O Campo Lameiro CD converteuse nun dos grandes protagonistas do grupo 5 de Primeira Galicia. O conxunto da Chanciña suma 12 puntos de 12 posibles, cun balance de 16 goles a favor e só un en contra, liderando a competición con paso firme e facendo soñar á súa afección cun posible ascenso a Preferente.
Un dos nomes propios deste arranque é o de Alex Carramal. O dianteiro, que leva tres goles en catro xornadas, analiza neste entrevista o bo momento do equipo, a chegada do novo corpo técnico e os retos dunha tempada na que os verdes queren facer historia.
Futbolingalicia: O Campo Lameiro é unha das principais sorpresas da Primeira Futgal, sendo líder con pleno de vitorias. Que valoración fas deste inicio?
Alex Carramal: «Pois a verdade, non podo estar máis contento con este inicio de tempada. Tanto a nivel colectivo, onde cada integrante do equipo está moi involucrado e con ganas de gañar todo o posible, como a nivel individual, que facía moito tempo que non me sentía tan ben anímica e fisicamente xogando ao fútbol. Tamén é certo que isto acaba de comezar e aínda queda moita liga por diante. O verdadeiro desafío para nós como equipo comeza agora, que vai ser manter este nivel e esta fame por gañar durante todo o ano para acadar o noso obxectivo».
FIG: Sodes o equipo máis goleador do grupo (16 goles) e o menos goleado (1 gol en contra). Como explicas este rendemento?
AC: «Pois sen dúbida, este rendemento é o resultado de todo o esforzo, ganas e compromiso que estamos investindo tanto nos adestramentos ao longo da semana como nos partidos. Aínda que creo que aínda nos falta dar un paso máis de cara ao gol, xa que realmente estamos xerando moito máis do que estamos convertendo nos últimos metros, e como dianteiro que son quero converter todas as ocasións que teñamos. Respecto á faceta defensiva, está sendo un inicio inmellorable. De feito, o único gol que encaixamos chega a partir dun penalti, o cal creo que reflexa moi ben a actitude e intensidade do equipo na faceta defensiva».

FIG: O único equipo que vos está a manter o ritmo é o Marín, claro favorito ao ascenso no inicio de tempada. Como ves esa loita polo ascenso con outros equipos como Ribadumia, Unión ou Cordeiro tamén na loita?
AC: «Creo que este ano foron os equipos que mellor se reforzaron na pretempada, e estase a ver nos resultados que están acadando neste inicio de tempada. Desde logo a loita polo ascenso vai ser moi bonita e interesante, onde cada punto en xogo vai ser imprescindible para acadar o ascenso. De feito, creo que o equipo que vai estar mellor posicionado para o ascenso vai ser o que acade mellores resultados dos enfrontamentos entre Marín, Ribadumia, Unión, Cordeiro e Campo Lameiro».
FIG: En verán houbo troco de adestrador na Chanciña tras moitos anos. Como valoras a chegada de Hugo Picallo ao banco do Campo Lameiro?

AC: «A chegada de Hugo e o corpo técnico é unha parte fundamental do estado actual do equipo. Xa non só a nivel futbolístico, senón a nivel anímico e físico, porque están conseguindo que a xente estea moi involucrada e cun estado de forma moi bo. Destacar tamén o traballo fundamental de Marcos Roma, o noso segundo adestrador, que está facendo un traballo incrible xunto con Hugo a nivel táctico para poder preparar os partidos ao longo da semana, e DE Víctor Manuel Ferro “Pincho”, o adestrador de porteiros, que tamén está a facer un traballo moi bo cos porteiros».
FIG: E o traballo anterior de Romario?
AC: «Para min foi unha etapa de aprendizaxe e adaptación á categoría. No aspecto futbolístico cada adestrador ten a súa forma de traballar, e eu sempre trato de adaptarme ás súas propostas. A Romario, ao grupo e, sobre todo, ao presidente Jesús Ameijeiras estoulles moi agradecido porque foron quenes me deron a oportunidade e me acolleron na miña chegada ao club, cando a metade de tempada decido deixar o Estradense».
FIG: Esta é a túa cuarta tempada no club. Como te estás a sentir neste inicio de curso?
AC: «Non me podo sentir mellor. Tras 3 tempadas síntome totalmente asentado no equipo e, para min, que son de Campo Lameiro, poder xogar e representar o equipo do meu pobo dálle unha motivación extra para deixarme a pel no campo de fútbol».

FIG: Tras chegar do filial do Estradense, levas máis de 30 goles en menos de tres campañas no equipo. Cales son as claves deste rendemento?
AC: «Non creo que existan unhas claves específicas; ao final, todo se reduce ao esforzo e traballo que fago como dianteiro do equipo. O meu principal obxectivo sempre é aportar o máximo posible para xerar ou converter ocasións de gol. Aínda que sinto que aínda teño moito que mellorar na faceta goleadora, estou convencido de que podería converter e xerar moitos máis goles dos que estou facendo actualmente. Gran parte da motivación que teño este ano céntrase precisamente en mellorar significativamente este aspecto de cara á portería».
FIG: Cres que estás para dar un salto de categoría?
AC: «Obviamente, creo que todo xogador sempre aspira a chegar o máis alto posible. De feito, xa houbo algúns equipos de categorías superiores á Primeira Rexional interesados en min nas pasadas tempadas.
Sen embargo, sempre acabei decantándome por quedar na casa, pensando na posibilidade de poder ascender a Preferente co fantástico grupo que temos no Campo Lameiro. Ademais, isto permitiríame cumprir un soño de cando era un rapaz, que é volver levar o Campo Lameiro CD a Preferente, categoría na que xa estivo e da que, desgraciadamente, terminou descendendo por arrastres na tempada 2016/2017, a pesar de facer máis de 40 puntos ao longo da tempada».
FIG: Como recordas a túa etapa no Estradense, na que debutaches en Terceira RFEF?
AC: «Recordo esa etapa con moitísimo cariño. Para un rapaz de 18/19 anos saír do fútbol base e poder experimentar o que é a dinámica dun equipo de Terceira RFEF é unha experiencia incrible, na que crecín futbolisticamente unha barbaridade e puiden entender e vivir o que é o fútbol semiprofesional. Destacar tamén que a xente da Estrada como afección é incrible: cada fin de semana que incluso xogabamos co filial había un apoio xigante e sempre demostraban moito cariño. Facíanme sentir como un da casa».
FIG: Como ves o partido desta fin de semana contra o San Martín?
AC: «Véxoo como a nosa primeira final para saber a que aspiramos como equipo. É un destes partidos que como xogador máis me motiva, porque sabes que vai ser un partido moi axustado entre dous moi bos equipos aspirantes a conseguir o ascenso, onde ata un mínimo erro pode decantar o resultado. Como equipo estamos moi motivados e levamos toda a semana coa cabeza no domingo e preparándonos ao máximo durante os adestramentos para intentar mostrar a nosa mellor faceta en Vilaxoán».



























































































































































































































































































































































































































































































































