A piques de pechar setembro, está claro que a Primeira Futgal aínda non está decidida. Máis competida que nunca, a máxima categoría do fútbol provincial pecha unha nova xornada chea de marcadores tolos e onde Os Diferenciais se alzaron como grandes protagonistas.
Goles para marcar a diferenza
O grupo coruñés deixou goles a moreas nunha fin de semana na que os atacantes firmaron grandes actuacións.
Tras o tropezo do Oza Xuvenil, o Cedeira fíxose co liderado da competición ao gañar con contundencia ao Relámpago (6-1). Gabi Balbás abriu a lata aos 8 minutos dun encontro que os branquinegros dominaron en todo momento. Tras o paso polos vestiarios, os locais continuaron co asedio á portería amarela nunha segunda metade onde os de Elviña baixaron os brazos. Volveu anotar Balbás para pechar a goleada no Carmen Maseda e asinar un hat-trick que coloca aos de Ferrolterra á cabeza da clasificación.

Xunto a eles atópase o Olímpico. Os de Rutis venceron ao Ural por 2 a 5 para levarse outros tres puntos a domicilio. A Grela acolleu un partido vibrante con varias idas e voltas, pero onde o conxunto culleredense logrou ser máis efectivo. A pesar de comezar por diante, o Ural conseguiu equilibrar o marcador cando restaban dous minutos para o fin do primeiro tempo. Pero entón apareceu Iannotti para anotar dous tantos cos que distanciarse do cadro verde. A pesar de recortar distancias, os locais non puideron evitar a resposta final dun Olímpico candidato ao ascenso.
Pola súa parte, Orillamar e Galicia de Mugardos tiveron que conformarse cun único punto logo de empatar a un gol. Os coruñeses foron os primeiros en golpear, pero o cadro de Moisés Pereiro non tardou en reaccionar e Rafa igualou o encontro para os verdibrancos pouco antes de chegar ao descanso. Chegado das Pontes, a nova fichaxe do Mugardos estreouse por todo o alto e promete dar de que falar neste grupo 1. A pesar da insistencia de ambos equipos, o electrónico do campo 2 da Torre non se moveu e o encontro rematou en empate.
Amarelo e negro, cores da temporada
Para sorpresas as do grupo 2. E é que non vale de nada vaticinar o que ocorrerá cada fin de semana entre os equipos santiagueses e os da Costa.

A Revolta viviu unha auténtica exhibición de fútbol a pesar da derrota do seu equipo. O Queixas caeu ante o Bertamiráns por 2 goles a 3 nun encontro que dispuxo de todos os ingredientes necesarios para un bo partido. A superioridade branquiazul fíxose notar desde os primeiros intres, levando a iniciativa con dous goles. Pero ao volver do tempo de lecer, os de Ames anularon aos seus rivais para poñerse 2 a 2. Insistiu a ofensiva aurinegra e, xa na prolongación, conseguiu levar o premio grazas a Roi Ferreiro, que furou as redes locais para darlle a segunda vitoria consecutiva ao Bertamiráns.
O amarelo e o negro están de moda no grupo, pois ao igual que o ‘Berta’, o Tordoia levouse os tres puntos tras golear ao Fisterra (4-0). Non houbo cor no Manuel Juncal, todo un fortín para o conxunto local. Os fisterráns chocaron contra a defensa rival sen poder superala e sufrindo, ademais, a un Víctor Vilariño en estado de graza. O mediocampista tordoiés foi diferencial na vitoria dos seus, á que contribuíu cunha aportación de tres goles nunha tarde plácida para o Tordoia, segundo clasificado só por detrás do Calo.
Quen tamén arrincou por todo o alto foi o ‘queixo mecánico’, co obxectivo de volver á Preferente Futgal. O Arzúa marchou de Castriz cos tres primeiros puntos, logo de gañar 0-1 cun gol do sempiterno Ivalotelli. O dianteiro inicia a súa cuarta etapa no Viso e non pretende que as cousas cambien. Nada máis comezar a segunda parte, transformou un lanzamento de falta directa para poñer por diante aos seus. Valéndose do seu tanto, os branqiuazuis leváronse a segunda vitoria nesta temporada ademais de deixar ao Castriz con 0 puntos, nun arranque que non pode ser peor para os de San Pedro.

Dous galos á procura do liderado
Tamén houbo fútbol a esgalla en terras lucenses.
Tras o ronsel do Chantada atópase a Residencia, que segue sen fallar. Os lucenses aguántanlle o pulso ao líder e conseguen gañar en Cerdeiriños, onde se impuxeron por 1 a 3 ao Monterroso. Iso si, non lle foi nada fácil aos da Cheda. Os locais conseguiron igualar o tanto rival ao bordo do descanso, pero os branquiazuis reaccionaron para anotar o 1-2 e, xa na prolongación, sentenciar o encontro cun penalti. Dani Renda foi o verdugo do Monterroso e, co da pena máxima, suma dous tantos neste comezo de curso.
Os afeccionados que se achegaron ata o Pepe Barrera puideron desfrutar co partido do seu equipo. O Ribadeo impúxose ao Outeiro de Rei sen clemencia (0-6) e esquece a pasada derrota a costa dos chairegos. Malia aguantar as ofensivas celestes, o cadro visitante viuse desbordado cando Castrín anotou o primeiro na súa conta particular. Era o minuto 35 e o furacán mariñán acababa de comezar. Catro goles –un deles, novamente, de Castrín –en apenas 10 minutos para acabar con toda posibilidade de remonta por parte do equipo de Fernando Corredoira.
O Oural celebra a primeira vitoria da temporada tras superar ao Xove Lago por 2 goles a 1. Partido agónico o vivido no Luís Pallín e que non se resolveu ata os intres finais. Decididos a sumar os tres puntos, os locais foron mellores que o seu rival nos primeiros 45 minutos. Pero o acerto tivérono os de Santi Silvar, que se adiantaron nada máis comezar a segunda metade. Volveu a carga o Oural e desta vez si obtivo o premio do empate para despois, no desconto, conseguir o segundo e definitivo tanto cun disparo desde a frontal de Cayuela. Una vitoria que serve aos azuis para escapar dos últimos postos nos que permanece o Xove Lago.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.
Tamén podes acceder ás listaxes dos Diferenciais das pasadas xornadas, premendo aquí.






































































































































































































































































































































































































































































































































































































