# Hashtag

O espectáculo continúa da man dos Diferencias da Primeira Futgal

O primeiro terzo da temporada chega á súa fin na Primeira Futgal, pero a emoción e os goles son unha constante que se estenderá ata o remate do ano. Queda moito fútbol por ver nunha Primeira Futgal onde as actuacións dos Diferenciais converten cada partido nun espectáculo.   

Saír do pozo é clave

A cabeza da clasificación no grupo coruñés non está nada clara pero menos o está a zona baixa da clasificación. Ninguén renuncia á salvación e proba dilo as actuacións destes equipos.

Chegou a primeira vitoria para o As Pontes logo de superar por 3 goles a 1 ao Marte. O conxunto do Poboado saíu enchufado ao terreo de xogo, logrando anotar o primeiro da tarde por mediación de Hugo Guizán. Coa calma propia dun xogador veterano, o dianteiro de Ferrolterra non errou desde os 11 metros para sumar o sétimo gol na súa primeira campaña como futbolista senior. Ao pouco, os azuis volveron meter o balón na gaiola, índose cunha vantaxe de dous tantos ao descanso. O Marte recortou distancias tras o reinicio, pero a falta de 10 minutos chegou a sentenza por parte do cadro de Joaquín Breijo.



No Sporting Coruñés tamén fixeron os deberes, pois venceron ao Olímpico no seu propio feudo (1-2). Os herculinos aproveitáronse da relaxación rival e declinaron a balanza ao seu favor ben cedo. Non quedou aí a cousa e os de Rutis igualaron as forzas comezado o segundo tempo. Logo de varias idas e vidas por parte de ambos conxuntos, Álex Naya rachou co empate ao converter a súa cuarta diana neste curso. Con estes tres puntos, o Sporting Coruñés pon fin a unha xeira de catro partidos sen gañar.

Pola súa parte, o Ural impúxose ao Eume Deportivo por 3 a 2 nun encontro moi competido. A Luca bastoulle un cuarto de hora para ver porta unha vez máis e, con esta, leva xa sete dianas na competición. Un arranque espectacular para o extremo coruñés que chegou ás filas verdes despois de asinar unha boa participación cos xuvenís do Atlético Arteixo. A pesar de encaixar un gol en propia meta, o Ural refíxose e conseguiu adiantarse novamente. Pero as cousas non foron doadas no último treito, pois o conxunto de Pontedeume puido meterlle algo de medo ao seu rival, aínda que non foi suficiente para sacar algo de proveito do Antigo Leyma.

Aínda queda todo por decidir

O grupo 2 promete un escenario competido ata o seu remate. Non é para menos, xa que unha xeira de bos ou malos resultados pode situar a calquera equipo tanto en postos de play-off como en posicións de descenso.



Continúa a racha do Camariñas, que volve sumar os tres puntos a costa do Club do Mar (3-2). O conxunto de Caión madrugou máis e fixo o primeiro da tarde ao cuarto de hora. Co paso dos minutos foise igualando a terna e, ao bordo do descanso, Djibril empatou o encontro. Home-gol dos de Juan Cabrejo, o atacante de 31 anos ampliou a súa conta particular ata en dúas ocasións, o que lle valeu para asinar o seu primeiro hat-trick da temporada. Unha actuación celebrada por todo o alto no Vicente Carril, onde se reuniron 400 gorxas para corear o nome do killer.

O Fisterra sae do descenso ao bater por 3 goles a 2 ao Arzúa. Arasolís acolleu un enfrontamento vibrante entre dous equipos con obxectivos totalmente diferentes. Pese a contar cun resultado favorable, o ‘Queixo Mecánico’ descompúxose cando encaixou o empate. Makaay converteu unha pena máxima coa que igualou o encontro e, nos últimos intres, fixo o mesmo para darlles os tres puntos aos seus. A ledicia espallouse por todo o verde, xa que os fisterráns levaban xa 5 fins de semana sen gañar.

Boimorto e Castriz tiveron que conformarse coas táboas despois de empatar a dous tantos. Os locais realizaron unha primeira media hora espléndida, grazas en parte ao bo facer de Borja Casal. Suma e segue para o ‘9’ melidao, que asinou unha dupla coa que redondeou a gran actuación colectiva. Así e todo, os rivais non tardaron en reducir a fenda para infortunio dos vermellos. Pero a xerra de auga fría fíxose agardar ata a prolongación, cando o Castriz anotou o definitivo tanto da igualada.



A esperanza é o último que se perde

En terras lucense vívese unha loita encarnizada en cada xornada. A igualdade é máxima entre uns equipos que non valoran a idea de renderse.

É o caso do Santaballés, invicto desde a chegada de Santi Silvar. Os xogadores chairegos derrotaron ao Oural por 0 goles a 3 nun partido que monopolizaron desde os primeiros compases do xogo. Pese a xogar fóra e en horario nocturno, os branquiazuis non levantaron o pé do acelerador e aos 10 minutos Dani materializou a súa primeira gran ocasión. A renda puido ser maior, pero o Santaballés non estivo tan acertado de cara ao gol como na segunda metade, onde Dani volveu deixar pegada cunha nova diana. Tumbado sobre a lona, o cadro cementeiro foi incapaz de darlle a volta ao resultado e con esta derrota sitúase como pechacancelas da competición.

En Santa Cruz seguen de doce co Lourenzá, que atravesa un momento espectacular en canto a xogo e resultados. O combinado mariñán goleou con claridade e contundencia ao Chantada Atlético (4-1). Nada máis comezar, Casanova abriu a lata ao culminar unha transición. E é que a estratexia do contragolpe tróuxolles grandes beneficios aos albivermellos, creando moito perigo neses rápidos ataques. Casanova volveu ver porta para facer o terceiro da tarde e encarrilar un partido que non se lle escapou das mans a Rubén Acebedo.

A Residencia gañou por 4 a 0 á Milagrosa para levarse o derbi da capital. A Cheda, ateigada de afeccionados e xogadores da base de ambos equipos, presenciou o partidazo con maiúsculas dos homes de Rafa Casanova. Ninguén foi capaz de conter o seu caudal ofensivo, que causou numerosos problemas á defensa dunha ‘Mila’ desbordada. Mauro brillou na punta de ataque con dous goles, claves para encarrilar as cousas a prol dos seus compañeiros. O guión non mudou nos seguintes 45 minutos e os branquiazuis conseguiron meter tres puntos máis no peto.

O lateral da Residencia, Óscar, desputa un balón aéreo. FOTO: RÓBER CARREIRA.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.



Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.



O espectáculo continúa da man dos Diferencias da Primeira Futgal

Os favoritos da Terceira RFEF ante o

O espectáculo continúa da man dos Diferencias da Primeira Futgal

O espectáculo continúa da man dos Diferencias