# Hashtag

Non hai quen lle poña freo aos Diferenciais da Primeira Futgal (Parte 2)

O domingo houbo varios partidos destacados alén dos xa mencionados. E é que a xornada non se reduce unicamente ao que pasa no norte, pois a Primeira Futgal dá espectáculo sen importar o grupo do que se fale. Velaí vai unha nova quenda dos Diferenciais da categoría.

Na provincia ourensá foron varios os equipos que gañaron a domicilio. Unha proba máis do seu carácter aguerrido, que se fai notar incluso fóra dos seus feudos.

Cada domingo é unha batalla

O Verín estréase como líder do grupo 4 logo de superar ao Córgomo por 1 gol a 2. Non foi un partido doado para ningún dos equipos, temerosos ante a idea de ceder puntos contra un rival directo. Isto fixo que o partido fora trabado na primeira metade, aínda que co paso dos minutos comezaron a chegar as ocasións dos verineses. O cadro de Vítor Pereira acadou unha vantaxe de dous goles grazas un Júnior que vive o seu momento máis doce. Cuarta diana para o extremo nun arranque de campaña que non puido ser mellor cun gran rendemento no persoal e co seu equipo á cabeza da clasificación. Os branquiverdes reduciron distancias na prolongación, pero non foi suficiente para darlle a volta ao encontro.



Un punto por baixo dos vermellos atópase o Nogueira. Os de Luíntra tiveron dificultades para vencer ao Melias, que finalmente caeu por 2 a 3. A pesar de comezar por diante no marcador, o conxunto de Carlos ‘Figo’ viu como Imrane remontou o partido para os seus. O pichichi da competición leva xa sete goles, o que supón case a metade dos anotados polo seu equipo. A cousa non quedou aí e os locais conseguiron a igualada pouco antes do final. Non se rendeu o Nogueira, que viu porta unha vez máis para así levarse os tres puntos da Abelleira. 

Alegría nas filas do Antela B tras gañar o seu choque ante o Francelos (0-2). Non houbo un dominador claro nos primeiros minutos, onde ambos equipos probaron as defensas rivais con tímidas chegadas. Á media hora de partido, David Lamas abriu a lata cunha espectacular volea que se coou na portería vermella. Un gol con polémica, pois o balón chegoulle ao xogador limián despois de rebotar nas mans dun dos seus compañeiros. As ofensivas do filial continuaron na segunda metade e, nunha desas aproximacións, puideron facer o segundo e definitivo tanto. Os de branco e negro suman a súa primeira vitoria na competición, o que lles permite saír dos postos de descenso.

A insistencia ten premio

No grupo 5 ninguén está disposto a baixar os brazos a pesar da dureza da liga. Unha situación que augura emoción ata a fin da Primeira Futgal.



Primeira vitoria na competición para o Valiño, que lle endosou un 4 a 1 ao Agolada. Ambos equipos chegaron ao choque coa necesidade de gañar e, nesta ocasión, a moeda caeu do lado dos boirenses. O conxunto de Cabo de Cruz foise ao descanso cunha vantaxe de dous goles e a tranquilidade de estar a facer ben as cousas. Pero a reacción do Agolada non se fixo agardar, e cun gol de Nuno Rivero reduciron a fenda. Foi entón cando Balo tranquilizou aos seus co segundo tanto na súa conta particular. As cousas non cambiaron no último treito de partido e o Valiño puido levarse finalmente os tres puntos.

Aos seus veciños non lles foi tan ben, pois o Abanqueiro caeu por 4 goles a 0 na súa visita ao Pontecaldelas. Os instantes iniciais estiveron marcados pola tensión e as dificultades para chegar con claridade. Pouco antes do descanso, o conxunto de Chan da Barcia golpeou dúas veces para irse ao tempo de lecer cunha boa renda. O ritmo do encontro baixou na segunda metade e os verdes tiveron que agardar ata os intres finais para sentenciar o encontro. Dous goles de Diego Justo serviron para rematar ao Abanqueiro e acabar coa mala xeira de resultados.

Máis sufrida foi a vitoria do San Martín ante o Sport Team Estrada (2-1). Os de Vilaxoán fixéronse coa iniciativa nos primeiros minutos do choque grazas ao bo facer de Martín. Malia non xogar na súa posición habitual, o central de 25 anos realizou un gran papel como pivote. Por se fora pouco, redondeou a súa grande actuación ao asinar os dous tantos dos seus. A intensidade do conxunto vermello diminuíu na segunda metade e os estradenses aproveitaron a relaxación rival para recortar distancias. Por sorte para o San Martín, os esforzos dos de amarelo e verde non foron suficientes e o Sport Team volveu a casa coas mans baleiras.



O San Martín celebra un dos tantos anotados por Martín. FOTO: San Martín

Todos contra todos na procura do ascenso

A loita polos play-off vai estar máis competida que nunca no grupo vigués, onde son varios os equipos con opcións de loitar por esas prazas.

O Xuvenil de Ponteareas asaltou a Gándara para levarse os tres puntos fronte ao Chaín (2-3). Gorka abriu a lata para os albivermellos cando se cumpría a media hora de partido. Pero a cousa non quedou aí e o mediocentro volveu ver porta aos 8 minutos, poñendo as cousas de cara aos seus. Porén, os branquiazuis decidiron estragar a festa do conxunto de Pardellas e cun dobrete de Rafa lograron igualar o encontro. O intercambio de golpes saldouse a favor dos ponteareáns, que anotaron o terceiro da tarde nos últimos minutos.

Despois de tres partidos sen gañar, o Mos impúxose ao Vilaboa por 1 gol a 2. Os amarelos non tardaron en adiantarse e lograron o primeiro da tarde por mediación do seu defensa Xián Mariño. Formado nas categorías inferiores do Santa Mariña, o central está a asinar un magnífico comezo de curso no seu primeiro ano como sénior. Proba dilo os tres goles que leva nesta campaña e que fan del un xogador a ter en conta nesta grupo 6. O Mos levou a iniciativa durante a primeira metade, logrando ampliar a súa renda antes do descanso. A partir de entón, o cadro das Baloutas controlou o partido ata o remate dos 90 minutos. O Vilaboa fixo o 1-2 na prolongación, pero xa era demasiado tarde para a remonta.

Os capitáns de Mos e Vilaboa saúdanse mentres o trío arbitral realiza o sorteo. FOTO: UD Mos

O Goián non carbura e segue sen puntuar. Desta vez foron os seus veciños, o Sporting Guardés, quen exerceron como o seu verdugo ao derrotalos por 2 a 4. Boa parte de culpa tivo o seu atacante, Cabello, que asinou os catro goles da entidade da Guarda. Ao dianteiro amarelo e negro bastoulle a primeira metade para lograr o póker na súa conta particular. Cabello desesperou á defensa do Lito Oliveira que non foi capaz de marcalo durante o tempo que estivo no terreo de xogo. Os locais saíron máis decididos tras o paso polos vestiarios e conseguiron anotar ata dúas veces. Unha reacción insuficiente debido á gran diferenza no marcador.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.



Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram e tamén podes acceder ás listaxes dos Diferenciais das pasadas xornadaspremendo aquí.



Non hai quen lle poña freo aos Diferenciais da Primeira Futgal (Parte 2)

Non hai quen lle poña freo aos

Non hai quen lle poña freo aos Diferenciais da Primeira Futgal (Parte 2)

Non hai quen lle poña freo aos