O inicio da segunda volta pode supoñer unha oportunidade de reinicio para aqueles equipos que non están a conseguir os seus obxectivos. Pero tamén é unha proba de lume para os líderes e aspirantes ao play-off, pois deben manter o ritmo da primeira metade da temporada se queren acadar o ascenso á Preferente Futgal. Desde logo, sexa por uns intereses ou outros, a Primeira Futgal vai estar ben animada de aquí ao final de curso. E non é para menos con eses xogadores tan Diferenciais.
A casa é o mellor fortín
No mundo do fútbol hai moitos tópicos a rachar mais, a idea de facerse fortes no propio feudo é esencial para conseguir as metas colectivas. Se non, que llo pregunten aos participantes do grupo 1.
Logo de 2 meses, o Olímpico volve á senda da vitoria ao superar por tres goles a cero ao As Pontes. A pesar da igualdade nos primeiros intres do encontro, o combinado dirixido por Carlos García conseguiu adiantarse antes do descanso. O tanto serviulles para gañar confianza e despregar a súa mellor versión nos seguintes 45 minutos, onde ampliaron a diferenza por mediación de Maka. Non importa se sae desde o banco ou como titular, porque o interior segue a posuír ese olfacto goleador que tanto o caracteriza.
Nas Pedreiras celebraron o triunfo do Galicia de Mugardos ante un Sporting Cambre que vendeu cara a súa pel (3-2). De feito, os vermellos foron os primeiros en adiantarse ao minuto de comezar o choque. Os locais lograron igualar a contenda e mesmo lle deron a volta ao electrónico grazas a Luís Dopico. Fundamental na medular mugardesa, o mediocampista ferrolán estreou a súa faceta goleadora neste curso por todo o alto. Tras o reinicio, o Sporting Cambre volveu equilibrar a balanza, pero o cadro de Moisés Pereiro aínda asestou un último e definitivo golpe.
Pasan as xornadas, pero o Sporting Coruñés non vai tirar a toalla tan facilmente. Este domingo golearon ao Oza Xuvenil por 5 a 2 nun partido onde tomaron a iniciativa cun gol de Jorge de Pedro. O lateral dereito volveu á carga na segunda metade e asinou o seu segundo tanto, encarrilando as cousas para os branquiazuis. A partir de entón, tan só tiveron que controlar o ritmo de xogo para sumar un importantísimo +3 na súa loita por evitar o descenso á Segunda Futgal.

Na Costa póñenlle corazón
Se algo caracteriza aos conxunto procedentes da Costa da Morte é o seu carácter aguerrido, xa que non dan un punto por perdido ata o asubío final. Dá igual quen sexa o rival porque van deixar todo no terreo de xogo neste grupo 2.

O Queixas puxo fin á súa mala xeira á costa dun Bastavales que non asinou a súa mellor tarde (0-5). Despois dun inicio igualado por parte de ambos equipos, os visitantes deron un paso adiante e furaron as redes rivais ata en dúas ocasións. O guión non mudou na segunda metade e Kevin Naya puxo terra de por medio ao converter a cuarta diana, a segunda na súa conta particular. Con esta vitoria, o Queixas colle aire e deixa atrás a parte baixa da táboa clasificatoria.
Pola súa parte, o Castriz tirou de épica e impúxose ao Club do Mar por un gol a cero. Sen ocasións claras durante os 90 minutos, o choque entrou no seu treito final tal e como empezou. Xa na prolongación, Chapela desatou a tolemia en San Pedro anotando o único tanto da tarde. O mediapunta vigués está a ofrecer un gran rendemento neste ano, contribuíndo ás aspiracións da súa escadra con 9 anotacións. Con estes tres puntos, o Castriz sitúase a carón dos postos que garanten a permanencia na categoría.

Pero sen dúbida, a sorpresa da xornada tivo lugar no Municipal de Bertamriráns onde o líder caeu por 1 a 2 ante o Camariñas. Os homes de Juan Cabrejo saíron dispostos a poñerlle as cousas difíciles ao equipo a bater e vaia se o lograron. Nada máis comezar a segunda parte puxéronse por diante no electrónico para, uns intres despois, aumentar a diferenza nas botas de Borja Costa. O Bertamiráns puxo o 1-2, aínda que non foi suficiente para levantar o resultado.


Esquecer os tropezos
“Non é tan importante caer, senón levantarse” podería ser perfectamente o mantra ou frase a seguir destes equipos lucenses, que se desquitaron dos malos resultados das fins de semana pasadas.
Decididos a darlle unha alegría á súa afección, o Foz saltou ao Martínez Otero con moita intensidade e goleou ao Monterroso endosándolle un 4 a 1. Os de Pelayo Barrero concedéronlle a posesión do esférico ao seu rival para así facerlles dano nos contragolpes. E a estratexia non puido saír mellor, xa que malia non levar a voz cantante, fóronse ao tempo de lecer por riba. A dez minutos para o final, Diego sentenciou o choque para selar unha magnífica actuación individual con hat-trick incluído.
Ao Rácing Vilalbés B tamén lle sorriu a redonda, vencendo por un gol a tres ao Atlético Escairón. O filial chairego atopou un filón na banda esquerda do Saviñao e desde aí chegou o primeiro da tarde nun centro lateral. Tras o descanso, os celestes igualaron a contenda desde os 11 metros, aínda que a ledicia duroulles ben pouco. Unha moi boa combinación dos xogadores de Iván Lamas permitiulles a estes tomar a iniciativa de novo e, nunha xogada idéntica, rematar a faena grazas ao bo facer de Migui.
O Chantada reafirma a súa condición de líder derrotando ao Taboada no derbi comarcal (2-0). Non houbo un claro dominador no primeiro cuarto de hora, onde as ocasións brillaron pola súa ausencia. Pouco a pouco, os do Asma fixéronse co balón e comezaron a chegar a con perigo á meta rival. Pablo Iglesias abriu a lata para o cadro de ‘Traste’, que non cesou nas súas intencións e ampliou a súa vantaxe xa no segundo tempo. Con esta vitoria, o Chantada esquécese dos dous últimos empates na competición.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.






































































































































































































































































































































































































































































































































































