As vacacións de Nadal serviron para desconectar un pouco, estar coa familia e, sobre todo, descansar. Así e todo, os equipos da Primeira Futgal non pararon de adestrar durante esta parón. Ademais das citas copeiras e os partidos aprazados, tiñan esta fin de semana marcada en vermello no calendario. E non é para menos: volveu a máxima competición rexional en Galicia, e fíxoo ao grande con actuacións moi destacadas dos seus xogadores máis Diferenciais!
Apurar as opcións ata o final
Na Coruña ninguén se vai render ata que soe a campá. Proba diso esta última xornada da primeira volta, onde a lista de aspirantes ao play-off de ascenso resiste a idea de pecharse definitivamente.
Boas novas para o Meirás, que rachou coa súa mala xeira ao endosarlle un contundente 5 a 1 ao Orillamar. A ledicia espallouse pola bancada do Misael Prieto cando Rubio fixo o primeiro da tarde. Pasan os anos pero o killer da escadra de Valdoviño continúa a exercer a súa lei por todo Ferrolterra. A cousa non quedou aí e tivo tempo de anotar outro tanto para selar un dobrete na súa conta particular e axudar aos seus a sacar os tres puntos.
Pola súa parte, o Oza Xuvenil logrou unha importantísima vitoria a domicilio fronte ao Imperator (0-2). A igualdade mantívose no electrónico ata o bordo do tempo de lecer, momento no que Imad fixo acto de presenza. Procedente do Victoria, o xogador alxerino está a demostrar as súas calidades ofensivas da man das ‘quenllas’. Coa súa dupla de goles, suma xa 3 dianas en apenas dous encontros, o que o converte nun magnífico reforzo para a entidade herculina.
Alegría nas filas do Torre tras superar por un gol a dous ao Sporting Coruñés nun derbi moi axustado. Os branquiazuis foron precisamente os primeiros en tomar vantaxe, nunha primeira metade onde levaron a voz cantante. Logo do reinicio, o cadro arlequinado reaccionou e equilibrou a balanza grazas ao bo facer de Moisés. Co choque no seu treito final, o Torre dispuxo toda a carne no asador e completou a remontada cun tanto agónico que lle permite soñar cos play-off.
Un escenario moi apertado
Mentres o Bertamiráns non levanta o pé do acelerador, os seus perseguidores continúan ao seu axexo no grupo 2. E é que a procura polas prazas para disputar o ascenso vai estar apertada ata o final da competición.

Non era un compromiso doado, mais o Muxía puido acadar o triunfo ao impoñerse por un gol a dous ao Calo. Os de Rebordelo levaron a iniciativa nos primeiros compases do enfrontamento, adiantándose aos dez minutos de ter comezado. Lonxe de tirar a toalla, o cadro costeiro insistiu no seu plan de partido e conseguiu a igualada nas botas de Adrián Alcaina. Trátase do segundo gol nesta campaña para o centrocampista de Dumbría, cuxa anotación posibilitou a remontada dos seus.
O Cacheiras comezou o ano con bo pé ao golear de xeito claro e contundente ao Camariñas (5-1). Na Cañoteira tardaron ben pouco en celebrar o primeiro da tarde, pero o festival de tantos chegou no segundo tempo. David Salgueiro ampliou a renda do conxunto de Teo que, malia sufrir un pequeno revés cun gol en propia meta, non tivo moitos problemas para facerse cos tres puntos. Boa parte de culpa tivo o propio Salgueiro, que volveu ver porta para asinar unha grande actuación a carón do seu equipo.
A pesar de sufrir algo máis do contado, o Arzúa tampouco fallou e derrotou ao Praíña por 2 a 1. Se ben a primeira metade foi algo máis trabada, o guión da segunda foi máis distinto. O ‘Queixo Mecánico’ tomou a iniciativa cun tanto de Brais Pedreira e, inmediatamente despois, puxo o 2-0 no electrónico para abrir máis a fenda. Aínda así, os de Pontevea rexeitaron a idea de baixar os brazos e reduciron a diferenza deseguido. Un esforzo que se revelou baldío, pois non conseguiron rascar un punto do Municipal do Viso.


Deixando atrás as pantasmas
A chegada do ano novo fíxose notar en terras lucenses, onde houbo varias escadras que se esqueceron dos malos resultados do final de 2025 con vitorias moi importantes.
Foi o caso do Guntín. Os homes dirixidos por Germán Campos bateron por un gol a cero ao Santaballés, poñendo fin a unha racha de tres derrotas consecutivas. A Dani Pérez bastáronlle oito minutos para abrir a lata e desatar a euforia entre os seareiros de Ladairo. Con esta leva xa seis anotacións nesta campaña, onde se está a destapar como un artilleiro moi a ter en conta neste grupo 3. Unha vez por diante, os locais tan só tiveron que controlar o ritmo de xogo para facerse coa vitoria.
Ao Xove Lago tamén lle sentou ben o cambio de díxito, conseguindo o seu primeiro +3 desde outubro ante o Taboada (1-0). Os mariñáns fixéronse coa iniciativa aos poucos e arrinconaron aos homes de Martín Murado nos instantes finais. Xa na prolongación, o colexiado asubiou un penalti a prol do Xove Lago que Xoel Eijo non errou. Tras o remate do partido, os afeccionados verdes invadiron o terreo de xogo para celebrar tres balsámicos puntos.
Por outra banda, a Residencia venceu por 3 a 2 ao Ribadeo e desquítase da súa mala dinámica. Iso si, o comezo non foi nada doado para os da Cheda, pois o seu rival aproveitou unha pena máxima para seren os primeiros en golpear. O reinicio serviulle á ‘Resi’ para saír con novos folgos, igualando a contenda ao pouco de comezar a segunda parte. Foi entón cando sucedeu a xogada clave do encontro: un contragolpe que acabou co árbitro sinalando o centro da área mariñá. Dani Renda colleu o esférico e anotou desde os 11 metros para, minutos despois, lanzar novamente un penalti que tampouco errou. Un dobrete de penas máximas para sentenciar o choque a prol dos seus.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.






























































































































































































































































































































































































































































































































































