O Atlántida de Matamá converteuse no gran protagonista do grupo 6 de Primeira Galicia. O conxunto vigués suma cinco vitorias en cinco partidos, situándose como líder invicto e demostrando un nivel competitivo altísimo tanto en ataque como en defensa.
Un dos nomes propios deste excelente inicio é o do seu goleador, Manu Martínez, que leva sete tantos en cinco xornadas. O futbolista analiza neste diálogo as claves do rendemento do equipo, a súa boa racha persoal e a ilusión dun vestiario que soña con devolver o Matamá á Preferente.
Futbolingalicia: O Atlántida de Matamá é o líder absoluto do grupo 6 de Primeira Galicia tras asinar cinco vitorias nas primeiras cinco xornadas. Cales son as claves deste rendemento?
Manu Martínez: «Bueno, eu penso que as claves son as ganas de competir que temos en cada partido e tamén que todos remamos na mesma dirección. Ao final, se todos buscamos o mesmo obxectivo, é moito máis doado competir e desfruta.».
FIG: No último encontro, gañastes por 4-2 ante outro dos descendidos desde Preferente, o Juvenil de Ponteareas. Ti meteches o gol inicial e o do empate. Como foi o partido?
MM: «Foi un partido moi complicado, sobre todo na primeira parte. Creo que ao adiantarnos no marcador confiámonos un pouco, e iso fixo que nos remontasen antes do descanso. Despois, na segunda parte, estivemos moi sólidos tanto en defensa como en ataque, e ao final chegaron os goles».

FIG: Levas sete goles en cinco partidos, anotando en todos eles. Como te estás a atopar neste inicio de liga?
MM: «Pois neste inicio de tempada estou a atoparme moi cómodo. Estou tendo tamén un pouco de sorte de cara ao gol e, ao final, estou moi contento de comezar a tempada deste xeito».
FIG: Vindes de descender desde Preferente nun ano no que o obxectivo da permanencia era moi difícil de acadar. Como se viviu desde dentro esa campaña?

MM: «Foi un ano moi complicado. Tivemos un inicio de tempada con moita mala sorte, con varias lesións e baixas importantes. Aínda así, fixemos unha segunda volta moi boa, mellorando resultados e coas incorporacións que nos axudaron moito. Aínda así, era un obxectivo moi difícil de conseguir».
FIG: O obxectivo do club é volver a Preferente?
MM: «O ascenso sería algo moi bonito, pero o que queremos é centrarnos en competir cada xornada. Se facemos as cousas ben, os resultados acabarán chegando».
FIG: Como inflúe o Penedo da Moo no voso rendemento?
MM: «Xogar no Penedo é moi importante para nós. É onde temos á nosa xente e onde menos podemos fallar. Ademais, estamos moi adaptados ao campo, e iso axúdanos moito a xogar como queremos».

FIG: O ano pasado, no teu debut como sénior, meteches nove goles. Que valoración fas desa campaña a nivel individual?
MM: «Foi unha tempada de aprendizaxe, xa que o primeiro ano sempre é especial. Aprendín moito e quedei cun bo sabor de boca, tanto polo rendemento persoal como polo crecemento do equipo».
FIG: Tes algunha meta especial para este curso?
MM: «A nivel persoal non teño unha meta concreta. O meu obxectivo é dar o máximo polo equipo, e o que teña que chegar, chegará».
FIG: Antes de ser sénior, completaches un ano na sempre esixente División de Honra co Coruxo. Como recordas ese ano?
MM: «Foi unha experiencia moi boa, competindo contra equipos e xogadores de moito nivel. Axudoume a mellorar en moitos aspectos e gardo moi bos recordos daquela etapa».
FIG: A túa etapa base está marcada por un club, o Santa Mariña. Que significa para ti esta entidade?
MM: «Para min, falar do Santa Mariña sempre é algo especial. Cando pasas tantas tempadas alí e tes tantos bos recordos, só podes ter boas palabras para ese club. Alí formáronme tanto futbolística como persoalmente, e foi unha etapa moi importante na miña vida».