# Hashtag

A última palabra téñena os Diferenciais da Primeira Futgal

Polo momento non hai nada decidido na Primeira Futgal. A pesar da competitividade da categoría e a esixencia que supón, os equipos seguen a loitar polos seus respectivos obxectivos e fano apoiándose nos seus xogadores máis Diferenciais.

Inercias positivas na Coruña

Ben é sabido que non hai nada mellor que unha segunda vitoria para reforzar o estado anímico do plantel. Nesta fin de semana foron varios os conxuntos que asaltaron os primeiros postos logo de encadear outro +3.

Como por exemplo, o Sporting Meicende. O cadro de Arteixo superou con rotundidade ao Carral (6-0) e sitúase xa en postos de play-off. Aos vinte minutos, Barral abriu a lata e co seu tanto puxo as cousas de cara para os seus. Gran inicio de curso para o mediocampista herculino, que chegou ás filas do Meicende durante a temporada pasada. A cousa non quedou aí e, ao bordo do descanso, volveu a anotar novamente para poñer o 3-0. O monólogo do equipo albivermello continuou nos seguintes 45 minutos, nos que chegaron a duplicar a súa vantaxe para así levarse os tres puntos por terceira vez consecutiva.



A carón deles atópase o Marte. Os de Monte Alto remontaron o seu encontro ante o Sporting Coruñés, ao que venceron finalmente por 1 a 3. O gol do empate tivo que esperar á hora de partido, cando Manu González contrarrestou o tanto inicial dos branquiazuis. A partir de entón, o Marte lanzouse ao ataque e conseguiu ampliar a súa vantaxe grazas á grande actuación do seu mediapunta. González volveu ver porta e sentenciou o choque a 10 minutos para o seu final.   

Nos Pinares semellan esquecer o mal comezo do Perlío, que volve vencer logo de impoñerse ao Relámpago por 1 gol a 2. Os homes de Jesús Peña non tardaron en furar as redes rivais e poñerse por diante no encontro. E, coa mesma rapidez coa que chegara o primeiro da tarde, o Relámpago logrou a igualada. Foi entón cando apareceu a figura de Martín para desequilibrar a balanza a favor dos de azul e amarelo. O lateral dereito está a ser un talismán para un Perlío que gaña sempre que ve porta. Nova vitoria para o conxunto de Fene, que continúa coa súa xeira positiva de resultados.

Pouca diferenza de puntos

Apertado como poucos, o grupo 2 pechou unha nova xornada onde houbo cambio de líder e tamén na orde de equipos que ocupan as prazas de descenso.



Precisamente, o Fisterra abandonou os últimos postos da táboa clasificatoria ao gañar o seu partido fronte a Esteirana por 4 goles a 0. Arasolís celebrou por todo o alto a goleada dos seus nun dos varios ‘derbis’ da Costa. Isaac asinou dous tantos e encamiñou a vitoria para o conxunto verde antes do tempo de lecer. Tras bater todos os rexistros o ano pasado e conseguir a cifra de 32 goles, o atacante aínda non conseguira anotar neste primeiro mes de competición. Coa Esteirana tombada na lona, os fisterráns aumentaron a súa renda e conseguiron darlle o golpe definitivo ao encontro.

Pola súa parte, o Muxía logrou a primeira vitoria da temporada no duelo que os enfrontou ao Queixas (3-1). Despois dunha primeira metade onde a igualdade se alzou como a gran protagonista, o colexiado asubiou unha pena máxima favorable aos locais. A Fran Moreira non lle tremeron as pernas e logrou converter o lanzamento desde os 11 metros. Co paso dos minutos, os nervios comezaron a facer o seu efecto e o Queixas sufriu a expulsión dun dos seus xogadores. Unha situación que aproveitou o conxunto de Arliña para sentenciar o partido e lograr os tan ansiados tres puntos.

O Tordoia reverteu a dinámica das dúas últimas semanas cun 0 a 1 ante o Cire de Melide. A pesar dunha primeira metade na que o dominio foi azul e branco, os visitantes lograron resistir os ataques rivais ata chegar ao descanso. O guión non cambiou cando ambos equipos volveron de vestiarios, co Cire levando a iniciativa. Ata que Víctor Vilariño rachou coa igualdade no electrónico. O interior vive un estado de graza permanente e acada o seu sexto gol neste campionato. Un tanto que sitúa ao Tordoia a uns poucos puntos da cabeza da clasificación.



Novo adestrador, vitoria asegurada

Non xira todo arredor dos primeiros postos, xa que tamén houbo varias actuacións destacadas dos equipos que chegaban á fin de semana coa urxencia de gañar.

Despois de seis xornadas por fin chegou a primeira vitoria para o Xove Lago. Os mariñáns derrotaron ao Santaballés por 2 goles a 1 e deixan aos de Vilalba como pechacancelas do grupo 3. A estrea no banco de Fran Caínzos supuxo unha inxección de motivación para o conxunto verde, que saíu disposto a rachar coa súa xeira de derrotas apoiándose en Hugo Pérez. Mentres o ‘10’ se atope no campo, a maxia está asegurada e proba dilo a vaselina coa que logrou o 1 a 0. Os de Antonio Ramos lograron igualar o encontro na segunda parte, pero a insistencia do Xove levounos a anotar novamente para ledicia da bancada do Municipal. Tres merecidos puntos que valen para quitarse un peso de enriba.

Tamén houbo emoción no derbi mariñán entre Foz e Iberia. Os de Barreiros asaltaron o Martínez Otero (1-3) nun partido onde a polémica estivo ben presente. Barrera fixo o primeiro na súa conta particular á media hora de partido. Consciente da necesidade dun cambio no estilo de xogo, Pelayo Barrera cambiou a varios dos seus xogadores e mudou o seu sistema, acertando de pleno. Os albivermellos igualaron a contenda no reinicio e dispuxeron dos seus mellores minutos xusto cando tivo lugar a xogada da polémica. Logo dun barullo na área, o balón caeulle a Barrera que se axudou da súa man para mandar o balón ao fondo da meta focense. As chegadas dos focenses continuaron nos últimos minutos ata o terceiro gol do Iberia.

A Residencia aguántalle o pulso ao Chantada e volve gañar. Nesta ocasión, a vítima foi o Chantada Atlético que caeu ante o cadro da Cheda por 5 a 1. Os afeccionados capitalinos non tiveron que agardar moito para celebrar o primeiro gol, obra de Javi Calderón. A ‘Resi’ non levantou o pé do acelerador e, á hora de partido, puxo o 4 a 0, con Javi Calderón vendo porta novamente. Non foi o mellor partido para os de Ivi López, que non foron capaces de facer fronte ao vendaval blanquiazul.

Javi Calderón tenta controlar o balón a carón da liña de fondo. FOTO: Róber Carreira

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.



Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.



Tamén podes acceder ás listaxes dos Diferenciais das pasadas xornadaspremendo aquí.

A última palabra téñena os Diferenciais da Primeira Futgal

Manu Martínez, Atlántida de Matamá: «Volver a

A última palabra téñena os Diferenciais da Primeira Futgal

A última palabra téñena os Diferenciais da