# Hashtag

A última decisión téñena os Diferenciais da Primeira Futgal (P. II)

Xa van vinte xornadas da Primeira Futgal. Vinte fins de semana nos que os seareiros máis fieis do fútbol rexional acudiron aos campos galegos para apoiar aos seus respectivos equipos. Facendo balance do tempo transcorrido, un pode decatarse de que a emoción e os goles sempre estiveron presentes nesta categoría, grazas en parte ás actuacións dos seus xogadores máis Diferenciais.

De primeiro, unha boa goleada

Tan importante como desfrutar dun bo xantar é asegurar os tres puntos para a o peto, e máis cando se pode facelo vencendo con autoridade. Isto foi o que fixeron varios equipos ourensáns este domingo.

Cinco encontros despois, A Peroxa volveu vencer e fíxoo goleando por todo o alto a La Purísima (5-1). Aos homes de Josiño bastoulles un cuarto de hora para facer o primeiro da tarde e, acto seguido, ampliaron a súa renda para poñerse cun 2-0 antes de chegar ao minuto 20. O cadro do Marco non deixou de pisar o acelerador e, xa no treito final, sentenciou as cousas grazas ao bo facer de Brais Fernández. Co seu hat-trick, o mediapunta ourensán puxo o peche a un partido que A Peroxa tivo dominado en todas as súas fases.



Tamén continúa a boa xeira do Maside logo de derrotar por tres goles a cero ao Muíños. Desde a chegada de ‘Mindo’ Surribas ao banco azul marino, os de Outeiro Grande non fan outra cousa que gañar. Se José Otero foi quen se vestiu de heroe na xornada pasada, desta vez foi a quenda de Manu Bardelás. O killer masidao abriu a lata e, ao segundo, volveu ver porta para encarrilarlle as cousas aos seus. Incapaz de reaccionar, o Muíños non foi quen de achegarse á meta rival e, por se fora pouco, recibiu nas súas carnes o terceiro tanto de Manu Bardelás desde os once metros.

O Allariz impúxose por 1 a 0 ao Maceda e colle aire na loita pola salvación. Ámbolos dous conxuntos precisaban gañar como auga de maio e saíron ao terreo de xogo dispostos a cumprir co cometido. Porén, os seus ataques estreláronse continuamente contra as parcelas defensivas contrarias, ata que Luís Feijóo declinou a balanza a favor dos alaricanos. Desde entón, o cadro da ‘Ziralla’ só tivo que xestionar o ritmo de xogo para, finalmente, levarse os tres puntos e a alegría de acabar coa súa mala dinámica, pois non conseguiran puntuar nos tres anteriores compromisos.

Os capitáns de Maceda e Allariz posan co trío arbitral. FOTO: CD ALLARIZ

A distancia é maior

O triunvirato integrado polo Ribadumia, Marín e o Unión segue a dominar o grupo pontevedrés con puño de ferro pero, como é lóxico, a emoción non se atopa unicamente na cabeza da táboa clasificatoria e o resto da competición promete moito do que falar.



Non era un partido sinxelo, mais o San Martín soubo xogar ben as súas cartas e rematou por levarse o triunfo por cero goles a tres ante o Abanqueiro. Pasado o primeiro cuarto de hora, Tymofii abriu a lata para o combinado de Vilaxoán. Os intentos por aumentar a diferenza de goles continuaron na segunda metade, onde o San Martín puido pechar a disputa grazas ao segundo tanto de Tymofii. Chegado desde o Portonovo, o atacante arousán leva seis anotacións nesta campaña revelándose como un dos xogadores a ter en conta neste competido grupo 5.

Sorrí o Valiño e non é para menos, pois coa súa vitoria ante o Campo Lameiro (1-3) logran saír das posicións de descenso á Segunda Futgal  Os afeccionados que se achegaron ata A Chanciña agardaron ata o minuto 40 para ver o primeiro gol, asinado por Álvaro García desde os 11 metros. Antes do descanso, a escuadra dos petróglifos devolveu a iguadade ao marcador. Unha alegría efémera, xa que os de Cabo de Cruz volveron tomar a iniciativa no tempo engadido da primeira metade. Tras o paso polos vestiarios, o Valiño volveu á carga e puxo o punto e final por mediación de Álvaro García, quen sumou o segundo tanto á súa conta particular.

Pero para malleira a vivida na Senra, onde o Ribadumia lle endosou un set en branco, 6 a 0, ao Unión Dena. Aos de amarelo e negro custoulles entrar en xogo pero, cando o fixeron, demostraron sobre o verde por que son os líderes da categoría. En tan só dez minutos, Cristian ampliou a renda do Ribadumia por partida dobre, algo que non lle sentou nada ben ao seu contrincante. Os de Meaño baixaron os brazos na última media hora e o combinado dirixido por Fran Blanco beneficiouse da situación para furar as redes tres veces máis.



Goles por un tubo

Os afeccionados ao fútbol rexional pasárono en grande aló polas terras olívicas. Non é para menos, pois foron varios os enfrontamentos que remataron cunha boa cantidade de goles.

É o caso do Progresista, a quen non lle puido saír mellor a tarde dominical. Os de Salvaterra endosáronlle un 6 a 0 ao Goián prolongando a mala racha do conxunto do Lito Oliveira. Pouco tardaron os albivermellos en poñerse por diante e, unha vez o fixeron, non deixaron de pisar o acelerador. Nada máis volver da caseta, Xes asinou un dobrete para acabar con toda esperanza de remontada dos seus rivais. A cousa non quedou aí e o Progresista volveu anotar para pechar o set e levarse tres puntos que o asentan na metade da táboa clasificatoria.

Os xogadores do Progresista celebran un dos goles anotados nesta xornada. FOTO: PROGRESISTA CF

A poucos quilómetros de alí, o Caselas bateu con claridade e contundencia ao Ribera (4-1). Así e todo, os visitantes foron máis madrugadores e conseguiron ser os primeiros en golpear no encontro. A piques do remate do primeiro tempo, Álex Fernández fixo a igualada para un Caselas que mellorou as súas prestacións co paso dos minutos. Os homes de Carlos Fernández seguiron a insistir e déronlle a volta ao electrónico con dous tantos, un deles co selo novamente de Álex Fernández. Trátase da quinta diana para o atacante desde a súa chegada ás filas celestes.

Pola súa parte, Candeán e Vila do Corpus non pasaron do empate a dous goles e tiveron que conformarse cun único punto. Semellaba un partido plácido para os ponteareáns, pois encarrilaron a última media hora cunha vantaxe de dous tantos. Pero os da Madroa non baixaron os brazos en ningún momento e reduciron a fenda logo de encaixar o 0-2. Os locais continuaron a atacar á procura dun segundo tanto que finalmente chegou na prolongación grazas a un bo disparo de Denis.  

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.



Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.



A última decisión téñena os Diferenciais da Primeira Futgal (P. II)

A última decisión téñena os Diferenciais da

A última decisión téñena os Diferenciais da Primeira Futgal (P. II)

A última decisión téñena os Diferenciais da