Quen dixo que o Entroido non é compatible coa Primeira Futgal? Nunha fin de semana ateigada de bailes, charangas, disfraces e risas o fútbol tamén tivo o seu oco e os seareiros máis incondicionais deste deporte puideron desfrutar do espectáculo ofrecido polos seus xogadores máis Diferenciais. E é que ningún dos grupos –nin tan sequera o ourensán –deixou de competir pese as celebracións que tiveron lugar por toda a nosa comunidade.
Con claridade e contundencia
Cando hai un obxectivo entre cella e cella, os equipos herculinos non escatiman folgos e son capaces de deixar a pel con tal de cumprilo. Proba dilo os seguintes resultados…
A sorpresa da xornada tivo lugar en terras arteixás, onde o Cedeira lle endosou un 1 a 6 ao Sporting Meicende. Se ben a primeira metade foi máis igualada, o guión do encontro mudou por completo logo do descanso. As ‘cebras’ tomaron vantaxe enseguida e puxeron terra de por medio cun dobrete de Ipi. Ao extremo esquerdo bastoulle un minuto para acabar coas esperanzas dos albivermellos, incapaces de frealo. A cousa non quedou aí e o Cedeira anotou dous goles máis para sentenciar o choque e rachar coa súa mala xeira.
Tampouco lle foi mal a un Imperator que derrotou por dous goles a cero ao Marte. Só pasara un cuarto de hora cando Diego Rubiños abriu a lata para o conxunto vermello. Non contento con iso, o defensor ampliou a renda dos seus ao ver porta novamente. Os de Montealto tentaron reaccionar no segundo tempo, pero non foron quen de darlle a volta ao electrónico, sendo superados en todos os aspectos por un Imperator que sumou os tres puntos logo dun mes sen facelo.
Por outra banda, o Olímpico propicioulle unha boa malleira ao Oza Xuvenil (7-1). Os de Rutis tardaron pouco en adiantarse e, unha vez o fixeron, non deixaron de pisar o pé do acelerador. Boa parte de culpa tivo Abel, cuxo rendemento foi superlativo tanto na faceta defensiva como na ofensiva. De feito, o lateral esquerdo furou a rede das ‘quenllas’ ata en dúas ocasións demostrando o seu bo facer cando se incorpora ao ataque. Trátase da quinta vitoria consecutiva para un Olímpico que se pon a tiro das prazas de play-off.
Aínda non se dixo a última palabra
O desenlace do grupo 2 promete emocións fortes e non é para menos. Na zona nobre da táboa hai, cando menos, sete aspirantes ás prazas de ascenso e play off, o que revela un elevado grao de competitividade na categoría.

Non hai quen pare ao Muxía, que se aferra á segunda posición despois de vencer por catro goles a un á Esteirana. Os homes de Adán Vara puxeron en problemas ao seu rival aguantando o empate ata o tempo de lecer. Pero unha vez volveron dos vestiarios, os locais subiron as súas prestacións e, liderados por Fran Moreira, pecharon o duelo con tres goles en apenas media hora. O ‘killer’ de Arou volveu facer das súas e asinou un espectacular hat trick para manter ao Muxía na pelexa polo ascenso. Con estas, leva xa 16 dianas no que vai de competición.

Un mes despois, o Vizoño regresa á senda da vitoria a costa do Bertamiráns (1-3). Os de Abegondo saíron enchufados ao terreo de xogo e fixéronse coa iniciativa por mediación de Jesu. Chave na medular dos Pinares, o betanceiro é a definición de box to box: capital en defensa e con olfacto para o gol. O ‘Berta’ non lle perdeu a cara ao duelo e puido recortar distancias no reinicio, aínda que o seu esforzo resultou baldío. Mediado o segundo tempo, os visitantes puxeron a sentencia cun terceiro tanto.
En Camariñas poden respirar algo máis tranquilos, pois os xogadores adestrados por Juan Cabrejo superaron con claridade ao Fisterra (0-2). Conscientes da necesidade de facerse co +3, o cadro do encaixe dispuxo toda a carne no asador e logrou tomar vantaxe cun tanto de Djibril. O Fisterra tentou a igualada ata que Djiblril, novamente, se encargou de poñerlle o peche ao partido coa súa segunda anotación. Ao atacante senegalés non lle custou adaptarse á Primeira Futgal e continúa a liderar a ofensiva dos seus, da que é o seu máximo artilleiro.

Quen perdoa paga
Nun grupo tan apertado como o lucense, os tropezos páganse caros. Confiarse non é bo e menos nunha categoría como esta, onde calquera conxunto pode sorprender ao seu rival cando menos o agarde.
Continúa a mala dinámica da Residencia ao caer por un gol a dous ante o Santaballés. Ambos equipos protagonizaron un comezo parello con moitas disputas e pouco volume de ocasións. Pese a seren os primeiros en golpear, os capitalinos viron como o equipo de Iago Fernández lle deu a volta á tortilla en cuestión de 60 segundos. O segundo tanto levou a sinatura dun Losada que está a realizar unha magnífica campaña no cadro chairego. Dá igual se entra desde o banco ou, como neste caso, se o fai desde o asubío inicial porque o interior vilalbés sempre suma cando está no campo.
Pola contra, o Atlético Escairón impúxose por 4 a 1 ao Iberia e confirma o seu bo momento na competición. Noureddine espertou antes que a defensa dos de San Miguel de Reinante e abriu o electrónico aos 4 minutos de ter comezado a disputa. Pouco lles durou a ledicia, pois os de ‘Moro’ non tardaron en poñer o empate baixando os ánimos da bancada do Municipal do Saviñao. Lonxe de renderse, o Escairón sumouse ao ataque con maior ímpeto e serviuse dun disparo de Noureddine para desequilibrar a balanza. Xa na segunda parte culminaron a faena ao anotar dúas dianas máis.
E en Taboada, ademais de pasalo en grande coa Festa do Caldo de Ósos, tamén celebraron a vitoria dos seus ante o Lourenzá (2-0). Os primeiros compases do xogo foron trabados e sen oportunidades claras por parte dos dous conxuntos. Foi entón cando apareceu Julito para desfacer o empate cun auténtico golazo. Pasan os anos pero o centrocampista chantadés aínda conserva a maxia que o caracteriza como xogador. O combinado da Medela liberouse co 1-0 e certificou os tres puntos ao converter unha pena máxima no tempo engadido.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.




























































































































































































































































































































































































































































































































































































