En FutbolinGalicia non nos esquecemos de tódolos xogadores, técnicos, árbitros ou siareiros que pasaron hai anos polas nosas categorías sénior. Sen a súa gran contribución non poderiamos gozar na actualidade dunha gran saúde en categorías tan especiais coma a Terceira RFEF, a Preferente Futgal ou a Primeira Futgal. «Os Vintage» é a súa sección. A de todos aqueles que aportaron un gran de area para que o fútbol galego sexa, sen dúbida, do mellorciño do fútbol estatal.
Máis de catro décadas xogando ao fútbol. Case nada! Esa é a carta de presentación dun Evaristo Lareo Arias que é unha auténtica lenda do noso fútbol. Un deses homes que co seu desempeño sobre o céspede fixo crecer o fútbol rexional autonómico. Repasemos parte da súa historia, que comeza co seu paso pola base do Deportivo da Coruña.
Corría a tempada 90/91 cando Evaristo firmou no Compostela, equipo que hai 30 anos pelexaba en Primeira División cos Madrid, Barcelona ou Atlético. De seguro recordades a mítica xogada de Ronaldo Nazario arrasando aos defensas do Compostela nun gol que é historia do fútbol mundial.
Tralo Compos, a Evaristo chegoulle unha oferta do Pontevedra, co que xogou varias tempadas na antiga Segunda B. A última década e media a camisola do Vizoño foi a prolongación da pel de Evaristo. Mais o corpo e a mente dixeron basta. Agora o noso protagonista vive unha nova experiencia coma membro do corpo técnico do Sporting Burgo B.


























































































































































































































































































































































































































































































































