# Hashtag

Os Diferenciais poñen o peche ao primeiro mes de competición na Primeira Futgal

Remata setembro e con el este primeiro mes de competición na Primeira Futgal. Os planteis xa perfilan os seus obxectivos, cuxa consecución dependerá en gran medida dos Diferenciais nesta categoría. Así pois, damos comezo ao repaso do máis destacado da xornada.

Derrotas para os líderes

Caen os líderes e o grupo 1 ponse patas arriba. A fin de semana deixou grandes cambios na táboa clasificatoria, que promete competitividade ata o final.

O duelo ferrolán entre Meirás e Cedeira saldouse con vitoria para os primeiros (1-0). Ao cuarto de hora de encontro, Artai fixo o primeiro para a ledicia da bancada do Misael Prieto. Primeiro gol da temporada para o extremo esquerdo, autor de 31 dianas na campaña pasada. E da celebración do tanto, pasouse ao sufrimento. O Meirás tivo que xogar con un home menos desde o minuto 30, instante no que Manuel López foi expulsado. Xa na segunda metade, o Cedeira tentou a reacción, pero sen éxito. O conxunto verde non perdeu a calma e soubo controlar o partido ata os intres finais para lograr a vitoria.



E outro equipo que cae da cabeza da clasificación é o Olímpico, logo de perder por 2 goles a 3. Os de Rutis caeron no seu propio feudo ante un Torre que está a firmar un magnífico inicio de competición. A pesar de comezar por debaixo, o cadro herculino logrou darlle a volta ao marcador grazas a Álex Pérez. Bo arranque para o atacante e capitán azul, que con este tanto suma xa 3 na súa conta particular. Os dous equipos quedaron con 10 xogadores tras o enfrontamento entre Sergio Sande e Jeffry Correa, que concluíu coa expulsión de ambos xogadores. Co reinicio do choque chegou o tanto da igualada, mais a insistencia do Torre permitiulles a estes dispoñer dunha última ocasión a piques de rematar o partido. Non fallaron e os de Armando conseguiron asaltar o complexo deportivo de Vilaboa.

Tamén houbo goles no Mundo do Fútbol. O Imperátor suma os tres puntos ao vencer por 4 a 2 a un Perlío que aínda non sabe o que é gañar. O cadro vermello comezou con bo pé e Azael abriu a lata aos 12 minutos. Reaccionaron rápido os de Fene e antes de chegar ao descanso lograron comandar o electrónico cun 1 a 2. Non se renderon os locais, que remontaron o partido con dous goles, un deles novamente de Azael. A falta de 5 minutos para o final, o Imperator sentenciou o partido cun cuarto tanto que lles vale para conseguir a primeira vitoria neste curso.

Tres aspirantes loitan polo ascenso

Pola súa parte, o grupo 2 é dominado por un triunvirato co que non se contaba nas quinielas previas ao inicio da competición.



Entre eles atópase o Calo, que continúa aferrado á primeira posición desde que se fixo con ela na primeira xornada. Iso si, faino con sufrimento logo de superar á Esteirana por 4 goles a 3. Espectáculo puro o vivido en Rebordelo, onde a bancada branquiazul celebrou aos 5 minutos de encontro o primeiro da tarde obra de Adrián García. Quen se non? Non quedou aí a actuación do killer dos de Teo. A Esteirana fíxose co dominio do encontro e anotou ata en tres ocasións, pero o máximo goleador da categoría vestiuse de heroe e con 2 tantos logrou a igualada. A tolemia apoderouse do terreo de xogo con varias idas e vidas por parte de ambos equipos. Ata que o Calo fixo valer a súa condición de líder para conseguir os tres puntos no último minuto.

Para remontada a do Racing San Lorenzo. Os picheleiros continúan coa súa xeira positiva e encadean dous partidos gañados tras impoñerse ao Queixas (3-2). Precisamente, os primeiros en anotar foron os de Julio Pablo Fernández, que chegaron a manexar unha renda de dous goles. A escuadra vermella recortou distancias para, unha vez iniciada a segunda metade, poñer as táboas no encontro por mediación de Pablo Otero. Chegado do Cacheiras, o novo dianteiro do Racing leva dous goles en dúas aparicións. Cando todo parecía listo para o remate do partido, o colexiado sinalou un penalti a prol do San Lorenzo. Non erraron os locais e converteron a pena máxima para levarse o enfrontamento.    

Colle aire o Fisterra e os ‘Rapacollóns’ batucan máis forte que nunca. O equipo da Costa impúxose por 2 a 0 a un Boimorto que leva xa tres xornadas sen gañar. Os locais tardaron pouco en adiantarse e o primeiro tanto verde levou o selo de Guille, unha promesa que xa é realidade. Con só 19 anos de idade, a xoia de Arasolís puxo o partido de cara para os fisterráns. Os intentos visitantes por facerse co control caeron en saco roto co segundo gol do cadro de Leo Picallo. Non houbo maior perigo para o Fisterra, que suma a primeira vitoria do curso e sae dos postos de descenso.



FOTO: SD Fisterra

Unha fenda entre os equipos lucenses

En terras lucenses comeza a abrirse unha fenda entre os favoritos e o resto de equipos. Así e todo, son varios os equipos que aínda non deron a súa última palabra.

Un deles é o Guntín. Os xogadores adestrados por Germán Campos esquecen os dous empates do comezo da liga e volven sumar de tres. Desta vez superaron ao Atlético Escairón por un resultado de 1 a 2. Logo dunha primeira parte máis trabada, os celestes conseguiron adiantarse grazas ao bo facer de Julito. Pero entón chegou Pablo Dávila para rescatar ao Guntín e reverter a situación con dous tantos. O equipo laranxa atopara un filón na banda dereita do Escairón, e continuaron a atacar a zona por onde chegaran os goles. Pese a atoparse en inferioridade numérica, os locais volveron facerse co dominio da pelota nos intres finais, pero a falta de acerto impediulles sacar un punto do encontro.

O Chantada segue ao seu e afianza o liderado despois de golear ao Oural (8-0). Pouco agardaron para furar as redes azuis, cun Joserra que viu porta nada máis comezar o duelo, no minuto 1. Na primeira metade O Sangoñedo asistiu a un monólogo por parte do seu equipo, inspirado de cara ao gol. Pola contra, o Oural desfíxose co paso dos minutos sen dispoñer de oportunidades para contrarrestar o asedio chantadino. Os de ‘Traste’ puxeron o 6-0 ao volver do tempo de lecer grazas a un Joserra en estado de graza. Hat-trick para o referente ofensivo dun equipo que non deixa de sorprender a cada semana que pasa.

E finalmente, o Outeiro de Rei foxe dos últimos postos coa súa vitoria por 2 a 1 ante o Lourenzá. Unha xogada de córner permitiu o primeiro tanto do conxunto verde e negro, pero ao pouco os branquivermellos lograron o empate. Ao volver do tempo de lecer, o cadro local recuperou a iniciativa e por medio do balón parado volveu inclinar a balanza cara o seu lado. Mateo Gorgoso rematou un saque de curruncho que vale o seu peso en ouro. . Dese xeito, o defensa central deulle a primeira ledicia da temporada aos de Fernando Corredoira: 3 puntos para coller distancia cos equipos do fondo da clasificación.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.



Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.

Tamén podes acceder ás listaxes dos Diferenciais das pasadas xornadaspremendo aquí.

Os Diferenciais poñen o peche ao primeiro mes de competición na Primeira Futgal

Así é un partido fóra para un

Os Diferenciais poñen o peche ao primeiro mes de competición na Primeira Futgal

Os Diferenciais poñen o peche ao primeiro

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *