Tamén houbo emoción, goles e moito fútbol ao sur de Galicia. Ninguén quere quedar atrás neste inicio de temporada no que os equipos xa están a botar man dos seus mellores peloteiros. Se non foi suficiente coa quenda de onte, velaí vai outra ronda dos Diferenciais da Primeira Futgal.
Relaxarse non é unha opción
Tesón e perseveranza ata o final. O grupo ourensán promete unha liga entretida, onde a diferenza de puntos é mínima entre os equipos das zonas nobres e os das máis baixas.
Aínda así segue a haber partidos con goles a esgalla. Como por exemplo no Marco, onde A Peroxa bateu con claridade ao Melias (4-0). Golpearon primeiro os de Josiño cun tanto de Héctor Janeiro que poñía o partido de cara para o cadro vermello. A renda de goles non fixo máis que aumentar co mediapunta cenllés aproveitando o baixón do Melias para engrosar a súa conta particular. Janeiro asinou unha grande actuación ao meter dous goles máis para completar un triplete. Os branquiverdes non puideron facer nada ante o talento do ribeirao, que se converteu nun pesadelo para a súa defensa.
Boas novas á ribeira do Támega. O Verín impúxose a domicilio a un Allariz que non remata de carburar. O conxunto de Vítor Pereira gañou 0 a 1 nunha das visitas máis complicadas de todo o curso. Logo dun primeiro tempo no que os goles non estiveron presentes, o cadro vermello logrou asaltar o Cid Carriega na segunda metade. Un rexeite ao bordo da área alaricana achegoulle o esférico a Parada, que disparou cruzado para bater ao meta verde e negro. O mediocampista suma unha nova diana e proba o seu bo facer como revulsivo. A partir de entón, o Verín soubo controlar o ritmo de xogo para levarse o encontro e os tres puntos.

E por fin chegou a ansiada vitoria para o Loñoá. Os da Carabina superaron a La Purísima por 2 goles a 0 e permanece invicto neste comezo de curso. Non foi ata os minutos finais cando os branquivermellos conseguiron o primeiro da tarde, obra de Gabri. O eterno capitán fíxose co esférico nunha esquina da área pequena e cun potente disparo puxo por diante aos seus. Xa na prolongación, a escuadra de Pereiro de Aguiar converteu unha pena máxima para sentenciar o encontro. Logo de tres empates nas tres primeiras xornadas, o Loñoá racha a súa xeira e faino a carón da súa afección.
Duelo de pistoleiros no salvaxe grupo 5
O grupo de favoritos comeza a destacar nas Rías Baixas, onde a loita transcende ao terreo individual. E é que tamén hai duelo de pistoleiros, á procura do pichichi da categoría.

No alto da táboa clasificatoria atópase o Marín, que derrotou ao Agolada por 3 goles a 0. A bancada de San Pedro non tivo que agardar moito para celebrar o primeiro dos celestes, obra de Sylla. E a este tanto, seguiulle outro baixo a mesma firma. Enchufado, con gol e disposto a alzarse co título de máximo goleador da categoría, o atacante iniciou a temporada por todo o alto cunha media de un gol por encontro. O cadro do Morrazo non tivo maiores problemas e adormeceu o ritmo e o partido ata sentencialo co definitivo 3-0. Un resultado que os sitúa como líderes xunto ao Campo Lameiro.
Lampáns acolleu o choque entre Amanecer e Valiño co mesmo resultado: 3 a 0 para os locais. O cadro dirixido por Jorge Esteban comezou con bo pé e anotou un gol serodio. Pero a cousa non ía acabar aí e os branquiazuis seguiron a achegarse á portería rival. Boa parte de culpa tivo o rival de Sylla na loita por convertérense no máximo artilleiro. 2 goles de Dani Caneda afundiron ao conxunto visitante, que non levantou cabeza. Dá igual a categoría, porque o extremo groveiro non ten ningún problema á hora de furar as redes rivais. A súa actuación supuxo unha verdadeira dor de cabeza para a defensa dun Valiño que non sumou ningún punto polo momento.
Por outra banda, o San Martín freou ao Ribadumia e saca un valioso punto da Senra (1-1). A pesar deste complexo tramo do calendario, os de Vilaxoán están a responder ás expectativas e prometen dar de que falar este ano. Foron eles os primeiros en tomar vantaxe cun gol obra de Iván Renda. Defender non é o único que sabe facer este central, que cumpriu coa ‘lei do ex’ ante a escuadra amarela e negra, de onde procede. Pero a resposta do Ribadumia foi rápida e ao minuto conseguiron o tanto da igualada. O electrónico non se moveu no resto do partido e ámbolos dous equipos tiveron que conformarse co empate. Duro revés para o equipo de Fran Blanco que di adeus ao liderado.

Todos contra todos
A Primeira Futgal atópase máis apertada en Vigo e os seus arredores. Entre os aspirantes ás prazas de ascenso e play-off cómpre destacar a varios históricos do fútbol galego, ademais doutros conxuntos que queren facerse co dominio do grupo 6.
Pero polo momento, o liderado correspóndelle ao Vilaboa. O cadro de Cobres non tivo problemas na súa visita á casa dun Candeán que se sitúa como pechacancelas da competición (0-3). Bastoulles media hora para sentenciar un encontro que xa se lles puxera de cara nos primeiros intres. O primeiro gol saíu das botas de Xián Marcos, clave no inicio de campaña dos verdibrancos. Aos 10 minutos o Vilaboa volveu aumentar a diferenza de goles grazas á contribución de Xián. O atacante viu porta ata en 4 ocasións no que vai de temporada e está chamado a liderar ao seu equipo na procura do ascenso á Preferente Futgal.
O Xuvenil de Ponteareas peta na porta para acceder aos primeiros postos e faino despois de impoñerse ao Goián por 3 goles a 1. Logo dun primeiro tempo parello e con táboas no marcador, os branquivermellos tomaron vantaxe grazas a Xacobe. O mediocampista está a devolver a confianza que a entidade de Pardellas depositou nel cando decidiron subilo para o primeiro equipo. E aí están os resultados, pois suma xa dous tantos no que vai de temporada. Un terceiro gol acabou coas esperanzas do Goián, que aínda non sumou ningún punto no que vai de liga.
Botámolo peche aos diferencias coa vitoria do Rápido de Bouzas por 1 a 0 ante o Caldelas. Os vigueses queren darlle unha alegría a súa afección e non van renunciar no intento de recuperar a categoría perdida o ano pasado. Para sacar os tres puntos nesta xornada tiveron que encomendarse á súa defensa. A zaga dos de amarelo e negro mantivo a portería a cero ademais de aportar o único gol do choque. Gonzalo Alonso conseguiu superar ao meta do Caldelas e poñer por diante ao Rápido. Coa fin do partido próxima, os xogadores de Jorge Iglesias arrexuntáronse para impedir que os visitantes saíran con vida do Baltsar Pujales. Algo que, sen dúbida, lograron.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.
Tamén podes acceder ás listaxes dos Diferenciais das pasadas xornadas, premendo aquí.






































































































































































































































































































































































































































































































































































































