# Hashtag

Unha coñecida empresa busca equipos galegos para patrocinar

Nos tempos que corren, os equipos deben afrontar gran cantidade de gastos, e calquera axuda ou achega de socios e colaboradores é precisa. A busca de patrocinadores é cada verán traballo de moitas directivas, que tratan de conseguir que algunha firma comercial se anime a botar unha man a nivel económico a cambio de lucir o logotipo da mesma na camiseta e roupa deportiva.

Pero hai unha coñecida empresa que llo pon doado aos clubs e que se lanza á busca de 10 equipos galegos aos que patrocinar a vindeira temporada.

Trátase de Casa Grande de Xanceda e poñen en marcha esta iniciativa para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Por iso, a acción busca dar visibilidade aos equipos femininos de fútbol situados en localidades de menos de 15.000 habitantes.



Os requisitos para participar na promoción son tres. En primeiro lugar, ser un equipo feminino rural «e estar moi orgullosas de selo»; e, como xa se dixo, tamén é preciso que o club estea nun concello que non supere os 15.000 habitantes. Froito do acordo, as xogadoras deberán levar as novas equipacións co icónico print de vaca na tempada 2026-2027.

    Como poden participar os equipos?

    Un total de 10 equipos poderán optar a este patrocinio. A mecánica é sinxela: o equipo deberá subir a esta web https://futbolistasdelaleche.com/ un vídeo divertido, tolo e cos valores da campaña. Terán algo máis dun mes de prazo para facelo e será a propia granxa quen escolla eses 10 equipos. Todos os vídeos deberán estar subidos antes do 20 de abril de 2026, sendo esta a última data para participar.

    Desde Casa Grande de Xanceda explican que lles fai “moita ilusión” que “as do rural xoguen de cowprint”. Este deseño de camiseta non é unha novidade: a granxa xa vestiu así ás xogadoras do Abellá S.D.C., as súas veciñas, en 2025 na campaña “As do rural xogan”, que quería “visibilizar o mérito e o traballo dos clubs rurais para que as nenas e mulleres practiquen o deporte rei”.



    Ao fío disto, Casa Grande de Xanceda converteuse en patrocinador do equipo feminino do Abellá para esta tempada 2025-2026. “Nada nos dá máis orgullo que ver ás nosas veciñas disputar os partidos coas manchas de vaca nas súas camisetas”.

    Unha coñecida empresa busca equipos galegos para patrocinar

    Tania Núñez, a máxima goleadora do fútbol