ese momento.
A ida da última eliminatoria non puido ir mellor para os intereses galegos. A UD Somozas visitou ao filial do Tenerife B cheo de confianza e nun auténtico partidazo dos de Ferrolterra, venceu por 1-5, conseguindo practicamente o ascenso xa no primeiro partido. O Tenerife B asaltou o campo de Pardiñas (0-1), mais o gran resultado da ida serviu para lograr un salto de categoría para a historia. Un equipo humilde, dun municipio de pouco máis de 1000 habitantes, xogaría no terceiro chanzo do fútbol estatal. Unha historia para non esquecer! Unha tempada que os seus afeccionados non olvidan!

A pesar do ascenso, a tempada 2013/2014 tamén é recordada por unha desagradable situación. O entón presidente do club, Manuel Candocia, falecía durante a disputa dun partido da fase regular. A partir da seguinte campaña o campo pasou a levar o seu nome, homenaxeando ao que foi durante tres décadas presidente do club do municipio do que foi tamén alcalde.
Foto de portada: La Voz de Galicia

















































































































































































































































































































































































































































































































































































































