O Verín CF quere volver a Preferente pola vía rápida e vive un gran inicio de tempada no grupo 4 da Primeira Galicia, onde se mantén como líder sólido tras vencer o Melías con dous goles de Iván Fernández en apenas tres minutos.
O atacante, formado na casa e regresado tras varias experiencias na comarca, analiza o momento do equipo, a presión polo ascenso e a ilusión dun vestiario que ten moi claro o camiño: recuperar canto antes a categoría perdida.
Futbolingalicia: O Verín venceu esta fin de semana ao Melías e segue como líder do grupo 4. Como valoras o inicio de tempada do equipo?
Iván Fernández: «O inicio da tempada é positivo, xa que estamos no primeiro posto da clasificación, pero debemos seguir traballando cada semana porque é unha liga competitiva».
FIG: Nese encontro anotaches dous goles en tres minutos. Como te estás a sentir neste primeiro tramo de liga?
IF: «A nivel persoal, son os meus dous primeiros goles da tempada. Atópome bastante ben, pero si que é necesario empezar a aportar con máis goles».

FIG: Despois do duro descenso do ano pasado, o obxectivo é recuperar a categoría?
IF: «Temos claro que o obxectivo é o ascenso directo, pero tamén sabemos que para conseguilo imos ter que traballar duro durante todo o anor».
FIG: Notades a presión de ser os favoritos en Primeira Galicia?

IF: «É unha categoría competitiva, con equipos complicados, e cada partido fóra da casa é unha batalla onde hai que saír a conseguir os tres puntos. Sabemos que temos un gran equipo e un bo grupo, pero tamén somos conscientes de que temos que adestrar cada semana coa mesma intensidade para lograr o obxectivo en cada fin de semana».
FIG: Quen cres que serán os rivais máis claros nesa loita polo ascenso?
IF: «Hai varios equipos como o Velle, Monterrei, Nogueira e bastantes máis que estarán arriba loitando polo ascenso. O Polígono, por exemplo, contra o que xogamos este domingo, é un equipo que seguramente a final de tempada estará na parte alta».
FIG: Como viviu o equipo ese descenso desde Preferente?
IF: «Un descenso sempre é duro, pero agora temos un gran equipo con moita xente da casa e temos a oportunidade de volver a Preferente. Intentarémolo».

FIG: Tras un verán de cambios, como está agora a situación co novo presidente, Luis Ossorio, e con Vítor Pereira no banco?
IF: «Temos unha gran directiva, cun presidente que nos acompaña en cada partido e adestramento e que sempre está á disposición do club e dos xogadores. Con Vítor e o seu corpo técnico estamos encantados. Vítor é unha persoa que vive polo fútbol e estamos moi contentos de poder contar con el».
FIG: No teu caso, formas parte da base do Verín pero pasaches polo Bubal e o Monterrei antes de volver. Como viviches ese período?
IF: «Estiven un tempo no Bubal e logo deuse a oportunidade de ir ao Monterrei, onde fixemos dúas grandes tempadas. Finalmente decidín xogar co Verín en Preferente este último ano».
FIG: Que sentiches cando chamaron de novo para ir ao primeiro equipo despois de non contar contigo no salto a sénior?
IF: «Si que é verdade que xa estivera hai uns anos no Verín en pretempada, pero por decisións persoais preferín buscar outras cousas. Agora estou contento de estar aquí».
FIG: Tes algún obxectivo persoal para este curso?
IF: «O obxectivo persoal é aportar o máximo ao equipo. O importante é o obxectivo colectivo: o ascenso».







































































































































































































































































































































































































































































































































































































