O Carral comezou a tempada con paso firme e pleno de vitorias. Dous partidos, dous triunfos e seis puntos que colocan ao conxunto nun inicio esperanzador de cara a un curso no que as aspiracións son altas. Un dos protagonistas deste arranque é Jonatan Fila, que decidiu os encontros con tres goles, demostrando que segue sendo unha das referencias ofensivas da categoría.
Non é a primeira vez que o nome do Carral soa con forza. Nos últimos anos o club estivo ás portas do ascenso en varias ocasións e mesmo xogou unha final de Copa da Coruña en Riazor, fitos que consolidaron á entidade como un dos equipos con máis carácter competitivo da Primeira Galicia. Agora, coa ilusión renovada, a afección volve soñar con ver ao equipo dar o salto a Preferente.
O xogador, cunha década defendendo as cores do Carral e con máis de medio cento de goles nas últimas tempadas, fala con orgullo do seu club, do grupo humano que o rodea e das gañas de lograr algo grande. Nesta entrevista repasa o bo inicio de liga, recorda momentos agridoces vividos no pasado e deixa claro que a ambición do vestiario é máxima.
Futbolingalicia: No primeiro partido marcaches o gol da vitoria e esta fin de semana anotaches dous tantos para completar a remonta fronte ao Imperator. Que valoración fas do inicio de liga?
Jonatan Fila: «A valoración é positiva porque gañamos os dous partidos, que é o máis importante. Os inicios de liga sempre son complicados, por iso estou máis que satisfeito, aínda que queda moito por diante».
FIG: O Carral suma 6 de 6. A que obxectivo aspira o equipo esta tempada?

JF: «Penso que levamos anos facendo as cousas ben, xogando fases de ascenso e chegando a semifinais de copa. Este ano temos que ir a por todo».
FIG: O ano pasado quedástesvos ás portas do ascenso tras perder a final co Victoria. Como se viviu esa fase de ascenso?
JF: «Foi unha mágoa quedar sen ese ascenso no último minuto, pero o fútbol é así. Hai que quedarse co bo. Fixemos unha gran tempada nun grupo diferente e chegar a unha fase de ascenso sempre é un premio ao traballo de todo o ano. Ademais, a afección estivo aí acompañándonos en todos os partidos».

FIG: O Carral estivo en varias fases de ascenso a Preferente pero non conseguiu culminar. Que recordos gardas deses play-offs?
JF: «Son recordos agridoces porque ao final non se consegue o ascenso, pero son partidos que quedan na memoria. Ver O Castro con máis de mil persoas xa é un premio. Neses encontros non podes aforrar esforzo nin perder a concentración, porque calquera detalle pode saír moi caro».
FIG: En 2017 perdestes a final da Copa da Coruña contra o Paiosaco. É esa a outra espiña das últimas tempadas?
JF: «Máis que unha espiña, foi un orgullo. Todos sabíamos do gran equipo que tiña o Paiosaco e da calidade dos seus xogadores. Adaptáronse mellor ca nós a un campo como Riazor. Que un club modesto coma o Carral chegase a unha final xa é motivo de orgullo».
FIG: Levas máis de 55 goles nas últimas cinco campañas en Primeira Futgal. Cales son as claves deste rendemento?

JF: «Sen dúbida, os meus compañeiros, que moitas veces póñenme as cousas moi fáciles e fanme mellor xogador. Pero tamén o ambiente fóra do campo: os churrascos de Óscar (Croco) e as ceas no Caravel son parte da fórmula que explica que levemos tantos anos loitando por cousas bonitas».
FIG: Levas máis dunha década no Carral. Que significa para ti este club?
JF: «Para min forma parte da miña vida, van da man».
FIG: Probaches fortuna en categorías superiores co Atlético Coruña Montañeros e o Silva. Que lembranza gardas deses anos?
JF: «Moi positiva. Atopeime dous grupos de compañeiros que hoxe son amigos de verdade e recibín un trato excelente en ambos os clubs».
FIG: Recibiches ofertas para xogar en categorías superiores nos últimos anos. Por que decidiches quedar?
JF: «Si, tiven varias, pero ningunha me podía dar o que me dá o Carral. Se aquí conseguimos ascender ou gañar unha copa, esa satisfacción non a vou atopar en ningún outro sitio».
FIG: Este domingo xogades contra o Sporting Coruñés, que aínda non puntuou. Que partido agardas?
JF: «Sabemos que teñen un bo equipo e que a pasada semana estiveron a piques de empatar contra o Cedeira, que vai estar arriba. Non nos podemos confiar, e moito menos xogando na casa. Se queremos pelexar polo ascenso, no Castro non podemos deixar escapar ningún punto».



























































































































































































































































































































































































































































































































