Xa quedan menos de 10 partidos para pórlle o peche á Primeira Futgal e, como non pode ser doutro xeito, os equipos xa se preparan para o sprint final. De aquí ata o remate da competición, cada xornada é unha final onde pode pasar de todo. E é que a ‘carreira de cabalos’ polo ascenso promete estar igualada en tódolos grupos, onde os xogadores máis Diferenciais resultarán decisivos para lograr a tan ansiada meta.
Estremas apertadas
Aínda non hai nada decidido no grupo herculino, pois os equipos á cabeza e á cola da táboa clasificatoria están a pelexar a morte por cumprir cos seus diferentes obxectivos.
A fin de semana deixou un troco no liderado, xa que o Carral derrotou por 2 a 0 ao Galicia de Mugardos e fíxose coa primeira praza. Ningún dos dous conxuntos quixo ceder terreo, manténdose firmes durante boa parte do enfrontamento. A falta dun cuarto de hora para o seu remate, Boado incorporouse ao ataque e puxo por diante aos do Castro. Logo de pasar boa parte do ano no dique seco, o canteirán regresou aos terreos de xogo por todo o alto. O gol liberou aos brancos da tensión acumulada e estes puideron sentenciar as cousas no tempo engadido.
Malia comezar por debaixo no electrónico, o Ural tirou de épica e superou ao Torre por un gol a dous. Se ben os primeiros compases do encontro foron parellos, os arlequinados puideron tomar vantaxe ao bordo do descanso. O cadro verde medrou co paso dos minutos, aínda que non foi capaz de chegar con claridade a portería. Porén, non deixaron de insistir e lograron igualar a contenda na prolongación. Movidos pola ledicia da igualada, os xogadores do Ural volveron á carga e consumaron a remontada cun penalti transformado por Luca.
No Antigo Leyma viviuse unha situación semellante coa vitoria ‘in extremis’ do Oza Xuvenil ante o Orillamar (3-2). As ‘quenllas’ non comezaron con bo pé e encaixaron dous goles na primeira media hora do duelo. Lonxe de renderse, subiron as súas prestacións na segunda metade e, froito desa melloría, reduciron a diferenza. Co tempo cumprido, Samuel Rumbo, ‘pichichi’ deste grupo 1, reequilibrou a balanza para desesperación do Orillamar, que viu como o seu rival conseguiu levarse os tres puntos cunha terceira e definitiva diana.
Todo pasa por Santiago
Os combinados das comarcas picheleiras atravesan un gran momento e, pouco a pouco, sitúanse cada vez máis preto dos postos nobres do grupo 2. Hai varios, incluso, coa idea de subir de categoría e estar o vindeiro ano en Preferente Futgal.

Un deles é o Cacheiras, a gran revelación da temporada. Os xogadores adestrados por Ángel Domínguez fixéronse coa terceira posición ao impoñerse por dous goles a tres ao Cire de Melide. A pesar de seren os primeiros en golpear, os visitantes pagaron cara a súa relaxación no reinicio. En apenas vinte minutos, a escuadra do Jesús Carlos Pampín puxo en pé á súa bancada con dous tantos e a ilusión de poñer fin á súa mala xeira. Pero os teenses decidiron estragar a súa festa e, tras lograr o empate nas botas de Yago Ferreiro, puideron levarse o +3 cunha diana no desconto.
A tarde foi máis tranquila no Juan Amado, onde o Praíña lle endosou un contundente 5 a 0 ao Fisterra. Así e todo, os de Pontevea non viron porta ata a segunda metade, cando Lozano desfixo a igualdade. Non contento con iso, o atacante santiagués volveu furas as redes costeiras desde o punto fatídico, asinando un dobrete nun abrir e pechar de ollos. Unha vez por diante, o Praíña non deixou de pisar o acelerador e incrementou a súa renda tres vez máis. Deste xeito, poñen fin a un período de máis dun mes sen saborear as meles da vitoria.
Ségueos moi de preto o Queixas, que goleou sen problema ao Boimorto. Iso si, os pupilos de Marc Vidal foron os primeiros en tomar a iniciativa, abrindo a lata ao cuarto de hora de comezar o partido. A reacción branca e azul foi inmediata e o combinado local devolveu a igualade ao marcador antes de chegar á pausa. Nada máis volver dos vestiarios, conseguiron poñerse por riba e controlar o partido ata que Mika lle puxo o peche. Os anos non pasan polo mediocampista e o seu olfacto para o gol permanece intacto, tal e como probou co seu dobrete.

Os pistoleiros proban a súa puntería
Lugo transformouse no Salvaxe Oeste e os pistoleiros de cada equipo do grupo 3 xa están a afinar a súa puntería para chegar nas mellores condicións ao final do curso futbolístico.
Antes de acudir á Feira do Viño, o Chantada fixo os deberes e bateu por cero goles a tres ao Chantada Atlético. Decididos a pór ao líder contra as cordas, os de Ivi López saíron enchufados ao terreo de xogo e anularon por completo o torrente ofensivo do seu rival. Ata que, a piques de cumprirme a media hora, a ‘SD’ tombou a súa férrea defensa con dous goles consecutivos. O segundo deles levou o selo, como non, do máximo artilleiro da competición, Pablo. Desde entón, os albivermellos non levantaron cabeza e viron como o Chantada certificou o seu triunfo no derbi cun terceiro tanto.
Por outra parte, o Rácing Vilalbés B acabou coa súa mala dinámica a costa do Taboada (5-1). Pese a abrir a lata, os homes de Martín Murado viñéronse abaixo na segunda parte, onde o filial chairego amosou o seu mellor fútbol. Puxeron o 1-1 á volta da caseta e, tan só catro minutos despois, Denís volteou a situación ao roubar un balón e superar cunha boa picada a meta branquiazul. Ademais de exercer un rol chave na defensa dos seus, o lateral aproveita as súas incorporacións ao ataque para amosar o seu bo facer de cara a portería. Logo da súa diana, viñeron outras tres para sentenciar o duelo a prol do Vilalbés B.
O Guntín tampouco tivo moita complicación esta fin de semana ao vencer por 3 a 0 ao Xove Lago. Aínda non rematara de asubiar o árbitro cando Mateo fixo o primeiro da tarde, celebrado no Ladairo con grande efusividade. A exhibición do mediocentro lucense non acabou aí e, pouco despois, volveu ver porta para asinar unha dupla de anotacións en vinte minutos. Tombados sobre a lona, os mariñáns non tiveron tempo de reaccionar ao terceiro tanto da ‘Laranxa Mecánica’, á que lle bastou realizar unha magnífica media hora para deixar ao Xove Lago na cuneta.

Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.














































































































































































































































































































































































































































































































































































































