En FutbolinGalicia non nos esquecemos de tódolos xogadores, técnicos, árbitros ou siareiros que pasaron hai anos polas nosas categorías sénior. Sen a súa gran contribución non poderiamos gozar na actualidade dunha gran saúde en categorías tan especiais coma a Terceira RFEF, a Preferente Futgal ou a Primeira Futgal. «Os Vintage» é a súa sección. A de todos aqueles que aportaron un gran de area para que o fútbol galego sexa, sen dúbida, do mellorciño do fútbol estatal.
Iván González Veiras é o protagonista da nova sección de Os Vintage. O seu currículo como xogador é extenso: Noia, Negreira, Santa Comba, Compostela, Lugo, CD Ourense, Boiro, Villalbés, Laracha, Ribadeo, Dumbría, Xallas, Fisterra e Unión de Asados. Na actual campaña é o adestrador do primeiro equipo da SD Valiño Cabo de Cruz, que milita en Primeira Futgal.
FutbolinGalicia (en adiante FIG): Cales foron os teus inicios no fútbol?
Iván González Veiras (en adiante IGV): «Os meus inicios no fútbol foron aos 18 anos. Antes eu xogaba ao baloncesto. Si que é certo que xogaba ao fútbol sala cos amigos e máis en torneos de verán e dábaseme bastante ben. Dixéronme de probar e xogar con eles a fútbol campo e así foi. Ao ano seguinte, ao rematar xuvenís, o Noia colleume para Preferente e xoguei alí cinco tempadas antes de dar o salto a Terceira División. A verdade é que non contaba para nada con xogar ao fútbol!
FIG: A primeira experiencia sénior chegou no Noia. Que recordos gardas deses anos?
IGV: «Gardo o recordo de ser os meus inicios. Eu viña de baloncesto e de fútbol sala e o campo facíaseme enorme. Xogar con chuvia torrencial era distinto a estar dentro dun pabellón. Son bos recordos, disfrutei moito xogando cos amigos. Xogaba por hobby e non tiña pensado vivir desto nin nada parecido. Moitos deses compañeiros que tiven no Noia continúan a ser os meus amigos e iso é o bonito. Gustábame o feito de que o Noia tiña moitos xogadores da casa e todos eramos grandes compañeiros e seguimos a ter unha moi boa relación hoxe en día.»

FIG: Lograches un ascenso histórico a Segunda B no Negreira. Que recordos gardas dese día?
IGV: «Recordo todo! A festa, recorrer as rúas no tractor… Foi unha alegría inmensa! Un pobo tan pequeno en Segunda B con equipos como o Pontevedra, o Rayo Vallecano, a UD Las Palmas… Era incrible!»
«Ese día non foi o noso mellor partido, mais tiñamos un colchón da ida tras vencer 0-3 con dous goles meus. É algo que todo o pobo recordará sempre, así como o feito de xogar esta tempada a Copa do Rei.»

«Creo que ese ano en Segunda B puido ser mellor. Non estivemos moi finos. Creo de verdade que a permanencia puido ser posible e estabilizar ao equipo na categoría. Mais iso é pasado! Tiñamos un gran grupo e coñecíamonos todos: afeccionados, xogadores, directiva… Faciamos entre todos moi boas migas con cervexas ou cenas. Hai un par de meses xuntámonos para celebrar o vinte aniversario e pasámolo xenial!
FIG: Club galegos históricos como Compostela, Lugo ou CD Ourense figuran no teu currículo. Había moita diferenza en canto nivel e estrutura con respecto aos demais clubs nos que militaches?
IGV: «Si que hai un cambio. No Lugo estiven dous anos, incluída a campaña do ascenso a Segunda División. Quique Setién facía un traballo moi profesional, como o que el vivira. Estou seguro que despois no Betis, Las Palmas ou Barcelona facía todo de maneira similar a como traballaba con nós en Lugo.»
«O primeiro ano no CD Lugo gañamos a competición regular mais non logramos o ascenso no último partido. Ao seguinte ano si que logramos o ascenso a Segunda División. Notouse que o club traballaba de maneira profesional e había diferenza cos anteriores clubs nos que xoguei.»
«O CD Ourense tamén era un club histórico mais tiña dificultades e de feito dous anos despois desapareceu. Hai equipos de Terceira como o Boiro ou Villalbés que están moi preto dese nivel de profesionalización con respecto á Segunda División B, na parte baixa, daquela.»

FIG: Algunha anécdota a destacar tras tantos anos como xogador?
IGV: «Hai infinidad delas. Este ano, como dixen antes, reunímonos para celebrar o vinte aniversario do ascenso do Negreira e entre nós contámonos mil historias: de chegar tarde ao aeroporto, de cando xogamos os play-offs, de festas, de cenas…»
«No aspecto deportivo teño moitísimas con Quique Setién ou con compañeiros rivais doutros equipos que agora son amigos. Son moitas e van saíndo cando nos xuntamos. É o que nos levamos! Hai cousas que non se deben contar e outras tampouco teñen maior importancia máis alá dos que as vivimos.»
FIG: Cales son os tres mellores momentos da túa carreira deportiva?
IGV: «Complicado. Evidentemente teño que decir o ascenso co Lugo a Segunda División. Outro sería o ascenso co Negreira, que era algo impensable. E aí estivemos codeándonos na antiga Segunda B, que era unha ‘burrada’. Moitos dos equipos desa Segunda B están agora en Primeira e Segunda División e nós eramos un equipo pequeno. Foi incrible!»
«Non me gusta olvidarme do primeiro ano no Lugo. Foi espectacular. Eu xogaba todo nesa tempada e na segunda lesioneime. Creo que ese primeiro ano no Lugo, a pesar de non ascender, foi o mellor curso da miña carreira. Que o ascenso se escape das mans no último partido na casa ante o Alcoyano foi moi doloroso, mais ao final todo iso acaba sendo recompensado cando si saen ben as cousas. Sen eses momentos malos, non disfrutariamos tanto os bos. Non podo esquecerme dese primeiro ano no Lugo por todo isto.»
«Tamén teño que dicir que todos os anos no Noia marcáronme moito. É o equipo da miña casa, o equipo da miña vida.»
FIG: Cres que as competicións tiñan máis nivel antes ca agora?
IGV: «Este é un debate habitual. O fútbol evolucionou moitísimo no aspecto físico, táctico ou en análise. Creo que se perdeu un pouco a esencia do fútbol de antes. Agora é todo moi secuenciado: primeiro fas isto, despois estoutro… Agora é todo máis físico e máis táctico, mentres que antes era máis técnica e máis calidade. Antes era o fútbol de barrio, da rúa, por así decilo. E iso perdeuse! Xa non hai tanto regateador ou improvisación como había antes.»
«Móllome e opino que as competicións baixaron de nivel. Nos meus vinte anos de carreira vivín unha Terceira División fortísima en Galicia e unha Segunda B moi dura e na que era moi difícil saír dela. A clubs históricos como Cádiz, Alavés, Pontevedra, Racing de Ferrol ou Murcia custoulles varios anos saír desa categoría. Esa Segunda B era complicadísima. E por riba gañabas a competición regular e non ascendías!»
«Non sei se é por mor das novas xeracións ou que, mais penso que a Preferente, a Primeira Futgal e inclusive a Terceira RFEF baixaron un pouco o nivel.»
FIG: Cal é o xogador con máis calidade ao que te enfrontaches?
IGV: «Por Segunda B había moito veterán e recordo ter xogado contra xogadores que pasaron polas inferiores do Real Madrid, do Barcelona, do Athletic Club de Bilbao, do Rayo Vallecano ou do Atlético de Madrid.»
«O Real Madrid Castilla que xogou contra nós cando eu estaba no Lugo contaba con Carvajal, Nacho, Jesé, Morata, Joselu, Sarabia ou Fran Rico. Era unha constelación de estrelas! No Atlético B estaban Manquillo, Saúl ou Koke. Entre tanto xogador que acabou en Primeira División e mais sendo internacionais non sei dicirvos un.»
«Recordo gañar co Lugo a ese equipazo do Castilla 3-1 e anotar eu dos goles. Daquela falábase que Jesé estaba gañando un millón de euros. Era incrible o nivel deses xogadores!»
FIG: Un adestrador que te marcase especialmente?
IGV: «Centrarse soamente en un sería inxusto. Dende os primeiros adestradores que tiven en Noia, e que me explicaron as bases para coñecer o fútbol, ata os adestradores que me levaron ata o máis alto nivel como Quique Setién creo que todos influiron en min.»
«O que me marcou moitísimo polo aspecto profesional, deportivo e por ter sido un referente no fútbol español foi Quique Setién. Eses dous anos no Lugo fíxome ver o fútbol dun modo diferente. Transmitía o que quería a perfección. Renovei en parte porque el pediume que non fose para outro lado cando eu tiña ofertas con mellores números en Atlético Baleares, Tenerife ou Mirandés. Fíxome sentir importante.»
«Gelucho tamén me marcou. Fomos compañeiros na dianteira do Negreira durante un ano e despois coincidimos tamén alí tres tempadas con el coma adestrador, así como en Santa Comba e Boiro. Tamén tiven como adestradores a Óscar Gilsanz, Baleato ou Luisito. De todos se aprende!»
FIG: Se tiveses que escoller un campo no que xogaches, cal sería?
IGV: «Había algún moi chulo! O Tartiere novo, o Mendizorroza renovado, Butarque, o Di Stefano, Lezama, Ipurúa tamén tiña o seu encanto… Hai moitos! Pero se teño que dicir un, quédome seguramente co Anxo Carro polo disfrutado alí e polo gran valor sentimental que para min ten.»
FIG: En que momento decides dar o salto ao banco e facerte adestrador?
IGV: «Podería dicirse que aínda o estou decidindo. Fun facendo un par de cursos e cando me retirei como xogador saquei o UEFA PRO. O primeiro ano non me gustou moito. A oportunidade veu en Primeira Futgal. Despois chegou a opción de volver ao Noia ocupando a función de coordinador da base e ser enlace da mesma co primeiro equipo. Observei que isto tiña moitos matices e preferín regresar a adestrar, centrándome no día a día. Aínda vexo o fútbol como xogador. Fáltame dar o paso e velo dende o prisma do adestrador.»
«Os últimos dous anos estou en Primeira Futgal: o pasado no Esteirana e agora no Cabo de Cruz Valiño. É unha categoría complicada, onde as estruturas non son tan profesionais como as que eu tiven como xogador. Hai que lidiar con moitas situacións, manexar varios aspectos e é un pouco unha formación que estou levando a cabo, que unida a miña experiencia como xogador e aos cursos que fixen, coa idea de plasmala nun equipo. Espero que me chegue unha oportunidade un pouco máis arriba e poder demostrar e valorar se realmente me gusta e estou capacitado para facelo.»
FIG: Cal é a túa filosofía como adestrador?
IGV: «É un pouco a que tiña como xogador. Era un xogador ofensivo que xogaba tanto en punta só como en mediapunta ou en ambos extremos. Tiña bastante gol e gustábame regatear. Iso é o que intento que fagan os meus equipos; que sexan ofensivos, con moita posesión, con moita capacidade goleadora, con chegada a área e que leven o peso dos partidos.»