A cabeza non para, e nas redes sociais menos. Son moitos os usuarios que fantasían con que a SD Negreira e o FC Barcelona poidan medirse en Copa do Rei. Detrás está o morbo de que o equipo nicrariense comparta nome con José María Enríquez Negreira, exvicepresidente do Comité Técnico de Árbitros (CTA), e coñecido pola súa implicación no denominado Caso Negreira.
Con todo, para que se poida dar un enfrontamento así o Negreira tería que superar dúas probas que non serán nada sinxelas. A primeira chega este sábado, cando os vermellos reciban ás 17:30 horas no García Calvo ao Textil Escudo. Na ida, os cántabros venceron 2-1, resultado que lles permite chegar con vantaxe. O campo estará cheo ata a bandeira e o Negreira confía en darlle volta á eliminatoria.
De conseguilo, o equipo de Adrián Vázquez Forján estaría clasificado para a primeira fase da Copa do Rei. Aí aínda non poderían medirse ao Barça. Tampouco na seguinte elimintaria, porque non van estar no bombo os catro equipos que xogarán a próxima Supercopa de España (Real Madrid, Barcelona, Atlético de Madrid e Athletic Club), e que entrarán directamente en dezaseisavos.
A primeira rolda da Copa
Os 112 equipos que participan nesta rolda inicial da competición copeira coñecerán o seu rival este luns día 6. A Cidade do Fútbol de Las Rozas, en Madrid, acollerá o sorteo, que poderá seguirse en directo a través das canles oficiais da RFEF. Aí agarda verse o Negreira, que tería garantido medirse a un rival de Primeira División.
Nesta edición, a principal novidade será que os cruces das dúas primeiras roldas se decidirán tendo en conta a proximidade xeográfica. Os partidos terían lugar os días 28, 29 e 30 deste mes. Serán a partido único no campo dos equipos de categoría inferior.
De pasar, o Negreira estaría en 1/32 de final. Recibiría a outro Primeira División. Tería que volver superalo para optar a un dos catro da Supercopa. Polo tanto, para que se dea un Negreira – FC Barcelona, os vermellos teñen que superar ao Textil Escudo, a dous equipos de primeira e ter fortuna no sorteo.

O Negreira, protagonista en Redes
A Copa sempre deixa espazo para as xestas, e tanto xogadores como seareiros soñan con seguir facendo historia nesta competición tan especial. Mentres, nas redes atopan a sorpresa que experimentan todos aqueles que non coñecían o equipo vermello e que se impresionan pola coincidencia co apelido do exvicepresidente dos árbitros.
