Nin a chuvia nin o mal tempo puideron interromper unha xornada onde a auga, a emoción e os goles caeron a chuzos. Dá igual que o terreo de xogo se converta nun lameiro, pois os Diferenciais da Primeira Futgal seguirán a ofrecer maxia e espectáculo por onde pasen.
Treboada no cumio
Apenas 5 puntos separan ao Carral, novo líder do grupo coruñés, do décimo clasificado da competición. Unha situación que obriga aos equipos a non baixar a intensidade en cada fin de semana.
Nos Pinares collen folgos, xa que o Perlío lle endosou un 4 a 0 ao As Pontes afastándose dos postos de descenso. Ao pouco de comezar o encontro, Xabi Riobó abriu a lata para os de azul e amarelo, que non cesaron no seu empeño. Co paso dos minutos aumentaron a súa vantaxe ante o cadro de Joaquín Breijo, incapaz de deter o torrente ofensivo do rival. Foi entón cando Xabi volveu ver porta para poñer a sentencia e darlle ao Perlío os tres puntos. O extremo naronés realizou unha grande actuación para sacar ao seu equipo da fochanca na que se atopaba.
Pola súa parte, o Torre venceu a domicilio ao Cedeira (1-2). Sen un claro dominador, o primeiro tempo entrou no seu último treito coa igualdade reflectida no electrónico. Ata que Ibra decantou a balanza para os herculinos pouco antes do tempo de lecer. O Cedeira conseguiu o empate tras o reinicio pero, acto seguido, Ibra firmou o segundo na súa conta particular para devolverlle a iniciativa ao combinado dirixido por Jaime Marín e Carlos Casares. Malia xogar o terceiro partido co seu equipo, o atacante de 21 anos xa é toda unha referencia no ataque branquiazul e proba dilo este dobrete.

Calquera compromiso é difícil neste grupo 1. Se non, que llo digan ao Sporting Meicende, que se impuxo por cero a un ao Sporting Coruñés. Os albivermellos foron os primeiros en golpear por mediación de Enzo. Despois de pasar polas filas do Ural, o mediocampista recalou nas filas do Amancio Amaro asentándose na súa medular con tres dianas. Co paso dos minutos, o ritmo de xogo reduciuse e o partido chegou á súa fin co mesmo resultado que ao inicio. Mentres o Meicende continúa a escalar postos, o Sporting Coruñés afúndese aínda máis na táboa clasificatoria.
A tormenta enguliu aos líderes
Calquera erro pode condenarte polas terras de Santiago e a Costa da Morte. E é que pasan as xornadas e aínda non hai quen poida facerse co temón deste grupo 2.

A sorpresa da xornada protagonizouna o Cacheiras ao superar por dous goles a cero a un Bertamiráns que, pese á derrota, conserva o liderado. David Salgueiro non fallou á súa cita co gol e asinou o primeiro da tarde para poñer por diante ao cadro da Cañoteira. Tombado sobre a lona, o ‘Berta’ encaixou outro tanto máis nunha tarde de pesadelo. Os locais xestionaron a súa vantaxe para conseguir a súa terceira vitoria consecutiva e soñar cun posto nos play-off de ascenso.
Tamén saltaron as alarmas no Municipal do Viso, onde o Arzúa caeu por 2 a 3 fronte ao Muxía. O ‘Queixo Mecánico’ saíu decidido a polo encontro, atopándose co gol aos dez minutos de ter comezado. Reaccionou rápido o Muxía, igualando a contenda grazas ao seu home-gol, Fran Moreira. O ida e volta foi unha constante durante os 90 minutos, ata que Fran furou novamente as redes rivais para desatar a tolemia na bancada vermella. A derrota confirma a crise na entidade arzuá e amplía a boa xeira do equipo costeiro.
Castriz e Fisterra chegaron a esta xornada coa necesidade de gañar. Non erraron os primeiros, que comezan a ver a luz ao final do túnel despois de golear ao seu rival (4-1). Alentados pola súa afección, o combinado de San Pedro púxose por diante no marcador grazas ao bo facer de Josiño. Os fisterráns non quedaron de brazos cruzados e conseguiron o empate, que foi esquecido rapidamente con outro gol de Josiño. O media punta de Val do Dubra probou unha vez máis a súa calidade cun dobrete clave para devolverlle a iniciativa aos seus. Tras o paso polos vestiarios, o Castriz non cesou nos seus ataques, aumentando a súa vantaxe por partida dobre.

Ao final sempre escampa
Din que a esperanza é o último que se perde e diso saben moito os equipos destacados do grupo lucense.
Logo dunha seca de dous meses, o Foz volveu sumar un +3 a costa do Xove Lago (2-0). Á media hora, Raúl converteu un potente disparo que acabou coas telas de araña da porta defendida por Álvaro. O centrocampista mariñán anotou o gol da xornada para encarrilar as cousas nun derbi que os albivermellos controlaron en todo momento. Na segunda parte, os de Fran Caínzos deron un paso adiante, pero a férrea defensa do Foz detivo as súas oportunidades desesperándoos por completo. Unha situación que aproveitou o cadro do Martínez Otero para facerse cos tres puntos.
Ao igual que o Foz, o Guntín puxo fin á súa mala racha cun triunfo por tres goles a dous fronte ao Taboada. Foron estes, precisamente, os primeiros en tomar vantaxe desde o punto fatídico. Ladairo celebrou a igualada pouco antes do descanso, pero a alegría foi efémera e os branquiazuis volveron facerse co dominio ao pouco de terse iniciado o segundo tempo. Co partido no seu último cuarto de hora, o Guntín lanzouse á ofensiva e puxo o 2 a 2 para, na prolongación, completar a fazaña cun gol de penalti de Álex.
O Ribadeo volve afianzarse na terceira posición ao gañar por 0 a 2 ao Chantada Atlético. Boa parte de culpa tivo un Anxo estelar en ataque. Aínda non rematara de asubiar o colexiado cando o extremo dereito fixo o primeiro na súa conta particular. A cousa non quedou aí e os celestes continuaron a achegarse con perigo, sen deixar ocos na súa defensa. Mediada a segunda parte, Anxo fixo das súas e volveu á carga. Cos seus dous goles, o xogador de Foz suma xa sete dianas na súa volta ao combinado do Pepe Barrera.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.


























































































































































































































































































































































































































































































































