A Selección Galega dixo adeus á Copa das Rexións UEFA tras caer na prórroga da semifinal fronte á Selección Canaria no Estadi Olímpic de Terrassa. O combinado dirixido por Manolo García, que chegaba á fase final nacional por terceira edición consecutiva coa ilusión de repetir o éxito de 2023, viu como un tanto de penalti no tempo extra truncaba o soño de loitar polo título.
Galicia, que certificara a súa presenza tras superar a Asturias na Fase Intermedia disputada na Malata, afrontaba en Terrassa unha nova oportunidade para pelexar pola Copa das Rexións da UEFA. O cadro galego abriu a competición este venres 27 de febreiro coa semifinal ante Canarias.
Tras un tempo regulamentario sen goles e marcado pola igualdade e a intensidade, o choque marchou á prórroga. Foi no ecuador da primeira metade do tempo extra cando Canarias logrou adiantarse no marcador grazas a un penalti transformado por Santi Domínguez. O tanto acabou sendo decisivo, xa que os galegos non foron quen de atopar o camiño do empate na segunda metade da prórroga.
A convocatoria da Selección Galega
Na cita de Terrassa, a convocatoria galega estivo integrada polos gardametas Andrés (Gran Peña FC) e Ayoub (Viveiro CF); os defensas Achore (Atlético Coruña Montañeros), Yosi e Enjamio (CD Boiro), Carabán, Ander e Brais Vidal (CD Estradense), Dopico e Cambón (UD Somozas), e Cadra (Racing Club Villalbés); e os futbolistas Landeira (CD Boiro), Rachu (CF Noia), Lucas Camba (Alondras CF), Lombao (Arosa SC), Noel Álvarez (CD Barco), Noel Chaves (Juventud Cambados) e Adri (Céltiga FC).
Deste xeito, Galicia queda ás portas da gran final e perde a opción de conquistar por segunda vez na súa historia a fase nacional da Copa das Rexións UEFA, poñendo fin a unha nova participación destacada nun torneo no que o fútbol afeccionado galego volveu competir ao máximo nivel.






































































































































































































































































































































































































































































































































































































