A fin de semana deixou unha nova xornada ateigada de goles. E é que a Primeira Futgal non deixa indiferente a ninguén, e menos os seus Diferenciais. Velaí vai un repaso desta quinta data de competición coas actuacións máis destacadas das súas estrelas.
A festa do gol
Na Coruña tivo lugar un festival de goles e, sobre todo, sorpresas. Polo momento, non hai equipo que consiga establecerse na cabeza do competitivo grupo 1.
O Antigo Leyma viviu unha tarde tola co enfrontamento entre Oza Xuvenil e Olímpico. Ambos equipos ofreceron unha auténtica exhibición de fútbol que se saldou con vitoria para as ‘quenllas’ por 4 goles a 3. O cadro local saltou ao terreo de xogo cun alto nivel de intensidade e, aos 20 minutos de comezar o partido, Samuel Rumbo ampliou a vantaxe dos seus ata os dous goles. Pero o conxunto de Rutis non baixou os brazos e logrou reducir a diferenza. As idas e voltas de cambos equipos chegaron ao seu cumio na prolongación, cando o Olímpico conseguiu empatar o partido. E aí apareceu de novo Samuel Rumbo para desfacer a igualada e anotar o segundo na súa conta particular. Tras un gran comezo, o mediocentro coruñés colócase como pichichi do grupo con sete dianas.
Pola súa parte, o Ural gañou por primeira vez no curso logo de superar ao As Pontes (3-2) . Os verdes dominaron os primeiros intres do encontro. O 2-0 deulle certa tranquilidade ao equipo de Adrián Cagiao. Iso si, non lles foi doado conservar os tres puntos. Os ponteses comezaron a chegar con perigo á meta herculina e medraron co paso dos minutos, ata que Iago Núñez puxo fin ás súas esperanzas cun tanto que sentenciou o choque. Logo dun ano na Terceira Futgal, o mediocampista herculino parece adaptarse ben á categoría e suma xa 4 goles.
A bancada do Dani Mallo celebra o provisional primeiro posto do seu equipo. A pesar de comezar con mal pé, o Sporting Cambre logrou remontar e venceu ao Orillamar por 3 a 2. O inicio fulgurante dos herculinos puxo en alerta aos homes de Mauro García, que encaixaron ata en dúas ocasións nos primeiros compases do encontro. Liderados por un Álex Fernández autor de dous goles, os cambreses déronlle a volta ao marcador en cuestión de minutos. Toda unha xerra de auga fría para un Orillamar que non puido parar o furacán vermello.
Unha carreira de fondo
Os equipos do grupo 2 non deixan de pisar o acelerador. Non é para menos, pois a igualdade é máxima e ninguén quere deixar puntos atrás.

Boas novas para o Boimorto, que regresa á senda da vitoria tras golear ao Tordoia (0-4). O conxunto amarelo e negro sufriu desde os primeiros minutos e, ao pouco de iniciarse o encontro, xa ía por detrás no marcador. A piques de finalizar o primeiro tempo, Borja Casal aumentou a renda vermella. Non parou o interior melidao, que volveu furar as redes unha vez máis para darlle a tranquilidade aos seus. Tendido sobre a lona, o Tordoia recibiu o último e definitivo gol cando restaban pouco menos de 10 minutos. Malia o gran comezo de temporada, o conxunto dirixido por Alberto Pallas afástase das primeiras posicións ao perder os dous últimos partidos.
Por outra banda, o Castriz sumou finalmente os seus tres primeiros puntos no campionato. E de que maneira. San Pedro celebrou o partido dos seus, no que se impuxeron por 3 goles a 0 ao Bastavales. Adiantáronse os locais á media hora de partido. O asedio vermello e negro continuo ao volver de vestiarios ata o momento no que Josiño sentenciou o choque. Logo dunha primeira temporada onde chegou a anotar máis de dez goles, o mediapunta de Val do Dubra tivo que esperar á quinta xornada para estrearse.
O partido da xornada acolleuno o Municipal da Laracha cun empate a tres tantos entre Club do Mar e Cacheiras. A pesar de ser a primeira vez que compiten na categoría, os de Teo están a firmar un gran papel e proba dilo este valioso punto. Precisamente, os visitantes foron os primeiros en golpear por mediación de David Salgueiro. O atacante converteu unha pena máxima que foi contrarrestada ao momento polos de Caión. Pero o equipo costeiro non contou co bo facer do dianteiro de Cacheiras, que meteu un segundo gol para complicarlles as cousas. Os de Dani Sánchez conseguiron reaccionar para darlle a volta ao marcador. Cos nervios a flor de pel, os visitantes contaron novamente cun penalti para igualar a contenda. Salgueiro non fallou e co seu hat-trick deulle un novo empate aos seus.

Remontada e rexurdimento
A táboa clasificatoria segue apertada en terras lucenses. Sexa cal sexa o obxectivo, os equipos non se renden e continúan na loita por acadar os seus obxectivos.
É o caso dun Taboada que levou a primeira alegría da temporada nesta fin de semana. Os branquiazuis saíron de Lourenzá co botín dos tres puntos e unha vitoria de moito mérito (1-3). Nada máis comezar o partido, os xogadores de Martín Murado atoparon un filón nas bandas rivais e comezaron a aproximarse desde os laterais. Nunha desas internadas conseguiron o premio dun penalti e, desde os 11 metros, anotaron o primeiro da tarde. O Lourenzá igualou o encontro ao beneficiarse dun gol en propia meta. Pero o Taboada desfíxose das pantasmas do pasado para recuperarse do golpe e conseguir o segundo da tarde. Xa nos últimos instantes, Martuno redondeou a xornada ao anotar desde o punto fatídico. Terceiro tanto na competición para o ariete, que non fallou á súa cita co gol.
Guntín e Foz continúan aferrados á loita polos primeiros postos logo de empatar a 1 gol no Ladairo. Os mariñáns puxéronse por diante cun remate de Jorge, que chegou ao segundo pau para empuxar o esférico. Unha vez máis, o dianteiro viveirense volve ver porta e suma xa 3 tantos. A balanza non rematou de inclinarse do lado dos de Pelayo, que non puideron evitar o empate local cando quedaban apenas 3 minutos para o final. Reparto de puntos para ambos equipos nun dos enfrontamentos máis parellos da xornada.

Quen non renuncia ás prazas de play-off é o Chantada Atlético. A remontada ante o Castro, ao que venceron por 1 a 2, sitúa aos de Ivi López na cuarta posición. Golpearon primeiro os chairegos, que contaron con oportunidades para aumentar a diferenza. Pero o dominio chegou á súa fin nos últimos minutos. Os chantadinos subiron ao ataque con todo e, finalmente, fixéronse coa vitoria grazas ao agónico tanto de Anxo Pérez. Ademais de protexer a meta de Anxo Sampayo, o central tamén posúe olfacto para o gol. Proba dilo, as dúas dianas que acumula nesta campaña, e que serven para darlle tres puntos máis ao equipo do Sangoñedo.
