Quenda para os grupos do sur, onde os equipos continúan a loitar por conseguir os seus obxectivos. Non é para menos, pois o grao de competitividade da Primeira Futgal é tan elevado que non permite relaxarse en ningunha cita futbolística.
Puntos valorados en ouro
A fin de semana saldouse con varios resultados sorprendentes no grupo ourensán, onde a posición do rival é o que menos importa cando un vai enfrontarse a el.
Proba dilo a caída do líder, o Verín, que sucumbiu ante o Polígono San Cibrao por 0 goles a 3. Logo dun comezo trabado e sen claras ocasións, o submarino amarelo disparou con éxito para facer o primeiro da tarde no José Arjiz. As ofensivas do conxunto adestrado por Pablo Gil continuaron e Juan ampliou a vantaxe ao bordo do tempo de lecer. Cos seus 4 goles, o extremo ourensán está a cumprir co seu rol de líder nun equipo ao que lle custou arrancar, pero que xa está aí. O terceiro tanto chegou a un cuarto de hora para o final, certificando a segunda vitoria consecutiva do Polígono.

O Nogueira de Ramuín gañou o seu duelo fronte ao Velle e celebrou o punto e final á súa racha negativa cun 3 a 0. A Tella albergou un partido entre dous aspirantes ao ascenso que precisaban os tres puntos para non perder de vista a cabeza da clasificación. Así e todo, os afiadores conseguiron furar as redes rivais ata en dúas ocasións. Na segunda metade xestionaron a súa vantaxe, que se viu amplianda por mediación de Gabri. Vaia arranque de temporada para o xogador de 20 anos! Ademais de manter a portería branca a cero, anotou os dous últimos goles dos seus para meter os tres puntos no peto.
Euforia e ledicia na Valboa, pois o Francelos volve á senda da vitoria ao vencer no último suspiro á Purísima (2-1). Iso si, non lles foi unha tarefa doada. O cadro verde foi o primeiro en golpear, comandando o marcador durante boa parte do encontro. Alentados pola súa afección, os ribeiráns igualaron as ternas a falta de 20 minutos para o remate. Ambos contrincantes decidiron ir con todo para levarse o choque, pero a fortuna sorriulle desta vez aos locais. Pablo Dabarca asinou o seu primeiro tanto neste curso desatando a tolemia na bancada vermella.
Os obxectivos seguen en pé
Pasan as xornadas e a clasificación continúa a perfilarse en Pontevedra e arredores. Un devir guiado pola consecución dos obxectivos de cada un dos equipos.

Sport Team Estrada e Cordeiro asinaron táboas nun logo de empatar a dous. Aos vinte minutos de ter comezado o choque, os de amarelo e verde asinaron o primeiro tanto da tarde. Un gol que foi igualado de contado por un Rubén ao que non lle tremeu o pulso desde os 11 metros. Despois de realizar un magnífico curso 2024-25, o extremo arousán persigue o seu récord de anotación e suma tres goles con este. O primeiro en adiantarse na segunda metade foi o conxunto de Valga, incapaz de evitar o 2-2 definitivo a 10 minutos para o final.
Por outra banda, no Ribadumia non queren perder a estela do Marín, polo que volveron vencer. Nesta ocasión, o Caldas caeu na Senra por un claro 2 a 0. Os afeccionados da Senra agardaron unha boa media hora para celebrar o primeiro gol dos seus, obra de Pedro Giménez. Non importa se sae como titular ou se o fai desde o banco, porque o atacante sempre rende sexa cal sexa o seu rol. Os de amarelo e negro non tardaron en ver porta de novo, facendo o segundo e definitivo gol que serviu para poñerlle o peche ao enfrontamento.
Tamén houbo reparto de puntos entre Agolada e Arcade (3-3) nun Hospitalillo que albergou un partido vibrante. Javi Cou abriu a lata para os ostreiros, superiores ao seu rival durante os primeiros 45 minutos. As cousas volvéronse máis difíciles co paso dos minutos, xa que os do Deza lograron voltear o marcador cando o tempo estaba a piques de esgotarse. Todo cambiou coa aparición de Javi Cou, cuxa segunda diana foi clave para rescatar un punto nun campo bastante complexo. Con este empate, o Agolada aínda non saben o que é gañar neste comezo de liga.

Non hai quen lles siga o ritmo
A cada fin de semana que pasa, a distancia entre o Atlántida Matamá e o resto de conxuntos da Primeira Futgal viguesa vólvese aínda maior.
Vilaboa e Vila do Corpus contentáronse cun único punto tras finalizar a súa disputa con empate a catro goles. Tan só pasaran 10 minutos cando Juanjo González fixo o primeiro da tarde en Angoares. Non contento con iso, o atacante do Morrazo regresou á carga e conseguiu o segundo na súa conta particular. Pero a alegría foi efémera para o cadro de O Cabalo, que viu como os ponteareáns equilibraron a balanza antes de chegar ao descanso. A maquinaria amarela seguiu a funcionar, poñendo o 4-2 nada máis volver do paso polos vestiarios. Foi entón cando o Vilaboa tirou de épica para, primeiro, reducir a diferenza e logo sacar un punto nos últimos intres.
Tiveron que pasar máis de dous meses para que o Caselas asinara a súa primeira vitoria no seu regreso á máxima categoría rexional (3-0). O combinado celeste saíu ao céspede da Gándara con decisión e disposto a dalo todo fronte ao Chaín. Dito e feito, pois a resposta non puido ser mellor por parte dos homes de Nacho Soret. Hugo González redondeou a gran actuación da primeira parte co segundo gol, primeiro na súa conta particular. Non houbo variacións e o Caselas seguiu ao seu, aumentando a súa renda para lograr, do xeito máis cómodo posible, o seu primeiro +3.
O Ribera tamén esquece as súas pantasmas a costa dun Candeán ao que derrotou por un a tres. As cousas puxéronselle de cara á entidade do Rosal, dominadora do partido sen discusión. Tan só hai que ver os tres goles que lle endosaron aos da Madroa, todos eles antes do 45. Raúl anotou, concretamente, a terceira diana do duelo, a súa sexta desde o arranque da liga. A pesar dos intentos olívicos por reverter a situación, os esforzos foron en van e, mentres o Ribera se afasta da zona baixa da clasificación, o Candeán afúndese nela.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.



























































































































































































































































































































































































































































































































