O paso de Ingrid pola nosa comunidade autónoma motivou o aprazamento dos partidos programados para o sábado. Porén, a Primeira Futgal disputouse practicamente na súa integridade, pois boa parte dos choques tiveron lugar nun domingo onde nin a auga nin a neve puideron estragarnos a tarde de fútbol. E vaia se o agradecemos, xa que os Diferenciais deixaron pegada unha vez máis nos campos galegos.
A ritmo dunha marcha militar
Co paso das xornadas, a cabeza do grupo coruñés colle máis distancia respecto ao resto de equipos, incapaces de segurille o ritmo aos dous favoritos ao ascenso directo.
Na primeira posición segue o Carral logo de superar por dous goles a un combativo Imperator. Aínda non rematara de asubiar o colexiado cando os herculinos fixeron o primeiro tanto da tarde, contrarrestado inmediatamente por Jony Fila. Que se non? O mediapunta do Castro sempre está cando máis o precisan e desta vez saíu ao rescate dos seus para igualar a contenda. Nada máis volver do paso polos vestiarios, o líder deulle a volta ao electrónico para pechar definitivamente o encontro e selar un triunfo importantísimo na loita polo título.
Ségueo un Sporting Meicende que non tivo problema en golear ao Ural para levarse os tres puntos (0-4). Aos arteixáns custoulles arrincar, pero unha vez o fixeron non deixaron de pisar o acelerador. Remataron a primeira metade cun 0-2 e, tras o reinicio, volveron a carga e sentenciaron as cousas con outras dúas dianas. A última delas levou a firma de Diego, cuxa actuación permitiu en gran medida a cómoda vitoria do seu equipo. Trátase da cuarta anotación para o atacante sadense, que está a ter un rol máis protagonista nesta temporada.
Por outra banda, o Marte sumou novamente os tres puntos ao derrotar por 0 a 1 ao Eume Deportivo. Se ben nos primeiros 45 minutos non houbo moito traballo para as defensas, o guión mudou na segunda metade. O cadro visitante saíu enchufado da caseta e conseguiron abrir a lata grazas ao bo facer de Gabri. Co paso dos minutos, os de Ferrolterra adiantaron as súas liñas para ir na busca dun empate que nunca chegou, pois a magnífica actuación defensiva do Marte desbaratou todas as ocasións rivais para certificar un valioso +3.
Loitarán ata o final
Cos tropezos de Bertamiráns, Arzúa e Cacheiras, a pelexa polas prazas do play-off apértase aínda máis en terras santiaguesas, onde a competición parece que non se resolverá ata ben entrado maio.

Non foi sen sufrimento, pero o Cire de Melide segue nesa terna despois de impoñerse ao Vizoño por dous goles a tres. Os homes de ‘Luigi’ foron os primeiros en golpear aos vinte minutos e fóronse ao tempo de lecer por diante. Unha alegría efémera, pois os de Abegondo remontaron o enfrontamento na volta ao terreo de xogo. Foi entón cando entrou en escena David Pereiro. Saído desde o banco, o ‘Furón’ de Melide non tardou en reequilibrar a balanza e, non contento con iso, sumou outro tanto á súa conta particular para darlle os tres puntos aos seus na prolongación.
O Praíña tamén fixo os seus deberes e derrotou por un claro 2 a 0 ao Bastavales. Boa parte de culpa tivo David Calvo, de cuxas botas saíu o primeiro tanto do choque. A partir de entón, os de Pontevea souberon xestionar o ritmo de xogo para manter baixo control ao seu rival, incapaz de achegarse á meta do Juan Amado. Ata que, nos intres finais, ampliaron a súa renda para facerse cun triunfo que lle permite asomar a cabeza entre os postos nobres da clasificación.

Tamén houbo goles no Vicente Carril, onde o Racing San Lorenzo saíu vencedor do seu duelo ante o Camariñas (2-3). Jorge Rama adiantou aos picheleiros ao pouco de iniciarse a disputa, aínda que a reacción dos de Juan Cabrejo non se fixo agardar e antes de chegar ao 20’ volveron poñer as táboas no marcador. O ida e volta repetiuse unha vez máis e o partido entrou no seu treito final cun resultado de 2-2. Co paso do tempo, o Racing San Lorenzo mellorou as súas prestacións e, froito da súa insistencia, obtivo o premio final cun terceiro e definitivo tanto de Jorge Rama.


Cada un cos seus obxectivos
Chantada e Residencia mantéñense na parte de arriba dun grupo lucense onde ninguén está disposto a tirar coas súas metas. E é que os equipos teñen aínda moito que dicir nesta competición.
Por exemplo, o Monterroso gañoulle por dous goles a un ao Castro e faise así co terceiro posto. Así e todo, o cadro de Fer Sánchez viuse na obriga de remontar o penalti transformado polos chairegos. Nun abrir e pechar de ollos, David rematou un bo centro lateral para asinar o empate e desatar a tolemia na bancada de Cerdeiriños. O Monterroso fíxose co control da pelota desde entón e, xa na segunda parte, culminou unha remontada que lle vale para afianzarse como unha das grandes revelacións deste curso futbolístico.
A vitoria pódese facer de rogar, pero cando se acada supón unha alegría máxima. Este foi o caso do Chantada Atlético, que puxo fin a unha das peores xeiras da categoría a costa do Iberia (1-0). Malia ser un resultado ben curto, a disputa contou con un bo número de ocasións por parte de ámbolos dous combinados. Pero o fútbol son áreas e nese escenario os xogadores de Ivi López estiveron máis acertados. Ivi furou as redes dos de San Miguel de Reinante e estes non puideron rachar coa fortaleza defensiva do combinado de Sangoñedo, clave para manter a portería a cero e levarse o encontro.
E o Lourenzá tamén acabou coa súa mala dinámica tras bater por 0 a 1 ao Xove Lago no derbi mariñán. Como é propio nun derbi, a igualdade alzouse co protagonismo nos primeiros compases do xogo. Ata que Luís aproveitou un barullo na área verde para acabar con ela. O killer da escuadra fabeira leva xa cinco goles no campionato, exercendo como figura clave nas aspiracións dos seus. As cousas non mudaron nunha segunda metade onde a defensa do Lourenzá desesperou aos locais, que non atinaron nos seus intentos por conseguir a igualada.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.










































































































































































































































































































































































































































































































































































