# Hashtag

A última palabra téñena os Diferenciais da Primeira Futgal (p. 2)

Os goles e o bo fútbol estiveron presentes no resto de grupos da Primeira Futgal. Nunha categoría tan competida coma esta, calquera fin de semana é sinónimo de espectáculo. E como protagonistas destas actuacións destacadas temos aos Diferenciais.

David entre ‘Goliats’

Gañar no grupo 4 non é unha tarefa doada. A competitividade converte cada xornada nun campo de batalla onde hai espazo para os equipos que non levan a etiqueta de favoritos.

O Loñoá pasa por un momento doce coa súa terceira vitoria consecutiva. Desta vez, exerceron como verdugos dun Polígono que non levanta cabeza (3-0). O submarino amarelo aguantou os ataques do cadro da Carabina ata o minuto 40 de partido. Aínda non dixerirán o primeiro tanto vermello cando chegou o segundo da man de Ferre. Cuarto tanto para o xogador ourensán, que está a realizar un bo comezo de temporada sen que importe se sae de inicio ou desde o banco. Os de Pablo Gil afundíronse co paso dos minutos sen tan sequera inquietar a meta do conxunto da Carabina.



Allariz e Francelos empataron a dous goles nun partido que mantivo o suspense ata os intres finais. Ningún dos equipos dispuxo de grandes ocasións na primeira parte. Tras o paso polos vestiarios, a cousa cambiou e os ribeiraos golpearon dúas veces aos verdinegros para así encarrilar o partido. Nada máis lonxe da realidade. Roberto viu un dobre cartón amarelo e o conxunto dirixido por Tomás Cibeira afrontou os últimos 20 minutos cun home menos. Os da ‘Ziralla’ aproveitaron a vantaxe numérica para recortar distancias e, xa no tempo de prolongación, igualar o encontro grazas a Adrián Eiró. O defensa alaricano volveu ao verde por todo o alto e, co seu tanto, permitiu que o Allariz quedara cun punto no Cid Carriega.

Tamén rematou en táboas o enfrontamento que tivo lugar no Monte da Aira. 2 a 2 entre Velle e Brollón, protagonistas dun encontro divertido e con ritmo. Os visitantes foron os primeiros en sacar vantaxe aproveitando o xogo directo e os balóns ás costas da defensa dos de Anxo Valcárcel. Despois dunha primeira metade de dominio visitante, o Velle reaccionou e fíxose co control do esférico. Liderados por Quique, autor dun dobrete, conseguiron empatar o encontro e salvar un punto no seu propio feudo.

Pitu (Velle) tenta recibir o balón ante a marcaxe dun xogador do Brollón. FOTO: CD Velle

Á caza do Marín

‘Os Galácticos do Morrazo’ non fallan e aguantan a presión a cada fin de semana. Pero son varios os equipos que axexan ao líder e agardan o seu fallo.



O Ribadumia non tivo problema para superar ao Marcón Atlético, ao que derrotou por 3 goles a 0. Aos 5 minutos de encontro chegou o primeiro da tarde, celebrado por todo o alto na Senra. O equipo amarelo e negro seguiu a insistir durante toda a primeira metade e nunha desas aproximacións ampliou a súa vantaxe por medio de Cristian. Suma e segue para o ‘killer’ do Ribadumia que con este xa leva 4 tantos no seu haber. Non cambiou o guión na segunda metade e o cadro de Fran Blanco sentenciou o choque cun gol máis.

Pero para goleada a vivida no Municipal de Vilas. O Pontecaldelas recibiu unha boa malleira por parte dun Unión (8-0) que non tivo piedade ante o seu rival. Ao pouco de iniciarse o encontro, os de Asados xa viron porta. E así como veu o primeiro tanto, chegaron o resto e, ao remate da primeira metade, a diferenza xa era de 7 goles. Acto seguido, Chuso furou as redes rivais para asinar un póker na súa conta particular. Nada máis e nada menos que 4 tantos para o atacante vermello, home-gol do Unión e gran protagonista da exhibición local ante o Pontecaldelas.

Boas novas para o Flavia que se sitúa na zona nobre da táboa despois de vencer ao Agolada por 2 a 4. O conxunto de Padrón esnaquizou ao seu rival na primeira hora de partido, onde conseguiron todos os seus tantos. Pablo Martínez encargouse de anotar o último dos tantos. Logo de recalar nas filas do Souto, o mediocampista vigués é o líder indiscutible da medular celeste e proba dilo os dous goles que leva xa nesta temporada. Co paso dos minutos, o Agolada tentou reaccionar pero xa foi demasiado tarde para darlle a volta a un electrónico que reflectiu a superioridade dos de Camilo Perol



Ábrese unha fenda

Quen pode parar ao líder? Esa é a pregunta que se fan moitos equipos da zona de Vigo e arredores mentres os grandes dominadores da competición continúan coa súa xeira de vitorias.

É e que o Atlántida de Matamá non cesa no seu obxectivo de volver á Prefente Futgal e esta fin de semana acadou unha nova vitoria ante o Candeán (1-4). Iso si, as cousas puxéronselle costa arriba no comezo do partido, cando se adiantou o conxunto da Madroa. Pero o cadro de André González tiña outros plans en mente e reaccionou rapidamente para irse ao descanso cun empate a un tanto. Tras o descanso, os celestes volveron á carga e en cuestión de 10 minutos lograron poñer terra de por medio con dous goles, un deles de Manu Martínez. O atacante viu porta ata en 8 ocasións no que vai de temporada e xa exerce como máximo goleador da categoría. A falta de 10 minutos para o remate, o líder rematou co partido e acabou coas esperanzas do Candeán.

Outro equipo que tamén saíu airoso da fin de semana foi un dos seus perseguidores. O Chaín venceu 0-2 ao Progresista nun partido onde os de Gondomar foron superiores en todas as fases do xogo. Se ben a primeira metade estivo máis igualada, os homes de Roberto Misa deron un paso adiante na segunda para facerse coa iniciativa no choque. Boa parte de culpa tivo un Rafa que se converteu nun pesadelo para a defensa albivermella. O atacante vigués asinou un dobrete para pechar o encontro e facer soñar aos seus coa posibilidade de acadar os play-off.

No Monte da Mina poden respirar máis tranquilos, pois o Racing Castrelos conseguiu vencer por vez primeira na temporada. E, para máis sorpresa, fixérono ante todo un candidato ao ascenso como é o Gondomar (1-0). Sen un claro dominador, ambos conxuntos chegaron aos últimos minutos coa oportunidade de levarse a vitoria e, desta vez, a fortuna sorriulle ao cadro olívico. Un gol de Mingo puxo en pé á bancada local, que celebrou por todo alto o tanto do seu dianteiro. Co paso dos minutos, a intensidade medrou e, xa na prolongación, Castrelos e Gondomar víronse inmersos nunha tangana que rematou cunha expulsión para cada unha das entidades.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.



Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.



Tamén podes acceder ás listaxes dos Diferenciais das pasadas xornadaspremendo aquí.

A última palabra téñena os Diferenciais da Primeira Futgal (p. 2)

A última palabra téñena os Diferenciais da

A última palabra téñena os Diferenciais da Primeira Futgal (p. 2)

Vota polo teu favorito entre os Diferenciais