# Hashtag

Non hai quen lle poña freo aos Diferenciais da Primeira Futgal

Nova xornada co mesmo fútbol de sempre. A Primeira Futgal vive un inicio de curso espectacular, con emoción en todos e cada un dos grupo e cos xogadores máis diferenciais da categoría a pleno rendemento.

Renderse non é unha opción

Cada fin de semana na Coruña convértese nun auténtico campo de batalla. Tan só hai que ver os resultados que deixou este grupo 1, onde non todo é o que parece.

O Sporting Coruñés logrou a súa primeira vitoria na competición tras impoñerse ao Imperator por 1 a 5. Gañar a domicilio non é doado e menos nun encontro como este, no que ambos equipos chegaban coa necesidade de sacar puntos. Malia comezar por debaixo, o cadro branquiazul reaccionou e deulle a volta ao marcador ao pouco de terse iniciado a segunda metade. O asedio do Sporting continuou na última media hora de partido, onde a súa efectividade o levou a anotar tres goles máis, dous deles baixo a firma de Álex Naya. Clave no ascenso dos seus na pasada campaña, o atacante herculino estreouse na competición cun dobrete para asegurar os tres puntos da entidade coruñesa.



A poucos quilómetros de alí, o Antigo Leyma acolleu un dos partidos máis entretidos da xornada co 3-3 entre Oza Xuvenil e As Pontes. Xandre fixo o primeiro da tarde para o conxunto do Poboado, pero a ledicia durou pouco na bancada visitante. Logo de varias idas e vidas, as ‘quenllas’ déronlle a volta ao marcador sobre a hora de partido. Os pontinos non se renderon e igualaron o encontro cun novo tanto de Xandre. Gran actuación do canteirán, que medra a pasos axigantados e xa exerce como líder na medular azul.

Pola súa parte, o Mugardos continúa coa súa positiva xeira logo de vencer a domicilio ao Cedeira (0-1). Sen grandes ocasións nos primeiros minutos, o gol verde chegou á media hora de ter comezado o choque. Un tanto que non chegou das botas de ningún dos atacantes, se non das de Vicente. Despois de asentarse a temporada pasada no cadro mugardés, o central de 20 anos comanda a defensa dos seus e, en ocasións, tamén dá renda ao seu olfacto goleador. O seu foi o único tanto dun derbi tan competido como igualado e no que o acerto dos da Pedreira foi decisivo.

Goleadas con nomes propios

Emoción, fútbol e, sobre todo, tantos. E é que as goleadas están á orde do día no sempre competido grupo 2.



Para malleira a vivida no Manuel Juncal coa vitoria do Tordoia fronte ao Camariñas por seis a cero. A bancada amarela e negra xa está acostumada aos goles de Víctor Vilariño, pero non é o único xogador con facilidade para ver porta. Desta vez foi Abel Torres quen puxo a maxia no verde tordoiés. O centrocampista natural de Carballo inaugurou o electrónico e non parou desde entón. Un auténtico pesadelo para a defensa do Camariñas que sufriu ao tratar de parar ao ‘7’. Torres marabillou aos afeccionados co seu mellor fútbol, o que lle valeu para rematar o partido cun repóker e unha actuación para o recordo. 

Mesmo resultado no ArzúaCacheiras. O ‘Queixo Mecánico’ segue invicto no grupo 2 despois de vencer por un ‘set’ (6-0) ao seu rival. Aos pouco de iniciarse o encontro, o Viso celebrou o primeiro tanto dos seus. Unha renda que se viu incrementada co paso dos minutos e o bo facer dos branquiazuis, superiores en todas as facetas do xogo. Se ben a ofensiva arzuá realizou un gran papel, cómpre destacar un nome por riba do resto: Eloy. O atacante coruñés fixo dous goles para axudar na vitoria dos seus. Chegado do Sofán, o dianteiro coruñés recalou nas filas do Arzúa co obxectivo de devolvelos a Preferente Autonómica.

O Praíña derrotou ao Muxía por 4 goles a 1 e retoma a senda da vitoria. A igualdade no terreo de xogo viuse reflectida durante a primeira metade. Non foi así nos seguintes 45 minutos, nos que o cadro de Pontevea comezou a chegar con perigo á meta costeira. Tres goles nos intres finais decantaron o partido a prol dos branquiazuis. Un enfrontamento onde Manu Soto se alzou como gran protagonista debido á súa prolífica participación en ataque. Terceira diana para o ‘killer’ de Teo, que está a asinar un gran arranque nunha categoría ben coñecida para el.



A caída dos líderes

Domingo aciago para os líderes do grupo 3, que pincharon nos seus respectivos choques. Unha data de contrastes en terras lucenses, con varios equipos que seguen a alza e outros que rachan por fin coa súa seca.

A sorpresa da xornada tivo lugar na Liga. Alí, o Santaballés, pechacancelas ata aquel entón, impúxose por 2 a 1 ao imbatible Chantada. Os chairegos presentáronse no verde cun bloque baixo que se lle atragoou ao equipo dirixido por Traste. Co paso dos minutos, o choque comezou a abrirse e Vérez aproveitou unha falta lateral para facer o primeiro da tarde. Quen se non? Pero o gol do capitán branquiazul caeu en saco roto co empate dos visitantes. Foi entón cando Santaballés e Chantada se lanzaron á ofensiva, con mellor sorte para os primeiros. Os de Antonio Ramos aproveitaron unha transición na prolongación para pechar o encontro e conseguir a súa primeira vitoria na temporada.

Ledicia para o Castro despois de gañar ao Iberia a domicilio (2-3). Os homes de Dumi asediaron ao seu rival nos 10 primeiros minutos, onde anotaron dous tantos. Un deles saíu das botas dun dos xogadores máis míticos do fútbol lucense. Iván González non fallou á súa cita co gol e proba que a idade no importa cando se trata de ver porta. Con este, o ‘9’ de Pol suma xa a súa segunda diana na competición. Así e todo, o Iberia reaccionou para igualar o encontro en tan só uns minutos. Tras varias idas e vidas, os visitantes volveron furar as redes do cadro de Moro para levarse os tres puntos.

Por outra banda, o Atlético Escairón encadea o seu terceiro ‘+3’ consecutivo a costa do Foz. Non rematara de asubiar o colexiado cando o Municipal de Saviñao celebrou o primeiro dos seus. As acometidas locais continuaron durante boa parte da primeira metade, aínda que sen éxito. E ao igual que neses primeiros 45 minutos, Mario viu porta nada máis comezar o segundo tempo. O Foz perdeu a fe e Mario anotou de novo para selar un dobrete e darlle os tres puntos ao Escairón. Malas novas para os mariñáns, que acumulan catro xornadas sen vencer.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.



Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram e tamén podes acceder ás listaxes dos Diferenciais das pasadas xornadaspremendo aquí.



Non hai quen lle poña freo aos Diferenciais da Primeira Futgal

O Rácing Villalbés dá un golpe sobre

Non hai quen lle poña freo aos Diferenciais da Primeira Futgal

Non hai quen lle poña freo aos