O Unión de Asados está a protagonizar un gran inicio de tempada na Primeira Galicia, con actuacións que confirman o seu potencial para pelexar pola zona alta. A goleada por 8-0 ante o Ponte Caldelas foi a mellor mostra do bo momento que atravesa o conxunto rianxeiro.
Un dos nomes propios deste comezo é o do porteiro Álvaro Romero, que con tan só 18 anos acumula catro porterías a cero e se consolidou como unha das revelacións da categoría. O gardameta analiza nesta entrevista o gran momento do equipo e as súas ilusións persoais.
Futbolingalicia: O Unión de Asados protagonizou a gran goleada da xornada, gañando por 8-0 ao Ponte Caldelas. Cales foron as claves desta gran actuación?
Álvaro Romero: «Eu penso que foi o feito de traballar ben durante a semana e saír enchufados ao partido. Puidemos facer o 3-0 antes do minuto 30 e, a partir de aí, estivemos cómodos, xerando máis situacións de perigo».
FIG: Ao descanso o resultado xa era de 7-0. Como definirías o talento ofensivo do teu equipo?
AR: «Esta semana foi moi bo. Así como no partido contra o Arcade non puidemos materializar as ocasións que tivemos, contra o Ponte Caldelas si que o fixemos».

FIG: A nivel defensivo tamén estades a mostrar un bo nivel, con só 4 goles encaixados. Como estás notando a defensa neste inicio de curso?
AR: «Comezamos ben. Sabemos que, se queremos ser un equipo competitivo, todo comeza por non encaixar. Pouco a pouco seguimos traballando para recibir o menor número posible de tantos.».
FIG: Aínda que xogaches algún partido nas anteriores dúas tempadas sendo xuvenil, estás no teu debut como sénior e sumas catro porterías a cero. Como estás a vivir este protagonismo?

AR: «Pois estou moi contento. Estou nun equipo con uns compañeiros fantásticos que sempre me axudaron a facelo o mellor posible. Agora tócame seguir traballando duro».
FIG: Que se sente ao defender a portería dun dos favoritos ao ascenso a Preferente con tan só 18 anos?
AR: «Bueno, como ti comentaches, aínda que fose xuvenil, xa é a miña terceira tempada xogando partidos co equipo sénior. Pouco a pouco fun tendo máis minutos e agora tócalle dalo todo para axudar ao equipo».
FIG: O equipo está cuarto e xa roza a fase de ascenso. Cal é o obxectivo do Unión de Asados?
AR: «O obxectivo é facelo o mellor posible para intentar estar entre os tres primeiros. Non vai ser doado, xa que hai moi bos equipos co mesmo obxectivo, pero xuntos imos competir para intentalo».

FIG: Parece que o Marín vai ser moi difícil de vencer. Confías en loitar polo ascenso directo?
AR: «O Marín é un moi bo equipo e o ascenso directo vai estar moi caro. Como dixen antes, imos competir con todo para estar entre os tres primeiros».
FIG: Levas toda a túa vida no club. Que significa para ti o Unión de Asados?
AR: «Pois é o mellor club onde se pode estar. Somos coma unha familia, tanto no equipo sénior coma nas categorías inferiores. Estou moi contento de estar aquí».
FIG: Cales son os teus obxectivos no fútbol a medio e longo prazo?
AR: «Non teño obxectivos definidos, só seguir tendo ganas de mellorar de aquí en diante».
FIG: Esta semana visitades un dos rivais máis directos que tedes, o Cordeiro. Que partido esperas?
AR: «Espero un partido moi disputado. Somos dous equipos co mesmo obxectivo e vai ser un partido bonito. Iremos con todo a polos tres puntos».