Ao igual que sucedeu cos grupos do norte, a Primeira Futgal tamén sufriu o acoso do mal tempo nos do sur. Iso si, a chuvia non impediu que os afeccionados dos equipos, os seus familiares, membros da directiva do clube e, por suposto, xogadores, celebraran ao grande conseguir os tres puntos.
Tras o ronsel do cigarrón
O Verín continúa aferrado ao liderado dun grupo ourensán moi competido, onde xa hai varios perseguidores que agardan o seu fallo.
Ademais de auga, nos Medos tamén caeron varios goles do lado dun Brollón que non tivo problema para superar ao Allariz (5-1). O mal estado do terreo de xogo non lles impediu gozar de ocasións desde os primeiros instantes, anotando o primeiro da tarde ao pouco de ter comezado o encontro. Minutos despois, os homes de Chura ampliaron a súa renda aínda que os alaricanos recortaron distancias pouco antes do tempo de lecer. Aí apareceu Isma para poñer terra de por medio co seu dobrete e rematar coas esperanzas do cadro verde e negro. Trátase do sexto tanto para o dianteiro, peza clave neste arranque de campaña.

Por outra banda, o Verín non tivo problema no seu compromiso e derrotou ao Melias por un gol a tres. Iván Fernández abriu a lata para os visitantes cando o encontro se achegaba á primeira media hora. O atacante repetiu aos dous minutos para encarrilar as cousas e desesperar á afección da Abelleira. Pese a reducir a diferenza nada máis comezar a segunda parte, os de Pereiro de Aguiar volveron encaixar nun santiamén e, co 3-1, o Verín púxolle o peche a un partido onde todo quedou como ao comezo da xornada: uns primeiros e outros, no caso do Melias, como pechacancelas.
Suma e segue para o Muíños logo de gañarlle a La Purísima por 1 a 3. As cousas puxéronselle de cara ben cedo, poñéndose dous goles por riba antes do minuto 30. Non importou que a ‘Puri’ lograse anotar, pois Gregorio puxo o punto e final coa súa cuarta diana neste comezo de competición. Co paso dos minutos, as esperanzas de La Purísima minguaron a cada pouco, sen poder facer nada máis que agardar o asubío final. Trátase da segunda vitoria consecutiva para o conxunto da Moreira, que se sitúa na zona nobre da táboa clasificatoria.
É imposible baixalos da nube
No grupo pontevedrés, Marín, Ribadumia e Unión conforman un triunvirato difícil de derrocar. Así e todo, a emoción tamén se atopa presente noutras partes da clasificación.

Boas noticias para un Pontecaldelas que confirma o seu bo momento de forma nestas últimas xornadas. O conxunto dirixido por Pablo Otero impúxose con autoridade ao Sport Team Estrada (4-1), ao que non deixou nin a máis mínima opción de remonta. Despois de encamiñar as cousas nos primeiros 45 minutos, Chuky asinou dous goles en apenas 12 minutos para certificar a goleada. De nada valeu o tanto dos estradenses, que volven de baleiro ao Manuel Regueiro.
A bancada do Carrasco respira máis tranquila coa vitoria do Marcón Atlético fronte ao Agolada por catro goles a dous. Se ben as ocasións brillaron pola súa ausencia no primeiro treito, o guión viuse mudado no minuto 20, cando Nico aproveitou un gran disparo para facer o primeiro. Non contento con iso, o dianteiro volveu facer uso das súas habilidades na parcela ofensiva e logrou o seu segundo tanto. Contra o final, o Agolada meteulle o medo no corpo aos branquiazuis con dous exitosos ataques nos que viron porta, malia que non foron suficientes para darlle a volta ao electrónico.
Din que ao mal tempo, boa cara e ninguén aplica isto mellor que o Flavia. O cadro de Padrón esquece o seu dubitativo comezo na competición e, tras vencer ao Atlético Cuntis por 1 a 2, suma xa 6 partidos sen perder. Á media hora, Iago Rial asinou o primeiro tanto celeste, terceiro para el neste arranque de temporada. Xa no segundo tempo, A Ran celebrou a igualada dun xeito fugaz. E é que o Flavia, lonxe de renderse, envorcouse con todo o seu arsenal en ataque para acadar o 1-2 definitivo e situarse como quinto clasificado neste grupo 5 da Primeira Futgal.

Precipitacións de goles
Vigo e arredores puideron desfrutar dunha magnífica tarde de fútbol onde a chuvia non foi capaz de arruinar os partidazos da xornada.
Os goles caeron coma chuzos en Pardellas, onde se viviu a goleada do Xuvenil de Ponteareas ao Candéan (9-3). Nada máis comezar o encontro, os albivermellos fixeron o primeiro da tarde. A partir de entón, a maquinaria ponteareá esnaquizou ao último da categoría sen que este atopase a forma de detela. Boa parte de culpa tivo Cándido, pois das súas botas saíron 6 dos 9 goles do Xuvenil. Todo un récord para o dianteiro, que arrivou este verán nas filas dun histórico para axudarlle a recuperar a categoría perdida.
Para partidazo a remontada do Domaio ante o Vilaboa. O encontro rematou cun resultado de 2 a 3 a prol dos do Morrazo, que saen do descenso con estes tres puntos. Comezaron por diante os locais, máis enchufados que o seu rival nos primeiros intres. A piques de rematar o primeiro tempo, o equipo vermello equilibrou a balanza de novo, aínda que o marcador permaneceu quedo durante pouco tempo. Tal e como chegou o segundo do Vilaboa, fixo o propio o Domaio, logrando a igualada grazas a un Pedro López que tamén asinou o tanto inicial. Co duelo chegando á súa última fase, a igualdade viuse rachada en favor dos visitantes, que saen dos postos de descenso con estes tres puntos.
Caldelas e Caselas firmaron táboas nun encontro de varias idas e vidas saldado cun empate a dous tantos. Sen ocasións claras na primeira parte, o conxunto adestrado por Nacho Soret aproveitou os momentos de maior debilidade anímica –antes do paso polos vestiarios e tras a súa volta –para levar a voz cantante. Pero os tudenses non se renderon e, mediado o segundo tempo, reduciron distancias no electrónico. A mellora do Caldelas tivo a súa orixe na entrada de Cabeiras ao verde, xa que o interior esquerdo contribuíu no primeiro gol e, ademais, anotou o segundo gol dos seus. O reparto de puntos impídelles a ambos conxuntos saír da zona baixa.

Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.



























































































































































































































































































































































































































































































































