A segunda volta da Terceira Futgal xa botou a andar e, tras dúas xornadas, o mercado de inverno deixou un bo número de movementos nunha categoría moi igualada.
O líder, o Compostela, aínda non coñece a vitoria nesta fase da competición, despois da derrota no Vero Boquete fronte ao Barco e do empate ante o Boiro. Nas últimas semanas, o conxunto santiagués reforzouse co mediocentro Unai Peón, de 21 anos, procedente do Montañeros, e co lucense David Rosón, que chega dende o Lugo e asinou ata final de temporada. No capítulo de baixas, causaron saída Mateo Arellano e Porrúa, este último de regreso a un Estradense que tamén recuperou en xaneiro a Edu Taboada, tras varias temporadas afastado do fútbol galego.
Na segunda posición aparece un Arosa que tamén se moveu con ambición. O cadro vilagarcián incorporou a un dos artífices do ascenso da Sarriana o pasado curso, o lateral arxentino Tomás Susavila, que militara esta temporada no Pol e chega con experiencia e nivel contrastado para a categoría. Xunto a el sumouse Manu Fernández, formado na canteira do Celta e procedente do Puertollano. Ademais, xa en decembro recalara en Vilagarcía Yoel Crespo, dende a UD Ourense.
No Somozas, único representante do Candocia, a novidade é a chegada de Pablo Ramos, mentres que Dani Sánchez causou baixa. Pola súa banda, o Racing Villalbés, en terras chairegas, reforzouse con Santi Prado, cedido pola UD Ourense. Manu Mosquera xa chegara no mes de decembro, ao tempo que saía Martín da Lama. O cuarto equipo en postos de play-off é o Boiro, que apostou pola experiencia coa incorporación do coruñés Adri Castro, un clásico do noso fútbol que regresa tras competir na liga austríaca.
Máis fichaxes
Outro dos movementos das últimas horas foi o do Montañeros. Fíxose cos servizos do centrocampista Pablo Rubio, ex do Barco e do Barbadás, para cubrir a saída de Unai Peón. O Céltiga reforzou a súa banda esquerda coa chegada de Diego Covelo, nun ano especial no que o club da Illa celebra o seu centenario. Tamén é recente a incorporación de Víctor Pascual, procedente do Azuqueca, ao Lugo B, filial que tamén pechou o regreso de Antón Núñez.
O Gran Peña protagonizou varias operacións. Chegaron Iker Rodríguez dende a Sarriana, Iker Arango procedente do Yeclano B e Santi Taboada, que militaba no Boiro. Mentres, Joaco causou baixa no conxunto olívico. No Arteixo, Chucas puxo rumbo a Unionistas de Salamanca, e en Ponte dos Brozos xa estaban dende decembro Álvaro Casas e Manu Berrocal.

O Barco, nun bo momento deportivo, reforzou o seu ataque coa incorporación do dianteiro Jesús Beas. O Cambados sumou a Eros Pardal e Fran Matos, mentres que o Silva tramitou as altas de Miguel Fiuza e Daniel Estramil. Finalmente, o Barbadás reforzouse con Lian dos Santos, procedente da Ponferradina. Ademais, tivo as incorporacións de Simón Brainsky e Ousman Mano, completando un mercado invernal moi activo na Terceira Futgal.
Foto: Facebook SD Compostela


















































































































































































































































































































































































































































































































































































