Se ben pasou o Entroido, a festa non parecer rematar na Primeira Futgal, onde continúa o baile de posicións entre os diferentes conxuntos. E é que nunha categoría tan complexa coma esta, as subas e baixadas van ser habituais ata o treito final. Por iso e, co obxectivo de finalizar a temporada do mellor xeito posible, cómpre estar acompañado de bos danzaríns como son os Diferenciais.
Asalto ao liderado
Lonxe de quedar sentenciado, a loita ascenso apertouse no grupo herculino e, agora mesmo, hai ata seis equipos implicados nesta pugna por levarse o premio máis desexado: alcanzar a Preferente Futgal.
A ledicia espallouse por toda a bancada da Pedreira cunha nova vitoria do Galicia de Mugardos. O Cedeira sucumbiu ao bo xogo do cadro verde, caendo por dous goles a cero ante o novo líder da competición. Iso si, non llelo puxeron nada doado e aguantaron o empate inicial durante os primeiros compases do xogo. Ao bordo do descanso, Rafa destapou a tubaxe ofensiva dos seus e púxoos por diante co seu sétimo tanto nesta temporada. O segundo dos de Moisés Pereiro chegaría na prolongación para selar tres puntos cos que poñérense á fronte da táboa clasificatoria.

No outro derbi de Ferrolterra saíu vencedor o Perlío, logo de bater por 0 a 2 ao Meirás. Tras unha primeira metade trabada e sen claras ocasións, o guión do encontro mudou de xeito radical. Ao pouco de reiniciarse, Javi Varela aproveitou unha incorporación ao ataque para facer o primeiro da tarde no Misael Prieto. Trátase da cuarta anotación para o lateral do Perlío que, malia a súa demarcación defensiva, é quen de contribuír tamén na outra área. Unha vez tomaron vantaxe, os dos Pinares asestaron un novo golpe para levarse un importante +3.
Cando todo semella perdido, non hai nada como dar un puñazo na mesa para reafirmarse e volver coller confianza. Foi o caso do As Pontes, vencedor ante o Oza Xuvenil no duelo de necesitados (3-0). A Hugo Guizán bastáronlle dez minutos para abrir a lata e probar, unha vez máis, o seu olfacto goleador. Os pupilos de Joaquín Breijo seguiron a insistir e ampliaron a súa renda con dúas dianas máis, unha delas de Guizán novamente. Procedente da base do Galicia de Caranza, o killer do Poboado está a realizar unha magnífica campaña na súa primeira aventura como xogador senior.
Rachar coas malas xeiras
A igualdade no grupo 2 non permite marxes de erro amplas, polo que é preciso acabar canto antes coas malas dinámicas. Tal e como fixeron os seguintes equipos nesta fin de semana:

Sorrí o Bastavales ao superar por un axustado 4 a 3 ao Cire de Melide. Pese a comezar por detrás no electrónico, os de Brión souberon reaccionar ás adversidades e igualaron a contenda ata en dúas ocasións. A piques de cumprirse a hora de partido, Chenel deulle a volta á tortilla asinando o terceiro dos seus. Con este, o atacante suma 6 goles no presente curso futbolístico, onde se está a revelar como unha peza crave para a escudara do José Pumar. O Bastavales fixo un cuarto tanto e, a pesar de encaixar na prolongación, soubo manter o tipo ata o final para sumar de tres.
Custou, pero o Bertamiráns volveu á senda da vitoria ao superar por tres goles a dous ao Castriz. Con todo, víronse na obriga de remontar o tanto inicial dos xogadores de San Pedro, que tomaron a iniciativa nada máis comezar o choque. Xusto cando se cumpría media hora no reloxo, apareceu Yago Garabatos para conseguir a igualada. A alegría foi efémera e o Castriz volveu á carga para irse aos vestiarios cun marcador favorable para os seus intereses. Xa na segunda metade, os de amarelo e negro subiron as súas prestacións e, despois de reequilibrar a balanza, pecharon a remontada co segundo de Yago Garabatos.
Tamén colle aire o Tordoia ao derrotar pola mínima ao Camariñas (0-1). Ámbolos dous conxuntos protagonizaron unha disputa dura e intensa, sen baixar o nivel de intensidade en ningún momento. Co paso dos minutos, a situación volveuse máis tensa e foi entón cando apareceu Víctor Vilariño para desatar a tolemia nas filas tordoiesas. Quen se non? O gol non lle sentou nada ben aos de Juan Cabrejo, que non lograron repoñerse do tanto encaixado e, por se fora pouco, remataron o partido con nove xogadores debido a dúas expulsións.

Quen dixo renderse?
Sexa por un obxectivo ou outro, temos por seguro que ninguén vai renunciar as súas metas aló polas terras amuralladas. Collede flocos de millo, pois as vindeiras xornadas prometen ser emocionantes a esgalla.
Por exemplo, o Monterroso endosoulle un contundente 0 a 4 ao Taboada e continúa a axexar ao Ribadeo, quen ocupa agora mesmo a terceira praza. Héctor fixo o primeiro da tarde na Medela e, non contento con iso, volveu ver porta antes de chegar ao tempo de lecer. As cousas non mudaron nos seguintes 45 minutos e os homes de Fer Sánchez aumentaron a diferenza unha vez máis. Tombado sobre a lona, o Taboada acusou a expulsión temperá de Adrián e non foi quen de conter o torrente ofensivo do seu rival, que puxo a sentenza coa terceira anotación de Héctor.

Un mes despois, o Lourenzá volveu gañar e fíxoo á costa da Milagrosa (1-0). Mediado o primeiro tempo, Yago puxo en pé á bancada de Santa Cruz furando as redes capitalinas. O canteirán é un fixo na zaga albivermella e, cando sube ao ataque, faise notar tal e como o fixo nesta ocasión. A ‘Mila’ tentou recuperar o terreo perdido, pero os de Rubén Acebedo mantiveron o tipo e, apoiados na súa férrea defensa, quedáronse co triunfo, saíndo ademais dos postos de descenso á Segunda Futgal.
Para tolemia a vivida no Arturo Pereiro, onde o Iberia logrou un importante +3 ao impoñerse por tres goles a catro ao Castro. Aínda non rematara de asubiar o colexiado cando os chairegos lograron o seu primeiro tanto. Media hora máis tarde ampliaron a súa vantaxe, inmediatamente recortada polos visitantes, que insistiron nos seus ataques e lograron empatar nunha das últimas xogadas da primeira metade. Ao volver dos vestiarios, o Castro volveu facerse coa iniciativa. Pouco lle durou a alegría, pois Pernas devolveu a igualdade ao marcador coa segunda diana na súa conta particular. Os de ‘Moro’ non cesaron no seu empeño e, finalmente, completaron a heroica remonta desde o punto fatídico.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.







































































































































































































































































































































































































































































































































































































