Hai anos que desapareceu, pero os afeccionados de Sobrada mantiveron viva a lembranza do seu Estrella Roja. A súa foi a historia de moitos equipos do rural galego, condenados a desaparecer por mor do éxodo poboacional cara ás cidades. O que moita xente descoñece é que, aló polos anos 80, este cadro tomiñés deu a posibilidade de xogar ao fútbol a varias rapazas da parroquia. Nun tempo onde a realidade do fútbol feminino era ben diferente á actual.
Unhas pioneiras cuxa historia foi recollida pola historiadora local, Natalia Jorge (Tomiño, 1982). Doutora en Historia pola USC, Jorge publicou neste verán o documental Estrella Roja: A unión dun pobo. Nesta peza recolle as testemuñas dos veciños de Sobrada que, dun xeito ou outro, estiveron vinculados ao Estrella Roja. Seareiros, directivos, adestradores, xogadores e, por suposto, as xogadoras da súa sección feminina, protagonistas desta conversa.

Un «Solteiras contra Casadas» moi especial
FutbolinGalicia (de agora en diante, FIG): Cando e por que decidiches rescatar esta historia sobre o Estrella Roja de Sobrada?
Natalia Jorge (de agora en diante, NJ): É unha historia que hai moito tempo que desexaba contar. De feito podería dicirche que, xa fai 15 anos que a idea viña bulindo na miña cabeza, agardando o momento axeitado. É un proxecto que nace a raíz do debate que xurdiu entre a veciñanza en relación ao destino do antigo campo de fútbol, xa en desuso. Ese espazo viuse transformado nun proceso controvertido e amosou feridas entre a xente ao ser un lugar de memoria.
Penso que rescatar historias tamén supón achegarnos a feridas, a debates incómodos que debemos afrontar e transitar como forma de cura e como medio de entendemento. Como historiadora, interésame explorar esa memoria que fía a identidade, os puntos en común e como se chega ao consenso. Neste sentido, o formato audiovisual é sen dúbida unha ferramenta prodixiosa porque permite, a través das voces e dos rostros dos protagonistas, achegarnos ao plano das emocións, un elemento importantísimo para a propia convivencia.
FIG: A sección feminina comezou a súa andadura nos primeiros anos da década dos 80. Varias rapazas da parroquia comezaron a interesarse polo fútbol ao acudir ao campo para animar ao Estrella Roja. A súa insistencia por practicar o deporte motivou a celebración dun partido moi curioso: Solteiras contra Casadas. Quen foi o gran vencedor dese encontro? Como se lembra este episodio futbolístico en Sobrada?

NJ: O duelo entre entre casadas e solteiras foi unha petición do clube. Desde o Estrella Roja procuraban recadar fondos económicos, pois o equipo autofinanciábase e corría cos gastos de mantemento e melloras do campo. Ese evento foi todo un éxito. Primeiramente, pola excepcional acollida do público que se achegou de toda a contorna e logo porque, mais alá da cuestión deportiva, resultou tremendamente divertido.
Nese partido houbo xente que se deu de conta de que había rapazas con calidades futbolísticas e animáronas a adestrar. O apoio viu da man dalgúns dos xogadores masculinos, que se converteron nos seus adestradores e mentores.
Debemos contextualizar esta iniciativa na época en que se deu. Naquel entón, certos espazos públicos eran tomados por sectores sociais que até entón ficaran relegados. Lembremos como, na década dos 80, a figura feminina adquire importantes cotas públicas, entre as que se atopou a cancha. Se botamos unha ollada á contorna rural, atoparemos outras experiencias semellantes noutras aldeas e vilas. Por iso esta historia ten unha transcendencia que vai mais aló do local, converténdose nun acontecemento de interese universal ao reflectir as dinámicas daqueles anos. Deuse un cambio protagonizado por unhas mozas que non tiñan nin a maioría de idade. E iso fala moito tamén de nós como sociedade e, en particular, desta parroquia, Sobrada, que sempre cultivou un espírito dinámico.


FIG: Ademais de servir como punto de encontro para as rapazas de Sobrada e as súas veciñas do concello de Tomiño, tamén chegaron xogadoras procedente de Portugal. Dedúcese que a iniciativa foi un éxito que traspasou fronteiras, non?
NJ: Sabes que pasa? Que a fronteira, na praxe, non funcionaba así e a percepción é de intercambio, non de distancia. As rapazas de orixe portuguesa do Estrella Roja residían e convivían na parroquia, en casas da veciñanza perfectamente integradas nas familias e nos círculos sociais. Eran rapazas sen a maioría de idade que vivían e traballaban no ámbito destas familias nativas, algo moi frecuente nas localidades da Raia. As marxes son difusas aquí, porque as poboacións dun e doutro lado coñécense e teñen vínculos en común. Estas rapazas, ademais, tiñan enormes calidades futbolísticas. Algo do que se deu de conta mais dun ao velas xogar.
Facerse paso a través do balón
FIG: Como foron os primeiros pasos do Estrella Roja feminino? Había algunha diferenza no trato da directiva en comparación coa sección masculina?
Se ben os diversos adestradores que apoiaron ao equipo feminino procedían da escadra masculina, foron elas as que puxeron a vontade e o empeño para xogar, aprender e adestrar. Mesmo chegaron a desprazarse aos encontros deportivos nunhas condicións moi complicadas. Algo que debemos destacar porque nin tiñan equipamento nin transporte, e os campos de fútbol daquela nada tiñan que ver cos actuais. Eran campos de terra que en inverno se convertían en verdadeiros desafíos. E máis para unhas mozas que xogaban con tenis porque non tiñan botas, coa roupa do masculino que lles quedaba grande. Por se fora pouco, a responsabilidade de conducilas ata ás competicións recaía sobre as dúas únicas mulleres da parroquia con permiso de conducir.
Era un equipo modesto no que xogar estaba, moitas veces, condicionado ás propias necesidades do entorno familiar. Carecía da consideración que hoxe temos cara a práctica deportiva, o que tamén explica que o número de xogadoras fora limitado. Isto deixábaas nunha situación de inferioridade permanente. Imaxínate cando unha se lesionaba ou cando era expulsada!

FIG: Hoxe en día, o fútbol feminino ten presenza no Baixo Miño co Tomiño FC, participante na Terceira División. Exerceu como pioneiro o Estrella Roja? A semente do equipo de Sobrada agromou tamén na comarca en forma doutras iniciativas onde as mulleres puideran xogar ao fútbol, ou perdeuse no momento da súa desaparición?
NJ: Ese sería un tema interesante para un novo documental. Porque, fíxate que a raíz da recuperación da memoria do Estrella Roja foron aparecendo máis experiencias. O tema colocouse na conversa, fixémonos novas preguntas, e desde diferentes lugares puxéronse en contacto con nós porque acabou por erixirse nun referente en certa maneira. Traer este tema hoxe supón velo doutra forma. E iso trae consigo unha nova lectura, da que extraemos unha valía que no seu momento non foi percibida como tal. Por outra banda, o documental demostrou outra cousa. Queda moito camiño por andar e, a nivel local, debemos salvar aínda moitos obstáculos. E é que a igualdade pasa por facer cousas pequenas en lugares pequenos, parafraseando a Eduardo Galeano. Xa estou desexando facer un novo proxecto onde poder responder ese interrogante e indagar, se existe, esa canle do pasado co presente.

FIG: Nunha época onde non había tantos equipos de fútbol feminino en Galicia, cal era o gran rival do Estrella Roja de Sobrada? Chegaron a desputar algunha competición de carácter oficial?
NJ: O Salceda. Cóntano moi ben as xogadoras no documental que, por certo, está en rede e para acceso de todo o público. Anímovos a que lle botedes un ollo e pasedes un rato divertido vendo como esas xogadoras lembraban aqueles días coas xogadoras do Salceda.
FIG: Isto non pasou desapercibido na parroquia, onde as primeiras reaccións foron dispares. Moita xente non vía con bos ollos que as mulleres practicaran un deporte ‘sucio e bruto’, estigmatizando a práctica deportiva feminina. Logo dos primeiros partidos, mudou o sentir de Sobrada ou quedouse ancorada naquela mentalidade retrógrada?
NJ: Hai case 40 anos, a percepción do fútbol era a dun deporte masculino. O concepto do feminino estaba ligado a outros ámbitos que nada tiñan que ver co deporte. É mais, elas xogaron ao fútbol porque era o club que existía, pero podería ser outro deporte. Elas o que querían era practicar unha actividade fóra da casa, e que esta saíra fóra do cánon establecido. Lembremos que estabamos nunha época de transformación.
Por outro lado, o feito de que a actividade estivese integrada por veciñas da parroquia nunha contorna rural onde todos se coñecían xeraba certa seguridade. Ao fin e ao cabo, esa proximidade e convivencia foi a que facilitou unha actitude flexible por parte das familias. E insisto, estamos nunha época de profundos e rápidos cambios a nivel estatal que funcionan como estimuladores para novas adopcións.
O legado dun clube e un pobo
FIG: Semella que esta historia caera no esquecemento co paso do tempo. Foi así ou a lembranza dos partidos deste conxunto quedou perenne en Tomiño e arredores?
NJ: A nivel local mantívose. De feito, as xogadoras gardaban materiais como medallas, trofeos, roupa e fotografías que servían como elemento de unión entre elas e o seu entorno. Existía polo tanto unha viva lembranza. Porén, o que acontece é que ao recuperar estas experiencias, tamén apareceron voces que as infravaloraron e desprezaron como oportunistas nun presente onde o fútbol feminino é retransmitido pola televisión. Unha actitude que asociamos máis á mentalidade actual que ao propio esquecemento da súa existencia. Pero ese xa é un tema que daría para unha longa conversa, na que só ollando o local podemos medir o termómetro social.
FIG: Ao igual que moitos equipos das aldeas e vilas galegas, o Estrella Roja xa é hoxe historia do noso fútbol. Pero, a sección feminina desapareceu antes que o equipo masculino? Houbo algunha iniciativa de intentar recuperar ambas escadras?
NJ: A sección feminina tivo unha vida breve, aproximadamente tres anos. A súa desapareición veu antes que no caso do equipo masculino ou o infantil, porque manterse requiría de financiamento e de suficientes efectivos, algo do que se carecía. Foi unha verdadeira proeza que nun lugar pequeno saíra adiante un equipo feminino cando non o tiñan os clubs grandes da contorna, como é o caso do Tyde ou o Tomiño.
FIG: Que legado deixou o Estrella Roja no fútbol do Baixo Miño?
NJ: Se nalgo foi pioneiro o Estrella Roja foi en que, partindo dun club pequeno e sen apoio institucional, deu cabida a tres equipos: o masculino, o feminino e o infantil. Lembremos que se autofinanciaba, tanto o propio campo como os servizos foron levantados pola veciñanza e o clube ten as súas orixes como unha fórmula para pacificar as diferencias entre veciños. De aí que o documental leve por título A unión dun pobo.
O Estrella Roja foi moi coñecido porque contaba con bos xogadores, capaces de gañar torneos e de ascender á Segunda División Rexional (Segunda Futgal) daquel entón. Por outro lado, a afección era das máis fortes e acudía fielmente ao campo tanto na casa como fóra. O Estrella Roja hai 35 anos xuntaba no campo a homes, mulleres, nenos e nenas e tivo un efecto unificador. Ademais, contou con bos adestradores, comprometidos coa profesionalidade e excelencia no deporte. Algo que se viu reflectido no lugar que acadou e nos logros acadados, celebrados polo conxunto da veciñanza.
Polo tanto, ese espazo ligado ao equipo como era o campo de fútbol representaba esa memoria de éxitos, levando asociado a emoción. De aí a súa importancia como lugar da memoria, pois era un espazo que fora levantado polos propios veciños e veciñas nunha mostra de xenerosidade. O documental pretende facerse eco exactamente disto, de como significou un marco de oportunidade e foi o elemento que uniu ao pobo. Construíu unha plataforma sobre a que naceron novas iniciativas pioneiras como o equipo feminino, nun momento onde o fútbol estaba lonxe de ser unha actividade dirixida para as mulleres. E iso é realmente un gran mérito. Que as mans da veciñanza construíran un entorno axeitado no que agromar novas iniciativas que acabaron por ser pioneiras.
































































































































































































































































































































































































































































































































































































