A Primeira Futgal tamén se atopa nunha fase emocionante nos grupos do sur, onde non hai nada resolto polo momento. Co paso das xornadas, a competición non fixo outra cousa que apertarse máis e máis ata chegar a un punto onde a marxe de erro é mínima. Logo de meses de traballo e esforzo, os equipos da competición entregan o último relevo aos seus xogadores máis Diferenciais.
Pasos firmes
No grupo ourensán teñen un ollo posto na Preferente, pois o descenso dalgúns dos seus representantes podería provocar un ‘arrastre’ e tirar por terra toda unha temporada. E ninguén quere perder a categoría por non dalo todo ata o final…
Ledicia absoluta na Valboa, onde o Francelos bateu ao Maceda, rival directo, por tres goles a cero. Dunha primeira metade máis gris e trabada, pasouse a unha segunda onde os ribeiráns puxeron toda a carne no asador. Unha desas chegadas acabou cun derrube próximo á frontal da área e, desde alí, Róber fixo o primeiro para adiantar aos de Tomás Cibeira. A partir de aí, o Francelos fíxose co dominio do encontro e sentenciou as cousas con outros dous tantos, o último asinado novamente por Róber. Chegado desde as filas do Cortegada, o extremo dereito suma xa seis anotacións nesta campaña e estase a revelar como un dos xogadores chave na ofensiva vermella.
Máis axustado foi o duelo entre o Polígono San Ciprián e o Nogueira de Ramuín, resolto a prol dos industriais (2-1). Ao pouco de iniciarse o partido, Pato abriu a lata. O atacante ourensán non tardou en amosar o seu talento innato para o gol e, non contento con iso, viu porta por segunda vez cando regresaron da caseta. Así e todo, os de Luíntra non se renderon e reduciron a fenda nos intres finais, meténdolle o medo no corpo a un ‘submarino amarelo’ que soubo controlar a situación para levarse finalmente os tres puntos.
La Purísima e Antela B firmaron táboas ao empatar a 2 no duelo de necesitados. Tras varias idas e vidas, os pupilos de David Valcárcel foron os primeiros en golpear cando apenas restaba un cuarto de hora para finalizar o encontro. O filial limiaio reaccionou rapidamente e deulle a volta á tortilla grazas ao bo facer de Joni. Como se fose un súper heroe, o capitán branco e negro apareceu ao rescate dos seus para conducilos a unha vitoria que se lles escapou das mans no último suspiro. O reparto de puntos non beneficia a ningún dos dous contrincantes, situándose arestora en postos de descenso.
Manter a porta a cero
Cando non encaixas, polo menos empatas. Este podería ser un bo mantra nas terras do Lérez, pois aqueles conxuntos que o aplicaron fixéronse co triunfo nesta última xornada.

Por exemplo, o Cordeiro derrotou por dous goles a cero a un Abanqueiro en caída libre. Aos dez minutos, Samu fixo o primeiro da tarde desatando a tolemia na bancada do Municipal de Baño. A cousa non quedou aí e o extremo de Pontecesures furou novamente as redes rivais, asinando un dobrete en tan só media hora. Unha vez por diante, os locais comezaron a xestionar o ritmo do partido e acabaron por desesperar a un Abanqueiro que mesmo quedou cun xogador menos no último treito da disputa.
Quen segue asentado na zona media da clasificación é o Marcón Atlético. Os xogadores do Carrasco impuxéronse por 2 a 0 ao Amanecer, deixando a súa liña ofensiva no dique seco. Boa parte de culpa tivo Nico, que se encargou de facer o primeiro da tarde aos quince minutos. Con esta, o atacante pontevedrés suma xa 9 dianas, superando as súas mellores cifras no apartado goleador. A mesma tónica no reinicio permitiulle ao Marcón ampliar a súa renda e facerse cunha vitoria importante na loita pola permanencia.
As Cachizas acolleu o o encontro entre o Unión Dena e o Agolada, saldado cun resultado favorable aos locais (1-0). Ámbolos dous contrincantes protagonizaron un enfrontamento parello, onde ninguén baixou a intensidade durante os 90 minutos. Foi entón cando a fatiga comezou a facer acto de presenza, o que levou á defensa dezá a conceder o único tanto da tarde, obra de Marcos. Quen se non? O home-gol do Unión Dena apareceu cando máis o precisaban os seus compañeiros, declinando a balanza ao seu favor.

Festival anotador
Os afeccionados vigueses non poden ter queixa da pasada fin de semana, pois houbo un bo número de partidos con resultados estrambóticos e cuantiosos en canto a goles.
Un mes máis tarde, o Ribera volve reencontrarse co +3 a costa do Progresista (3-1). Nada máis volver do paso polos vestiarios, os do Rosal atopáronse cun agasallo en forma de autogol e, pouco despois, Raúl incrementou a diferenza coa súa décimo terceira diana no presente curso futbolístico. Lonxe de renderse, os homes de Sebastián Insagaray recompuxéronse e conseguiron achegarse no electrónico. Pero os verdes aínda tiñan un as na manga e remataron a faena cun terceiro e definitivo tanto que chegou no tempo engadido.

A sorpresa da xornada asinouna o Candéan, que lle endosou un contundente 0 a 4 ao Chaín. Decididos a asaltar a Gándara, o combinado olívico saíu disposto a dalo todo e varreu ao seu rival no primeiro tempo. Boa parte de culpa tivo un Iván Barcia en estado de gracia. O media punta encargouse de inaugurar o marcador para, máis tarde, completar o seu dobrete particular e poñer terra de por medio. Pese a intentalo, o Chaín non foi quen de reaccionar ante a exhibición dos visitantes, infinitamente superiores durante os primeiros 45 minutos.
Por outra banda, Domaio e Gondomar protagonizaron unha oda ao fútbol ao empatar a tres goles. Os do Val Miñor fixéronse coa iniciativa desde ben cedo, tomando unha vantaxe de dous goles nos primeiros compases de xogo. Asier Juncal recortou distancias antes de chegar ao tempo de lecer e, xa no reinicio, viu porta outra vez igualando o choque. O Gondomar volveu poñerse por diante aínda que a súa alegría foi efémera, pois Asier fixo o 3-3 sobre a bucina. Procedente da canteira do Moaña, o central é un fixo na zaga da Granxa e está a demostrar que, ademais de defender, tamén sabe sumarse ao ataque.















































































































































































































































































































































































































































































































































































































